A Xunta destaca o aumento do 6,6% en investimentos en 2018, e a oposición tacha os orzamentos de "antisociais"

Facenda di que se melloran previsións a 2020, e a oposición denuncia unha "mediocre" execución das contas

Santiago de Compostela | 26/10/2017 | Actualizada ás 15:21 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou os 1.569 millóns de euros cos que contará a Xunta no seu orzamento de 2018 para investimentos, o que supón un 6,6% máis que en 2017. En contraposición, toda a oposición mostrou o seu rexeitamento a uns orzamentos que tachan de "irresponsables", "antisociais" e baseados nun "crecemento de cristal".

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. | Fonte: Europa Press

En comparecencia no Parlamento galego para presentar os orzamentos, Valeriano Martínez remarcou que no 2018 farase "a maior aposta polo investimento desde antes da crise", con 97 millóns máis para investimentos que este exercicio.

Así, insistiu en que estas contas de 9.487 millóns (+2,9%) supoñen que "o modelo de crecemento san está consolidado", nun contexto de "estabilidade", xa que Galicia é "a única comunidade na que existe a certeza de que se aprobarán os orzamentos en prazo".

A este respecto, reiterou as liñas mestras dos orzamentos para 2018, onde haberá 331 millóns máis para gasto social, innovación e emprego. Así mesmo, prevese a creación de 17.500 novos traballos e unha taxa de paro que baixe ao 14,2% o ano que vén, no que se estima un crecemento en torno ao 2,5%.

"Levamos varios anos querendo traer á Cámara uns orzamentos como os presentes", sentenciou Valeriano Martínez durante a súa intervención na que asegurado que a Xunta "está a mellorar" as previsións marcadas na senda do plan estratéxico até 2020.

"Non vou sacar peito mundial, pero a cousa vai suficientemente ben", afirmou o conselleiro, aínda que recoñeceu que a Xunta afronta o "reto" de que esta recuperación sexa "equitativa, inclusiva e integradora".

"POR QUE TEMOS QUE VIVIR PEOR CON MÁIS RIQUEZA?"

No debate, Manuel Lago (En Marea) mostrou o seu rexeitamento rotundo a unhas contas "decepcionantes", "antisociais", "continuistas" e "neoliberais". "Por que se xa temos o mesmo nivel de riqueza que antes de caer na recesión temos que vivir peor?", cuestionou ao conselleiro de Facenda.

Na súa argumentación denunciou que mentres a riqueza crece en Galicia en torno ao 5% o orzamento só faio sobre un 3%, polo que lamenta que "desaparece" a capacidade da administración para actuar sobre a repartición da riqueza.

Fronte á "arcadia feliz" do PPdeG, Lago pregúntase por que se en 2018 Galicia vai alcanzar o seu nivel de PIB máis alto da historia haberá condicións "significativamente peores" para a poboación. "Saír de recesión non é saír da crise", avisou. "Non damos pasado da macro ao micro, as estatísticas á realidade da xente", profunda.

E é que pese ao avance do PIB, alerta de que hai unha caída de 2.000 millóns de euros fronte a 2008 nas rendas salariais. Hai unha "perda de salarios" mentres soben as rendas empresariais. Unha situación que se traduce en que "un de cada tres asalariados é pobre", con 310.000 persoas que ingresan menos do "miserable" salario mínimo.

PSDEG: EXECUCIÓN REAL "MEDIOCRE"

Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) tamén explicou que o seu grupo votará en contra deste proxecto de orzamentos, que considera que non son "nin tan sans nin tan consolidados como anuncian", pois sostén que o emprego crece menos en Galicia que en España e non se recuperarán os niveis de 2009 até 2024.

Especial fincapé fixo a deputada socialista sobre a execución final "moi mediocre" da Xunta nos seus orzamentos dos últimos exercicios. Puxo como exemplo que se deixaron sen executar 330 millóns de dinamización económica do medio rural, mentres a fixación de poboación está só no 6,3% do orzado actualmente.

Tamén recrimina que as partidas en accións preventivas de incendios baixan un 5% en 2018. Rodríguez Rumbo deixa claro que a "Xunta non é culpable dos incendios", pero "algo terá que ver" a "falta de políticas de prevención" para preservar a integridade de persoas e vivendas.

BNG: "CRECEMENTO DE CRISTAL"

Pola súa banda, Noa Presas (BNG) informou de que o seu grupo presentará unha emenda á totalidade dunhas contas que ve "irresponsables", xa que "avalan unha liña continuista" cun "crecemento que é de cristal". Sobre este extremo, di que lle "alarma" que se prevé unha baixada do paro "pola redución da poboación activa".

Presas reprocha que o Goberno galego "segue teimudo en trasladar a imaxe da recuperación", pero cre que se "camiña na dirección contraria". Aquí, avisa de que aínda que se recuperen niveis de gasto precrisis non se fai o mesmo coas súas "prioridades", que "se afastan dos obxectivos de xustiza social", cunha planificación que é insuficiente para "compensar todos os anos de recortes".

Unha cuestión sobre a que chamou a atención Presas é que en 2018 soben até 3.057 millóns os compromisos público-privados até 2040, fronte á estimación que se facía en 2017 de 2.857 millóns. En resposta, o conselleiro de Facenda pediu "desculpas", xa que isto débese a un erro que xa se emendou.

PP: "A RECESIÓN QUEDOU ATRÁS"

En cambio, Pedro Puy (PPdeG) afirmou que estas contas "demostran que a recesión quedou atrás", cunha situación económica que "no seu conxunto é bastante mellor que no pasado".

Nesta liña, resalta que "Galicia é a comunidade autónoma que fai maior esforzo investidor", á vez que se referiu aos datos da EPA coñecidos este xoves, con "a menor taxa de paro desde 2009".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta