Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/11/2017 | Actualizada ás 15:02
Este sábado é o Día Mundial da Violencia contra as mulleres. E desde hai días son numerosos os actos e as informacións que están saíndo sobre esta lacra social. De feito, este mesmo xoves o presidente da xunta compareceu na habitual roda de prensa posterior ao Consello cun lazo morado. “E como é que, a pesar dos millóns destinados pola Xunta en campañas publicitarias, e noutros programas, segue crecendo a violencia contra as mulleres?, preguntoulle Galicia Confidencial.
“Que haxa máis denuncias non significa que haxa máis violencia contra as mulleres, senón que se denuncia máis que antes”, contestou o presidente galego que lembrou que as estatísticas indican que o número de mulleres mortas por violencia de xénero “están estancadas desde hai dez anos”. Iso indica que non aumentan as mortes, pero tampouco baixan.
De feito, o número de denuncias por casos de violencia de xénero creceu en Galicia un 22,23 por cento en 2017 con respecto ao pasado ano. Ata o momento, e segundo a Xunta, hai tres vítimas da violencia de xénero este ano. E iso, a pesar de que durante o curso pasado decretáronse 946 ordes de protección. De feito, e aínda que Galicia mantense como cuarta autonomía con menor taxa de criminalidade no seu balance correspondente aos nove primeiros meses do ano, aumentaron os delitos contra a liberdade sexual, un 11%, segundo datos do delegado do Goberno, Santiago Villanueva.
“O máis importante é que se denuncie e que non haxa medo a denunciar”, dixo Feijóo que insistiu en que ese aumento de criminalidade de xénero ten que ver con que as mulleres xa saben que “van ser tuteladas” e que a Xunta “vaise personar como acusación en todos os casos”. Ademais, insistiu en que a Xunta ten unha rede integral de atención ás vítimas e tamén axudas periódicas.
XUSTIFICACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO
Con todo, unha enquisa realizada a máis de 1.900 galegos e galegas e presentada este xoves contradí a versión da Xunta. Así, este estudo revela que a pesar de que as situacións de violencia de xénero "prodúcense en toda a poboación, independentemente do lugar de residencia", estas percíbense como "máis frecuentes" e son "menos atendidas, visibilizadas e denunciadas" no ámbito rural, onde "a información facilitada é insuficiente" e "non se coñecen as campañas emprendidas", tal e como sinalou a presidenta de Fademur, Rosa Arcos Caamaño.
Na presentación de resultados nunha rolda de prensa, Arcos Caamaño revelou datos como que "o 90% dos enquisados consideran a violación como un acto de violencia" e que "6 de cada 100 mulleres justificarían un golpe illado no ámbito da parella".
ACORDO DE TODOS OS PARTIDOS
Por outra banda, Feijóo destacou o acordo que, sobre esta cuestión, existen entre todos os partidos da Cámara galega. “Custou moito tempo pero aí estamos todos xuntos para loitar contra esta lacra”, dixo ao tempo que insistiu que é o primeiro pacto que se fixo e que Galicia se anticipou ao Estado nesta cuestión.
En relación as súa polémica intervención no Pleno do Parlamento galego do martes no que lle preguntou ao BNG se estaba do lado das vítimas ou dos maltratadores, e que provocou que a voceira nacinalista anunciara a presentación dunha protesta, Feijóo dixo que isto responde a que se insinúe desde certas formacións –en alusión aos nacionalistas-- que o PPdeG propicia a violencia de xénero. “Nin lle interesa ao BNG culpar ao PP disto, nin ao presidente da Xunta facer o mesmo co BNG”, dixo.
“Nesta lacra estamos xuntos o PPdeG, En Marea, o BNG e o PSdeG”, insistiu. “Non se pode dicir que a Xunta incentiva a violencia machista”, engadiu. “Reitero o dito pero se o que dixen molestou a alquén pois ten xa as miñas disculpas por anticipado”, engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.