A Mesa solicita unha reunión ao novo conselleiro de Lingua e chama a "encher as rúas" no Día das Letras Galegas

Na manifestación a favor do idioma convocada en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou este fin de semana unha asemblea anual na que se aprobou solicitar unha reunión ao novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Así mesmo, a entidade chamou a "encher as rúas" o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación a favor do idioma convocada en Santiago pola plataforma Queremos Galego, baixo a lema 'Galego vivo. Galiza viva!'.

Na súa asemblea anual, segundo informa A Mesa pola Normalización Lingüística, constatouse "o crecemento" en socios e o feito de que, a pesar de "non contar con ningún tipo de subvención" nin do Estado nin da Xunta, foi "capaz de mellorar os seus servizos de atención aos dereitos lingüísticos da cidadanía".

Neste contexto, ademais do "impacto" logrado coa aprobación da chamada 'Iniciativa Xabarín' no Parlamento de Galicia, para impulsar a programación televisiva infantil e xuvenil en galego, A Mesa pola Normalización acometerá novas accións desde o ámbito audiovisual.

Ademais, dentro do seu plan de actividades, a asemblea acordou reclamar o cumprimento dos obxectivos e das máis de 400 medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, así como unha avaliación posterior destas accións. "Non é posible que existan receitas para mellorar a situación do galego aprobadas unanimemente e que non se apliquen", afirmou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Por iso, a entidade solicitou unha reunión co recentemente nomeado conselleiro de Lingua.

A asemblea xeral tamén reivindicou "a reacción social aos ataques á toponimia" e deu o seu apoio a persoas "acusadas por supostamente corrixir letreiros" coa denominación oficial dos lugares en Galicia.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, dirixe a asemblea anual da entidade.. A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, dirixe a asemblea anual da entidade.. A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta