Dura carta da Sociedade de Historia Natural a Feijóo e a todos os partidos pola xestión dos incendios

A entidade científica critica a declaración institucional do presidente da Xunta trala vaga de lumes por "non facer fronte á realidade". Tamén sinala a todas as forzas políticas e gobernantes do país por usar os incendios como argumento para a confrontación no canto de unirse contra esta praga.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/10/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural vén de publicar unha carta aberta en resposta á declaración institucional asinada polo presidente da Xunta de Galicia trala vaga de incendios en Galicia, e publicada en páxinas de publicidade de varios xornais. Na misiva, a sociedade científica expresa a súa "decepción" pola "ambigüidade" de Feijóo, ao que acusa de non facer fronte á realidade dos lumes, prendidos por "xente de aquí, galegas e galegos". Pero a SGHN tamén se dirixe a todos os partidos políticos e a todos os gobernantes do país, aos que pide que "se poñan todos a unha, sen cores nin bandeiras, a loitar contra os incendios forestais".

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez

Velaquí a carta:

INCENDIOS FORESTAIS:
Carta aberta de SGHN ao Presidente da Xunta de Galicia, 
aos partidos políticos e a toda persoa que queira escoitar

Santiago, 30-10-2017

Sr. Presidente,

Despois de ler detidamente a súa declaración institucional logo da vaga de incendios de outubro, sentímonos de novo profundamente decepcionados.

Ao longo do seu discurso todo é etéreo, ambiguo, cando agora é momento de falar con claridade e actuar con determinación.

Fala vostede de terrorismo pero ben sabe que NON SON TERRORISTAS os que queiman o monte en Galicia, nin incendiarios vidos de fóra. Vostede sabe perfectamente dende hai anos que son xente de aquí, galegas e galegos como vostede, como todos nós, que por moi variados motivos prenden lume no monte, no que no fondo podería semellar un desapego da terra, un desamor por Galicia que ninguén ata agora tentou corrixir.

En canto a vostedes, Partidos Políticos e gobernantes que nos representan, non podemos dubidar da sinceridade da súa dor e o seu pesar, mais cando despois de cada vaga de lumes se enfrontan no Parlamento, nas Deputacións ou nos Concellos, cando fan declaracións públicas, semella que os incendios, lonxe de ser unha prioridade, lles importan ben pouco.

TODOS, en maior ou menor medida, son tamén responsables deste desastre, sexa por toleralo, por non denunciar, ou por non poñer os medios para evitalo.

Apliquen vostedes as leis, empreguen con intelixencia e visión de futuro os recursos públicos que xestionan, fagan o seu traballo e adiquen os seus esforzos á procura do ben para todos.

Póñanse todos a unha, sen cores nin bandeiras, a loitar contra os incendios forestais e, DE VERDADE, "fortalezan os lazos de unión de toda a xente que vive, que vivimos, en Galicia", como din na declaración institucional. Aí tamén estaremos nós.

Agora é o momento, aprovéiteno, aproveitémolo.

Xunta Directiva Xeral de SGHN.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 vice-vice MARCHA XA!!!!

Isto e tan duro como un.ha almofada de plumas de parruliño recen saido da casca do ovo da sua nai...DAISI...non piden a cabeza de RUEDA VELANZUELAS o Xparvo que deixou pudrir a emerxencia durante 12 horas... abandono de posto en grave situación de risco!!! onde estaba o vice-vice, onde estaba o gran xcabrito... e non estaría por ahí adiante... non estaría de farranda... luMes por todos lados, ventos furacanados e a emerxencia abandonada no momento mais grave, que foi por depresión nerviosa, por meditis...había xcagaleiras... ou que??? señores a carta non e dura e moi blanda... polo menos non defenden a churrascadores de churizos incendiaiarios da piromaniaca!!!! (o detector de palabras mal soamentes esta pitándome moito) E LEMBRADE AS VICTIMAS QUEIMADAS!!!