Por Galicia Confidencial | Cabana | 11/12/2017 | Actualizada ás 12:58
O Dolmen de Dombate, a "catedral" do megalitismo galego, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1978, volve ser obxecto dunha petición de protección ante "a cadea de despropósitos que dende a Deputación da Coruña se veñen autorizando ao Concello de Cabana". En concreto, a Plataforma Salvemos Cabana denuncia que "na práctica se está convertendo o centro arqueolóxico nunha "auténtica caseta de feira na que a miúdo se realizan todo tipo de actividades que en absoluto gardan relación co contexto prehistórico do monumento".
Nesta ocasión, din, foi o evento 'Saberes e Sabores', coa degustación do berberecho con distintas preparacións como actividade estrela, e que "converteu o pasado xoves o centro arqueolóxico nun improvisado bar de tapas", censuran dende Salvemos Cabana.
Para esta plataforma, estas actuacións na contorna de tan prezado monumento megalítico "confirman unha vez máis cal é a liña marcada por José Muiño [alcalde do PP] e o seu asesor de Cultura, José Mª Varela, que están a "reducir ao absurdo o que debería ser monumento de referencia do megalitismo galego co beneplácito do deputado provincial da área de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xesús Soto (BNG)", critican abertamente.
UNHA SITUACIÓN DENUNCIADA DENDE HAI TEMPO
O pasado 6 de xullo de 2016, todos os grupos parlamentarios, agás o Partido Popular apoiaron unha Proposición Non de Lei presentada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para que o Parlamento autonómico instase á Xunta de Galicia a asumir a titularidade do monumento.
O deputado Xabier Ron denunciou entón que o obxectivo da Administración da Xunta é "velar pola integridade do patrimonio cultural galego" e apostou durante a súa intervención por unha titularidade e xestión no Dolmen de Dombate plenamente públicas e orientadas á súa preservación, ante a evidencia de que os convenios que actualmente mantén a Deputación Provincial da Coruña co Concello de Cabana de Bergantiños "non son os máis apropiados" e que "todo apunta a que o Concello de Cabana non xestionou ben o centro e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural".
CONVENIO
Doutra banda, a Plataforma reclamará por todas as vías pertinentes a publicación na web do actual convenio de colaboración entre o organismo provincial e o Concello de Cabana de Bergantiños xa que, afirman, "retirouse da páxina da Deputación da Coruña nun exercicio de dubidosa transparencia por parte da institución que impide coñecer á cidadanía como e baixo que condicións se outorgaron os 60.000 euros de subvención ao municipio para a xestión cultural do monumento".
As reclamacións de Salvemos Cabana á Deputación para protexer este monumento megalítico veñen de lonxe. Así, en 2015 a Plataforma xa esixiu ao goberno provincial que adoptase medidas "urxentes" e a "suspensión inmediata" do convenio de colaboración subscrito co Concello de Cabana de Bergantiños tras unha serie de danos ao neodolmen.
No verán de 2014 xa advertiran ademais do "risco que supón converter este enclave arqueolóxico nun mero salón de actos", e sinalou que "non se trata dun parque temático ou un auditorio, senón do mellor expoñente do período megalítico en terras galegas".