Como será o PSdeG de Gonzalo Caballero?

O novo líder socialista aposta por integrar a todas as sensibilidades, pero o seu equipo estará configurado cos seus máis estreitos colaboradores. Xoaquín Fernández Leiceaga será o presidente do partido, tal e como xa adiantara GC.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2017 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral electo do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostrouse disposto este venres, o día que formalmente se abre o congreso, a "integrar" ás distintas sensibilidades existentes no seu partido "baixo a mensaxe de cambio" enviado pola militancia nas primarias que gañou. Con todo, as principais responsabilidades serán para xente do seu equipo.

Xoaquín Fernández Leiceaga y Gonzalo Caballero (PSdeG)
Xoaquín Fernández Leiceaga y Gonzalo Caballero (PSdeG)

Díxoo, a preguntas dos xornalistas, após visitar o recinto que acolle este conclave, no que será ratificado como novo líder do PSdeG e no que se aprobará tamén a directiva que lle acompañará nos próximos anos na tarefa de conducir o partido.

Polo momento, non quixo confirmar ningún nome, aínda que fontes da súa contorna deron por feito a Europa Press que o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, ocupará a presidencia e que o avogado coruñés Pablo Arangüena tamén terá un posto de relevancia, tal e como xa adiantara Galicia Confidencial, xusto o día despois da súa vitoria. É probable, ademais que Martín Seco, portavoz do PSdeG en Arteixo teña tamén unha función importante. Ademais, auguran que o seu equipo será amplo, por encima das 30 persoas e con varias vicesecretarías.

"Faremos a mellor dirección posible para o PSdeG", salientou Gonzalo Caballero, quen pretende "construír un PSdeG máis forte, renovado e con sensibilidade para integrar ao conxunto do partido". Iso si, puntualizou, "coherente coa mensaxe de cambio" que elixiu a militancia.

E é que, como defendeu, as primarias "marcan unha nova etapa" na que toca "renovar e fortalecer" a organización, aberta "desde logo" a "todos os compañeiros que poñan a súa capacidade" ao servizo do secretario xeral "que é de todos os socialistas galegos".

"SOMOS O CAMBIO"

Baixo a lema 'Somos o cambio', o PSdeG referendará o sábado a Gonzalo Caballero como xefe de filas e aprobará, en catro comisións, unhas guías que marcarán a orientación do traballo dos socialistas en senllos marcos político, económico, social e referido á súa organización interna.

Após este labor previo a unha conferencia política que se celebrará o ano próximo, na antesala das municipais, o domingo someterase a votación a nova directiva. Ademais, prevense as intervencións dos expresidentes socialistas da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, ademais do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e o seu responsable de Organización, José Luís Ábalos.

"Fago un chamamento á participación para abrir a mellor etapa posible para o PSdeG e para o conxunto do país", proclamou o economista vigués, para quen o seu partido será "o cambio posible" e "a alternativa na esquerda" para Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cervantes

Novamente Beatriz Sestayo vai estar na Executiva de Galicia ( cando menos e o que anda decindo por Ferrol )