O BNG activa unha rede de concelleiros contra "o novo Corcoesto" da mina de Touro

Os nacionalistas consideran este proxecto "unha bomba para o medio ambiente" e demandan ao presidente da Xunta que "escoite" e ao seu Goberno que free o que consideran "un megaproxecto expoliador".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2017 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O BNG porá en marcha unha rede de concelleiras "en alerta" contra "o novo Corcoesto" da mina de Touro, que os nacionalistas consideran "unha bomba para o medio ambiente". O Bloque tamén demanda ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "escoite" e ao seu Goberno que free o que consideran "un megaproxecto expoliador".

Concellos Bng Contra Mina Touro, Novo Corcoesto
Concellos Bng Contra Mina Touro, Novo Corcoesto | Fonte: Europa Press

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado Xosé Luís Rivas, anunciaron a activación desta rede de edís dos concellos afectados por esta iniciativa, que aspira a recuperar a produción de cobre na canteira.

O labor desta rede será "de alerta" e "seguimento", así como de informar o conxunto dos cidadáns sobre "que se esconde" detrás deste proxecto, "a que intereses beneficia" e "cal é o seu elevadísimo custo ambiental, económico e social". Non en balde, Pontón augurou que "destruirá miles de postos de traballo".

E é que tanto a líder do Bloque como Rivas incidiron na contaminación e a afección ao río Ulla, así como as consecuencias que podería ter para a actividade pesqueira da ría de Arousa. "Expolia os nosos recursos, non deixa beneficios e revela o noso país case como unha colonia", resumiu o deputado.

Pola súa banda, a tenente de alcalde de Rianxo, Adelina Ces, advertiu que a súa localidade vive "do mar" e alertou da afección que o proxecto de Touro podería ter para a actividade pesqueira. Xan Louzao, de Touro, incidiu en que o seu municipio xa coñece as consecuencias dunha mina e de como "30 anos despois segue contaminando".

E todo iso, engadiu o responsable local, "a cambio de moi poucos postos de traballo, temporais e precarios" que non compensarían, segundo o BNG, os "miles" que se destruirían ligados á actividade agraria e á pesqueira nos concellos afectados. Pontón aludiu tamén ás "denuncias" ambientais a multinacional "que está detrás" noutras comunidades como Andalucía, en referencia a Atalya Mining.

"QUE FEIJÓO ESCOITE"

"Hai máis de 1.500 alegacións, concellos de todas as cores que xa se situaron en contra e unha mobilización social importante en contra", proclamou a portavoz do BNG, quen esixiu a Feijóo que "escoite".

Ante esta conxuntura e co exemplo do freo de Corcoesto, reivindicou a importancia da presión social e política, e incidiu en que "o único que pode facer a Xunta" é "denegar os permisos" que solicitou a promotora, e "pór por diante a defensa do medio ambiente, a saúde das persoas, e o futuro do sector lácteo e pesqueiro".

"Non entendemos por que a Xunta demora un posicionamento claro, cando a maioría social pide que non se siga adiante", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 comunista independentista

Pero aínda existe o Bloque?

1 Xose manuel bama

ollo ao piollo.O BNG crea unha rede de concelleiros contra mina de touro.Vexo que faltan os de Vedra. O de corcoesto e a negativa da xunta non ten nada que ver con este aunto, no eido legal, por canto no caso do ouro debeuse a unhas concesións mineiras caducadas.Hai que ler e informarse. O BNG activase? que o faga, todos os veciños encantados.Mais non debería repasar as suas actuacións administrativas e xudiciais despois de 25 anos na Corporacion non deu articulada nen unha soa denuncia potente para parar os desmans de Paco Gomez e o sr alcalde.Solos contaminados augas idem. Non habia causa para denunciar diante da fiscalia de medio ambiente ou pasouse de todo???

1 LKI

Sempre tarde e mal o BeNeGá.