Os bombeiros de Vigo: “Queremos darlle as grazas a toda a sociedade polo seu comportamento na vaga de lumes”

Os bombeiros de Vigo organizan este domingo unha xornada de portas abertas con máis de 2.000 nenos confirmados. Participan, ademais, en varias iniciativas solidarias coas entidades Sonrisa por Tiritas-Asociación Berce e con Discamino.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 21/11/2017 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

“Queremos darlle as grazas á cidanía por como se comportou durante a vaga de lumes de outubro”. É o principal obxectivo dos bombeiros vigueses que organizarán o vindeiro domingo, 26 de novembro, unhas xornadas de portas abertas nas que tentarán amosarlle a toda a sociedade viguesa, pero especialmente aos nenos, como é o seu traballo. “Ademais, aproveitaremos para agradecer o comportamento da xente con nós porque sempre é exemplar”, apunta Miguel Uclés, bombeiro vigués e presidente da plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.

Os bombeiros de Vigo nunha acción solidaria cos nenos hospitalizados
Os bombeiros de Vigo nunha acción solidaria cos nenos hospitalizados | Fonte: Sonrisa por tiritas

Nesta actividade, organizada pola Asociación de Bombeiros de Vigo, organizaranse visitas polo parque, manobras verticais, tendido de mangueiras  e xogos cos nenos. “Son unhas xornadas para que os vigueses nos coñezan mellor e promover a convivencia e a solidariedade”, indica en declaracións a GC. 

Ademais, os bombeiros porán á venda calendarios e camisetas que realizaron en colaboración con varias ONG. Así, repartirase un calendario realizado coa entidade Sonrisas por tiritas-Asociación Berce, que traballa cos nenos hospitalizados, e cos que tamén compartiron varios días os propios bombeiros. Ademais, porase a venda unha camiseta, en colaboración coa organización Discamino, que colabora con persoas que teñen situación de problemas de mobilidade e non poden facer actividades físicas. “É o noso xeito de contribuír e axudar á sociedade”, indica.

O principal obxectivo desta actividade é “promover unha actitude solidaria e social”. “Non se trata de caridade, senón de concienciación”, indica Uclés. De feito, esta xornada terá un carácter especial logo dos incendios de outubro, nos que boa parte da cidadanía de Vigo botouse a rúa para tentar apagar os numerosos focos que houbo na cidade e na súa contorna rural.  De aí, que os bombeiros tamén asuman esta actividade de portas abertas como un día para agradecerlle a todos os cidadáns o seu compromiso cívico.

Ademais, nesta xornada, na que xa confirmaron a súa presenza máis de 2.000 nenos, haberá charlas sobre concienciación ante a problemática dos lumes forestais ou tutorais para actuar de forma básica ante un incendio. “Queremos achegarnos aos cidadáns con ética e con propostas, non con politiqueo”, indica.

Os bombeiros de Vigo nun hospital con nenos
Os bombeiros de Vigo nun hospital con nenos | Fonte: Sonrisa con tiritas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cipollina en Barataria

Estamos orgullosos deles e do comportamento dos cidadáns. Son un exemplo.

1 Don Pimpón

De nada ;-)