Temas: LIGAACB

O Obra tumba un invicto

O Monbus Obradoiro vence 65-73 a Fuenlabrada, que chegaba co-líder sen derrotas, e suma a cuarta vitoria en seis xornadas, a primeira lonxe do Fontes do Sar. Matt Thomas, con 15 puntos e 4 rebotes, o mellor dos composteláns.

Por gcdeportes | Compostela | 28/10/2017 | Actualizada ás 23:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Fuenlabrada 65:
Vargas (4), Popovic (17), Christian Eyenga (5), O'Leary (6), Olaseni (0) –cinco inicial- Luka Rupnik (5), Álex Llorca (4), Sekulic (9), Paco Cruz (2), Smits (9) e González (4).
Obradoiro 73: Pepe Pozas (8), Matt Thomas (15), Bendzius (5), Ben Simons (8), Artem Pustovyi (12) –cinco inicial- Albert Sábat (3), Radovic (8), Martins Laksa (0), Nacho Llovet (7), David Navarro (4) e Corbacho (3).
Parciais: 18-19, 18-14 (36-33), 15-22, 14-18 (65-73).
Árbitros: Vicente Bultó, J.R. García Ortiz e Andrés Fernández. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 6ª xornada da Liga ACB disputado no pavillón Fernando Martín de Fuenlabrada ante 5.503 espectadores.

Matt Thomas, 15 puntos no Fernando Martín.
Matt Thomas, 15 puntos no Fernando Martín. | Fonte: ACBPhoto

Era o mellor inicio na historia dun invicto Fuenlabrada, pero o Obradoiro tumbou o líder e acabou igualando o seu mellor arrinque na ACB. Nuncha cancha talismán (seis vitorias en oito visitas), o equipo compostelán venceu 65-73 e acadou a cuarta vitoria en seis xornadas, a primeira lonxe do Fontes do Sar. E iso malia a que só tirou 3 tiros libres, por 20 dos locais. O mellor dos obradoiristas foi Matt Thomas, con 15 puntos e 4 rebotes, por 12 e 5 de Artem Pustovyi.

Apoiado na defensa e no poderío interior de Artem Pustovyi, o Obradoiro comezou dominando con 2-10 tras triplas de Matt Thomas e Pepe Pozas. Ben Simons, titular no Fernando Martín, anotou tamén dende 6,75 (5-13), pero con oito tiros libres e unha tripla de Smits, Fuenlabrada igualou o choque tras dez minutos: 18-19.

Foi pésimo o arrinque do segundo acto do Obra, que tardou case cinco minutos en anotar. E Fuenlabrada, cun parcial de 11-0, deulle a volta ao marcador (29-18). Moncho Fernández parou o partido e os composteláns, con triplas de Albert Sabat e Ben Simons para un parcial de 2-13, volveu igualar o encontro (31-31). Pero Popovic, con 5 puntos consecutivos, deulle vantaxe ao equipo madrileño ao descanso: 36-33.

Tralo paso por vestiarios, Fuenlabrada abriu un pequeno oco (40-33) que Matt Thomas deixou en nada (42-40). Cunha tripla de Corbacho e un 2+1 de Thomas, o Obra deulle a volta ao marcador (44-46) no minuto 25. Os de Moncho Fernández apertaban en defensa, Nacho Llovet anotou unha tripla e Radovic puxo en vantaxe ao Obra a falla de dez minutos (51-55), cun parcial de 15-22 no terceiro cuarto.

David Navarro e Radovic anotaban para o Obra, e unha tripla de Bendzius puxo a máxima vantaxe compostelá con 55-64 a 5.35 do final. A base de tiros libres e cunha tripla de Popovic, Fuenlabrada meteuse na lea (65-66). Nacho Llovet anotou unha canastra decisiva, Matt Thomas puxo o 65-70 e Pepe Pozas sentenciou a vitoria cunha tripla a 19 segundos do remate. 69-73, cuarta vitoria obradoirista e primeira lonxe de Sar. O vindeiro domingo (12.30 horas), visita ao UCAM Murcia.

Pepe Pozas e Nacho Llovet celebran a vitoria en Fuenlabrada.
Pepe Pozas e Nacho Llovet celebran a vitoria en Fuenlabrada. | Fonte: ACBPhoto
Temas: LIGAACB
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta