Medallas para os voluntarios do Prestige 15 anos despois

Camariñas organiza un acto de homenaxe con entrega de recoñecemento a aquelas das 5.468 persoas de 14 países que estiveron neste concello limpando chapapote.

Por Galicia Confidencial | Camariñas | 12/11/2017 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O próximo 13 de novembro cúmprese o XV aniversario da catástrofe ocorrida nas costas galegas como consecuencia do afundimento do buque petroleiro Prestige. Unha catástrofe que, como acontece estes días logo da vaga de lumes, mobilizou a milleiros de voluntarios que chegaron de todo o mundo para tentar limpar o chapapote que converteu a costa galega nun mar de escuma negra.

Voluntarios en Camariñas durante o Prestige
Voluntarios en Camariñas durante o Prestige | Fonte: Concello de Camariñas

 

Con este motivo, a Asociación Nacional de Agrupacións e asociacións de Voluntarios de Protección Civil, ANAV, vai facer entrega en Camariñas das Medallas de Recoñecemento ás persoas que participaron no operativo de limpeza das costas do municipio naqueles tempos de gran dificultade, pero tamén de xenerosa solidariedade.

 

É o xeito que ten o Concello de Camariñas de recoñecera a todas as persoas que investiron o seu tempo e o seu esforzo para conseguir que as costas deste municipio, e os de toda Galicia, se recuperaran do peor desastre ecolóxico da súa historia. 

 

Este recoñecemento será para aquelas das 5.468 persoas de 14 países diferentes que estiveron en Camariñas hai 15 anos e que solicitaran  a medalla con Distintivo Branco ou con Distintivo Punto Cero, esta última para persoas que prestasen servizos dentro de entidades incluídas no Sistema Nacional de Protección Civil ou Defensa Nacional.

 

“O Concello de Camariñas quere facer tamén un recoñecemento especial ao persoal municipal, ao da agrupación de protección civil de Camariñas e á poboación local que dedicou naqueles días un tempo de valor incalculable ás tarefas de coordinación dos grupos de voluntarias e voluntarios, ao transporte dos mesmos, ao mantemento das instalacións nas que se aloxaron, á manutención e á atención sanitaria”, indicaron desde este municipio. Este recoñecemento incluirá a entrega de medallas a título póstumo a algunhas persoas xa falecidas.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela