A Unesco inscribe o Códice Calixtino no Rexistro da Memoria do Mundo

A Xunta celebra esta declaración, que recoñece "o alto valor e significado" deste manuscrito.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2017 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia expresou a súa satisfacción e celebrou que a Unesco recoñeza "o alto valor e significado" do Códice Calixtino coa súa inscrición no Rexistro da Memoria do Mundo. "A declaración supón unha chamada a continuar traballando na conservación deste legado", destaca.

O Códice Calixtino
O Códice Calixtino

Despois da recomendación do comité consultivo internacional, o manuscrito medieval que se conserva no arquivo da Catedral de Santiago pasa a formar parte desta "prestixiosa e transcendental lista", valora a Xunta. Non en balde, engade que contén as testemuñas documentais "máis importantes da historia da humanidade".

En xullo de 2011 a Policía Nacional confirmou que o Códice Calixtino se atopaba en paradoiro descoñecido. Non foi até un ano despois cando un ex-electricista da Catedral de Santiago foi detido pola súa relación coa desaparición.

A Audiencia condenou a este home a dez anos de prisión por furto, roubo continuado e branqueo de capitais pola subtracción do manuscrito medieval e outros efectos.

"VALOR PERMANENTE"

Segundo lembra a Xunta agora, a iniciativa para conseguir a súa inclusión partiu dela, após asumir a proposta formulada polo comité internacional de expertos do Camiño de Santiago e elevouna ao pleno do Consello Xacobeo celebrado en Compostela en decembro de 2015, coincidindo coa apertura do xubileu da Misericordia.

Esta posibilidade foi avaliada entón polo resto de comunidades autónomas e das institucións con presenza neste órgano presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo.

O seu departamento, de feito, foi o responsable de tramitar a candidatura, a través da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais, e de Arquivos, Bibliotecas e Museos e, dentro dela, da Subdirección Xeral dos Arquivos Estatais, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura.

A inscrición do Liber Sancti Iacobi no Rexistro da Memoria do Mundo "pon de manifesto a afirmación da Unesco sobre o seu valor e significación permanente, e evidencia que a súa relevancia transcende os límites do tempo e da cultura, polo que debe preservarse para asxeracións actuais e futuras e ser compartido con todos os pobos do mundo", subliña a Xunta.

TESTEMUÑA DA EUROPA MEDIEVAL

Xunto ao Códice Calixtino, a Unesco tamén recoñece as copias medievais que se custodian en bibliotecas e arquivos de España e Portugal.

De feito, o nome completo da candidatura foi 'The Codex Calixtinus of Santiago de Compostela Cathedral and other medieval copies of the Liber Sancti Jacobi: The Iberian origins of the Jacobian tradition in Europe', como mostra da importancia que tiveron na Europa medieval todas estas testemuñas documentais, nas que se recolle a tradición textual ao redor do culto xacobeo e do Camiño de Santiago.

O programa Memoria do Mundo é unha das tres iniciativas complementarias da Unesco coas que busca incrementar a protección e concienciación do patrimonio cultural mundial.

As outras dúas son a Convención para a Protección do Patrimonio Cultural e Natural do Mundo, á que está adscrita a Lista do Patrimonio Mundial, e a Convención para a Protección do Patrimonio Intanxible.

Galicia amplía así o seu catálogo de bens nestes programas, nos que xa estaban presentes a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, así como os diferentes bens asociados aos referidos itinerarios xacobeos, como é o caso das catedrais de Lugo e de Mondoñedo ou o mosteiro de Santa María de Sobrado.

VALOR XACOBEO E UNIVERSAL

Este recoñecemento, que potencia o carácter universal do patrimonio xacobeo, prodúcese precisamente en plena conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo.

O Códice Calixtino contribuíu de maneira decisiva a afianzar o papel da cidade de Santiago de Compostela como meta dos peregrinos que, desde os máis remotos lugares de Europa, acudían até a tumba do apóstolo Santiago.

Os distintos libros que integran este manuscrito iluminado, especialmente o Libro V, definen os fundamentos da peregrinación e o papel que a Igrexa compostelá, dirixida polo arcebispo Diego Xelmírez, desenvolveu no seu impulso.

COMPILACIÓN DE CINCO LIBROS

Dos cinco libros que compoñen o Códice Calixtino, o primeiro é o de maior extensión. Recolle contidos litúrxicos: misas, homilías, sermóns, cantos, bendicións, procesións e relatos sobre a Paixón de Santiago o Maior.

O Libro II recompila os milagres do apóstolo en diversos lugares dos camiños, entre eles o mar. No Libro III nárrase a Translación do corpo do apóstolo desde Xerusalén a Iria Flavia e o seu traslado até Santiago de Compostela.

O Libro IV, tamén chamado Crónica de Turpín, de gran difusión, relata en clave literaria as aventuras de Carlomagno en Hispania. Por último, o Libro V, o máis coñecido, é unha sorte de guía das rutas xacobeas. Nas súas páxinas descríbense os camiños, os santuarios, asxentes, comidas e costumes. Contén recomendacións e advertencias e describe o aspecto de Santiago de Compostela e a súa catedral románica nas primeiras décadas do século XII.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta