Os promotores de Porto Cabral: “Os que o critican serán os primeiros en poñerse á cola para pedir traballo”

O presidente dos comuneiros advirte a PP e PSOE de que non apoiar Porto Cabral "é non querer facer nada por Vigo". Garante que o monte comunal "non corre risco" e, aínda con Porto Cabral, terá máis superficie que hai uns anos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/11/2017 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O presidente da Comunidade de Montes de Cabral, Luís Rodríguez, un dos principais defensores do proxecto Porto Cabral, en Vigo, volve saír en defensa desta iniciativa empresarial. E faino con contundencia. “Os que forman a minoría que se opón a Porto Cabral serán os primeiros en porse á cola para beneficiarse dos empregos”, dixo ao tempo que lamentou as "perogrulladas" e "intoxicacións" dos críticos con esta iniciativa.

Presidente da Comunidade de Montes de Cabral, Luís Rodríguez
Presidente da Comunidade de Montes de Cabral, Luís Rodríguez

Así, e con respecto ao grupo de comuneiros que se opoñen a 'Porto Cabral', o presidente da xunta reitora insistiu en que son "minoría" e que "non se pode dicir que a Comunidade de Montes estea en contra. É máis, suliñou que a directiva é a primeira promotora desa campaña de recollida de firmas". Así, descualificou os argumentos que utilizan os opositores para criticar o proxecto, e asegurou que "nunca" coñeceu unha iniciativa que fose máis "pública, explicada e transparente". 

Ademais, xustificou a posición da directiva comunal, e lembrou que, se existen os terreos para uso comercial, "o menos que se podía facer era sentar a negociar", que foi o que fixo a directiva. Nesa liña, afirmou que, nese espazo, "está prevista a expropiación forzosa" cando se desenvolva, e para lograr o acordo máis beneficioso, a Comunidade de Montes pactou un prezo de 40 euros por metro cadrado, moi superior á media do prezo en expropiacións dese tipo.

ASEMBLEA POLÉMICA

Rodríguez tamén se referiu á polémica asemblea celebrada en novembro de 2013 (despois de ser aprazada por incidentes cos comuneiros críticos). Segundo precisou, o que se someteu a votación nesa reunión foron "as condicións" que a xunta reitora pactou con Intu (o prezo das expropiacións, a reposición de servizos, o acondicionamento dun lugar alternativo para a Romaría do Pan de Millo, etc.), e non se os comuneiros estaban a favor ou en contra de Porto Cabral. En todo caso, o pasado verán, o Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Vigo ordenou rexistrar a sede dos comuneiros para localizar a documentación que xustifique o gasto de case tres millóns de euros en terreos. 

Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo
Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo

Sobre isto explicou que a previsión de ingresos por esas 30 hectáreas de monte é de entre 11 e 13 millóns de euros, dos que o 40 por cento, como é preceptivo, destinarase "a adquirir patrimonio e xerar emprego". Ademais, defendeu a xestión da xunta reitora desde que el a preside, e destacou que, nos últimos anos, o patrimonio de solo forestal comunal creceu en 55 hectáreas, á vez que lembrou que, por lei, a entidade está obrigada a reinvestir no monte o 40 por cento dos seus ingresos.

Pero a pesar do megaproxecto, insistiu que a Comunidade de Montes terá máis superficie que hai 18 anos. "Imos defender o monte por encima de todo. Non corre ningún risco, porque aínda quedarían 25 hectáreas máis de terreo forestal que cando eu cheguei", insistiu. Por iso criticou a vinculación "intencionada" que se fixo dos incendios do 15 de outubro co desenvolvemento de Porto Cabral.

APOIO DE PSOE E PP

Ante a oposición de unha gran parte de comuneiros, de veciños, de entidades sociais, culturais e ecoloxistas de Vigo, e de En Marea e BNG, Luís Rodríguez expresou a súa confianza en que "algún dos partidos maioritarios" na Cámara galega asuma a proposición non de lei de iniciativa popular en favor do macrocentro comercial. "Se non fóra así, significaría que nin PP nin PSOE queren facer nada por Vigo".

Nunha entrevista a Europa Press, Rodríguez lembrou que está a piques de finalizar unha campaña de recollida de firmas, que conta con máis de 60.000 apoios, e lembrou que o proxecto supón un investimento "privado" de 600 millóns de euros para a parroquia e para a cidade, a creación duns 4.000 empregos directos.

Con respecto á manifesta oposición que proclamaron BNG e En Marea ao proxecto, Luís Rodríguez lembrou que o sector de Liñeiriños, onde se instalaría Porto Cabral, foi deseñado e encadrado no Plan Xeral por un goberno municipal nacionalista, polo que ve "incoherente" a posición do BNG. En canto a En Marea, lamentou que non teñan "ningún proxecto de interese" para a cidade olívica e, en todo caso, subliñou que os defensores do proxecto de Intu levan recollidas "máis firmas que votos tiveron Marea e BNG xuntos" na cidade.

PLAN B

O presidente dos comuneiros de Cabral recoñeceu que "non hai un plan B, de momento", no caso de que a iniciativa non prospere na Cámara galega. Se non sae adiante o proxecto, sinalou, "habería que esperar a un novo Plan Xeral, sería lamentable porque seguramente, cando estea listo, os investidores xa non estarán aí".

A ese respecto, lembrou que os promotores de Porto Cabral "levan esperando desde 2013" e, aínda que ratificaron o seu interese por instalarse en Vigo, "ofrecéronlles parcelas noutros sitios próximos". Se a iniciativa non prospera, engadiu, a cidade "perdería unha oportunidade de ouro de ter un investimento forte, como non hai en toda Galicia e como poucas en España".

Imaxe idílica do que sería o proxecto Porto Cabral, de realizarse
Imaxe idílica do que sería o proxecto Porto Cabral, de realizarse
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

7 Porto Miseria

A ver se comezamos a distinguir entre proxectos invertibles e proxectos sostibles. Os proxectos invertibles son fundamentalmente especulativos, extraen a riqueza do lugar, e marchan. Xeran poucos postos de traballo, e acaban cos recursos. Os proxectos sostibles xeran riqueza en lugar de extraela e xeran máis postos de traballo durante moito máis tempo. Os políticos intelixentes apoian os proxectos sostibles e non este tipo de cafradas como Porto Cabral, que xa se ve de lonxe de que vai.

6 Monica Gomez Barral

Entendo que pareza bo ese proxecto,e ademais seguro hai moi boas intencions e esperanzas por parte dos comuneiros,o problema que xa non é rentable o macroproxecto,por unha razòn,non hai consumo que de coa solvencia dese tipo de proxecto hai moito onde mercar,e pouco consumo porque hai poucos salarios altos,pouco ocio por falta de tempo,estamos nunha fase de creva do sistema actual de consumo,enton os politicos miraran outros proxectos fallidos como son "isla magica"perderonse millons de euros"e outros proxectos na costa brava etc.proxectos de moito emvistimento e pouca ganancia,se antes ó millor piderian apostar apesar dalgunhas criticas opositoras agora ningun economista lle da resultado nos seus análises! Este e un momento de reciclaxe,non de macroproxectos non dan rrsultado,ler a Niño Becerra!

5 samil

Totalmente de acordo coa postura do BNG. Estos megaproxectos o único que fan e destruir o comercio e o emprego local. O pequeno e mediano comercio é o que hai que apoiar, e non os pelotazos destes lobbies. Por certo, asi conseguen as sinaturas: http://www.sermosgaliza.gal/articul...

4 omesmocontodesempre

¿Sabedes o que pasou cós megaproxectos coma éste na COruña? O Dolce Vita, por exemplo, leva pechado varios anos, e ía crear 4000 postos de traballo. https://www.lavozdegalicia.es/notic... Sempre venden o mesmo descursiño dos miles e miles de postos de traballos e beneficios, pero a realidade é ben outra. https://www.change.org/p/alberto-n%...

3 Sabela

Gamela xa é un troll do PP. Dálle argumentos aos fachiñas do pp e aos que queren converter Vigo na cidade dos novos pelotazos empresariais e do cemento. Peniña de país

1 Gamela

Gracias pero paso, o PP debe estar encantado con comportamentos tan democráticos coma este https://twitter.com/Gamela2017/stat... Unha cousa é que NON soporte aos que din facer "nova política" e son máis RANCIOS que o touciño... e outra cousa moi distinta é que defenda aos Bárbaros !!!

2 Gamela

¿Seica os trolls do PP escriben Cartas á Marea de Vigo? http://www.galiciaconfidencial.com/... O triste é comprobar que nin RESPONDEN nin RECTIFICAN !!! Alá eles e a súa charanga de pacotilla, cómpre que fagan unha boa PENITENCIA ! https://flic.kr/p/rBKEaR