Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/12/2010 | Actualizada ás 16:18
O magazine “Aquí Galicia” da Radio Galega anotouse hoxe un importante tanto informativo. Malia que os controladores están militarizados e, polo tanto, non teñen dereito a sindicarse, o programa logrou entrevistar a Susana Romero, portavoz de USCA en Galicia. USCA é o sindicato de controladores, no que milita o 98% dos 2.400 especialistas.
A entrevista na web da Radio Galega, e polo seu evidente interese facilitamos tamén descarga neste enlace. Romero relata a "tensión" nas torres produto do control militar:
O locutor, Xusto López Carril, insiste en que Romero fala a título persoal. Os controladores levan dous días sen atender aos medios, pois temen as consecuencias da xustiza militar. Un post do voceiro estatal no Facebook pedindo desculpas aos cidadáns foi todo o pronunciamento á marxe de Romero.
A especialista insiste en que USCA non coordinou folga algunha o venres pola tarde. En torno as 17 horas centos de controladores abandonaron en todo o Estado o seu posto de traballo despois de que o Goberno aprobase unha nove Orde que lles aumentaba de novo o límite legal de horas que deben traballar cada ano.
A especialista di que “sen dúbida ningunha” pediría desculpas aos centos de miles de cidadáns prexudicados. “Non foi unha acción orquestrada, aquí en Santiago non sabiamos o que ía pasar”, insiste.
“O sindicato comezou a pedir calma e que se incorporarse ao posto de traballo (...) pero a xente estaba moi crispada”, argumenta a controladora para negar que USCA realizase unha "folga salvaxe", como asegurou o Estado para decretar o Estado de Alarma por vez primeira en democracia.
Romero relata de novo que os cambios legais deste ano arrebetaron o dereito de folga na práctica aos controladores, pois os servizos mínimos poden ser superiores ao número habitual de especialistas de guardia. A controladora cualifica de “demagoxia” as informacións que acusan ao colectivo de pedir máis cartos.
Tamén di que “dicir que un controlador gaña 200.000 euros ao ano é mentir”. Para Romero, o decreto do venres é “unha provocación” de Fomento para conseguir que os controladores saltasen e poder limitar os dereitos laborais dos técnicos.
Os sindicatos de AENA levan anos dicindo que Fomento tenta reducir os salarios do cadro de persoal para facer máis apetecíbel a empresa pública a investidores privados. ZP anunciou esta semana a privatización do 49% de AENA, rendíbel até o 'boom do ladrillo' no que se construíron aeroportos que hoxe prácticamente non se usan.
Máis información sobre os intereses na anunciada privatización de AENA aquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.