Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/11/2017 | Actualizada ás 13:26
"A Consellería segue incumprindo a obriga de velar polo uso do galego como lingua vehicular na formación do profesorado". Esta é a denuncia que fai o sindicato CIG-Ensino tras ter recibido "numerosas queixas" de docentes que asisten a cursos planificados pola administración pública nos que "boa parte dos materiais didácticos que se empregan non están na nosa lingua".
O último caso, segundo o sindicato, foi o da actividade 'Introdución ao manexo do kit de Robótica Educativa' que organizou o CAFI e no que "se reciclaron contidos do ano pasado en español", denuncian. Ademais, "a administración segue centralizando as acción formativas máis técnicas e innovadoras nas cidades, nomeadamente das provincias atlánticas, deixando o rural e o interior sen este tipo de oferta", aporta a CIG.
O sindicato vén denunciando repetidamente que "a Consellería de Educación incumpre a Lei de Normalización Lingüística ao non velar porque se empregue o galego no desenvolvemento diario do seu labor institucional".
En concreto, sinalan, foron varias as queixas que lles chegaron por parte de profesorado que participa en actividades formativas organizadas pola propia administración pública nas que se entrega documentación de traballo en lingua castelá ou mesmo se emprega este idioma para a impartición das aulas.
O caso máis recente do que se tivo constancia foi o curso 'Introdución ao manexo do kit de Robótica Educativa' que vén de organizar o CAFI para os niveis de Primaria e de Secundaria e no que o material entregado estaba practicamente todo en castelán.
"Esta situación é aínda máis grave, dado que boa parte era reciclado do curso pasado, polo que entendemos que durante este tempo a organización tivo tempo a fornecer os contidos que se ían empregar na nosa lingua", critica a CIG, para a que "este desleixo é unha mostra máis da nefasta política lingüística que mantén o goberno do PP no ámbito educativo e de forma máis evidente nos últimos anos da era Feijoó, incumprindo o seu deber de velar porque os materiais curriculares empregados formación do profesorado galego estean nosa lingua".
Por este motivo, a CIG remitiu un escrito ao conselleiro de Educación no que lle require que "faga cumprir a lei".
OFERTA DISCRIMINATORIA CO RURAL
Por outra banda, desde o sindicato nacionalista tamén se pon de manifesto a "discriminación que se produce no rural e nas provincias do interior a respecto da programación formativa da Consellería dirixida ao profesorado".
"Pódese comprobar como a maior parte das actividades relacionadas coas TIC, a innovación e as disciplinas de carácter científico-técnico (ex. Arduino, impresión 3D, robótica...) ofértanse sobre todo nas cidades das provincias da Coruña e de Pontevedra, deixando fóra moito profesorado que exerce fóra destes ámbitos territoriais", advirte o sindicato.
Precisamente este persoal docente "xa ten maior dificultade para poder formarse nas súas localidades de traballo", polo que a CIG entende que "non debería verse penalizado na programación anual que deseña a administración galega".
Por isto, o sindicato insta a que "de cara aos vindeiros cursos académicos se corrixa este desequilibrio e se oferte un maior número de actividades nas áreas con menor poboación para compensar así as carencias de servizos que xa de por si teñen asociadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.