Todos contra a polémica megamina de cobre de Touro

Os sindicatos maioritarios da comarca de Santiago de Compostela e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa súmanse ás críticas a este proxecto e solicitan á Xunta que o rexeite polos impactos negativos que podería producir no medio ambiente, noutros sectores produtivos e na saúde humana.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/12/2017 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A onda de críticas e de rexeitamento contra o proxecto de reabrir a megamina de cobre de Touro crece sen parar. Plataformas ecoloxistas, partidos políticos como En Marea, BNG ou Esquerda Unida, a científica Sociedade Galega de Historia Natural, colectivos veciñais, sindicatos... Todos están a mostrar a súa oposición a este polémico proxecto polo seu impacto medioambiental, polas súas posibles repercusións negativas noutros sectores económicos e pola súa opacidade.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Os últimos en expesar formalmente o seu rexeitamento a este proxecto son os sindicatos maioritarios da comarca de Santiago de Compostela e un conxunto de confrarías, agrupacións de bateeiros e asociacións culturais dos concellos da ría de Arousa, tanto na banda norte como na sur.

OPOSICIÓN DOS SINDICATOS

CCOO, CIG e UGT, sindicatos maioritarios da comarca de Compostela, veñen de expresar formalmente o seu rexeitamento á reapertura da mina, que afecta os concellos de Touro e O Pino. As tres organizacións subscriben un manifesto conxunto contra este proxecto de megaminaría a ceo aberto que, alertan, "ocasionará un serio prexuízo ás actividades agrícolas, gandeiras e forestais".

O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto de reapertura da explotación da mina para a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino, presentado pola empresa Cobre San Rafael S.L. e tralo cal está a multinacional Atalaya Mining. Trátase dun megaminaría a ceo aberto que ocupará unhas 689 hectáreas iniciais, das cales só o 30% son terreos xa afectados pola explotación anterior, abandonada en 1986, e que xa ocasionara graves prexuízos medioambientais.

Contaminación na contorna da mina de Touro
Contaminación na contorna da mina de Touro | Fonte: Adega.

Os sindicatos afirman que a mina vai afectar a case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias dos núcleos máis próximos á explotación. Xunto as catro cortas existentes, censuran que se van escavar seis novas que darán lugar a outras tantas zonas mineiras, coa "eliminación definitiva do uso destes solos para as actuais e futuras actividades agrogandeiras ou forestais".

Para CIG, UGT e CCOO, isto significa "pan para hoxe e fame para mañá". Por iso, din, "é necesario constatar este estrago e facer partícipe del a cidadanía".

Por último, as tres organizacións manifestan publicamente o seu apoio á Plataforma veciñal 'Mina Touro-O Pino, Non', compartindo a esixencia á Xunta de Galicia de rexeitar o proxecto, a solicitude ao Goberno galego para que denegue a reapertura, e a demandar da Xunta que obrigue o titular da concesión a restaurar os solos e augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira. Así mesmo, manifestan o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola plataforma.

MOCIÓN DENDE A RÍA DE AROUSA

Por outro lado, colectivos de distintos concellos da ría de Arousa uníronse tamén para presentar unha moción contra este proxecto mineiro que pretenden que sexa debatida polos respectivos grupos municipais.

O texto, promovido pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, subliña a importancia do sector primario do mar de Arousa como "estratéxico na economía local, polo emprego directo que xera", un sector que "representa o 1,33% da produción total da economía galega" e que "achega o 33% do valor engadido xerado no conxunto do sector a nivel galego e dá traballo, directo ou indirecto, a miles de familias".

Así, lembran que no ano 2016 traballaban na ría de Arousa o 44% das mariscadoras a pé, mais do 41% das embarcacións de artes menores e o 68,7% das bateas de mexillón de Galicia.

Ademais, nas lonxas arousáns poxáronse 38.329.584 quios de produtos da pesca e do marisqueo que se traduciron en 91.301.357 euros. E nas augas de Arousa colleitáronse 174.497.538 quilos de mexillón (máis do 70% producido en Galicia), cun valor de 77.999.843 euros.

Por último, salientan que a frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia.

A toda esta riqueza hai que sumar o emprego que induce o sector en diversas actividades en terra: empresas destinatarias dos produtos (depuradoras de moluscos, cocedoiros, conserveiras, centros de conxelación e pasteurización, procesadores, comercializadores), empresas provedoras de servizos e subministracións (estaleiros, cordoarías, carpintaría, montaxes e maquinaria) e actividades auxiliares e de apoio, como transportes, centros de investigación, formación e control do medio mariño, etc.

Á importancia económica derivada do sector primario do mar únese o valor social que adquire nos municipios costeiros, onde, comentan, "irradia beneficios socioeconómicos entre amplas capas da poboación, converténdose nun importantísimo mecanismo de distribución e reparto de riqueza na contorna local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios".

Tamén salientan que as actividades do mar teñen un "importante valor dende o punto de vista etnográfico e gastronómico", o que "aporta trazos de identidade propia e de diferenciación a través da calidade do local que son aproveitados por un dos sectores que actualmente presenta un maior desenvolvemento económico, o turismo", que se substenta na "calidade das augas e dos produtos que saen delas, a singularidade etnográfica ligada ao mar, a beleza da paisaxe costeira e unha gastronomía que ten como emblema os produtos do mar locais".

"Pero todo isto", avisan, "pode verse en risco se se compromete a calidade das augas da ría; tamén augas arriba do río Ulla, o máis caudaloso e longo dos que alimentan a ría de Arousa", pola actividade mineira.

Os asinantes lembran que a saúde do río Ulla ten un "papel fundamental", xa que "alimenta dun xeito moi importante de sedimentos e nutrintes á ría", que conta ademais con áreas con especial protección ambiental mediante medidas lexislativas, como son o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Zona de Especial Conservación Ulla-Deza, ou o ZEC Ons-O Grove e o Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan.

Os diversos colectivos agrupados alertan de que "a reactivación da mina de Touro aumentará a drenaxe de contaminantes cara a cunca do Ulla, afectando irremisiblemente a riqueza ambiental da ría, e consecuentemente á riqueza económica que sustenta".

En concreto, denuncian que "a empresa non garante dabondo que os metais tóxicos, os reactivos das augas do proceso, os lixiviados das cortas e das entulleiras non vaian afectar as augas e sedimentos do río Ulla". E advirten de que "os concellos situados río abaixo da mina poden verse afectados pola contaminación das augas do río nas captacións de auga potable".

"A experiencia previa constatou o importante dano ambiental que esta explotación mineira orixinou e segue orixinando na cunca do principal río que desemboca na ría de Arousa. De feito na actualidade o rego de Pucheiras –afluente do Ulla–, tras estar en contacto coa zona de explotación abandonada, amosa niveis de cadmio e de mercurio moi superiores aos máximos legais permitidos", detallan.

Engaden, ademais, que a execución deste novo proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla "pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa", polo que entenden que "as administracións deberían aplicar o «principio de precaución» para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría".

Denuncian tamén que a execución desta megamina tamén podería "poñer en risco" as captacións de auga potable de concellos de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa, ademais dos valores naturais protexidos como o ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente o mexillón de río, Margaritifera margaritifera e a toupa de río, Galemys pyrenaicus) e o Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia-GroveCarreirón.

Por todo isto, instan ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria a que desestimen a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429.

Instan tamén á Xunta de Galicia a que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 Nastaha Rostova delasRestrevas

Considero que este artigo debía de ser difundido en todos os medios galegos: http://www.sermosgaliza.gal/opinion... E francamente, a min o desta señora xa me empeza a molestar bastante. Claro que esperar que vós vos fagades eco dun debate que é moi importante e contribúades a combater magufadas diversas dos antivacinas debe de ser moito pedir. Coma pode haber xente nova con formación científica que vote a quen, evidentemente puido errar (aínda que debería ter pedido asesoramento) pero agora persiste no seu erro e ofende a intelixencia dos que aínda pensamos en Galicia. Moi preocupante o da mina, pero tamén é moi preocupante que haxa persoas poñendo en cuestión as vacinas e que neste medio nin sequera o mencionedes.

1 Anonymous

Unha pegunta razoable: traballas a soldo como troll do SERMÓN DA UPG-BNG? En serio alguén pode tomar en serio ese psdeudoxornal? Porque, por aclarar, iso non é un xornal no sentido estrito da palabra, senón unha publicación propagandística financiada por un aparto político. Claro que está ben que teña lectores, pero que non enganen á sociedade galega, porque non hai xornalismo cando estás fundado e financiado por un partido político. Polo demais, a min preocúpame que os trolls usedes xornais independentes para meter en calquera curruncho as vosas teimas propagandísticas. Con todo o respecto, pero é que non coa, sexa o tema que sexa (sen restar valor ao problema dos antivacinas, pero é que aquí están a informar doutra cousa, o problema das minería en Galicia). Saúdos... e bo intento.

2 Natasha en marabillandia

Moito mais honesto e ter unha liña politica e non ocultala que tela e pretender ser obxectivo. Tes algun argumento para rebater o artigo? Non. Por certo o tema esta moi relacionado porque o sindicato desta señora e un dos principais opoñentes e obviamente as magufadas dos ultimos dias non benefician a sua opinion. Omito un comentario mais prolixo porque a ver... Hoxe estou xenerosa ata con ninistas infantiloides que asinan cun alcume coma o teu... espertas o meu lado tenro. Por certo aclarame un dia que entendes por xornal independente.

3 Natasha congorriñode aluminio

E por certo fun moi benigna contigo...A liña antibloque deste por exemplo e mais que evidente e eu non xulgo as suas reportaxes nin os seus comentaristas por iso se non pola sua obxectividade e interese. Despreciame o que queiras pero le o artigo. Iso e o importante combater as magufadas.

4 Anonymous

Querida Natasha XXXXXXX, que me digas ti a min que son un "ninista infantiloides que asina cun alcume coma o meu... pois que queres que che diga, xa demostra primeiro o típico comportamento infantiloide do usuario medio de Internet que cre coñecer a todo o mundo en base ao que le en Internet e nada máis; por outro lado, tamén demostra bastante ignorancia pola túa parte sobre o concepto 'Anonymous' e o dereito á privacidade e a liberdade de expresión en Internet, e que vai moito máis alá e é moito máis profundo e complexo do que ti pensas (pero non che vou dar aquí lección algunha).

5 Anonymous

Polo demais, xornal independente non ten que ver con ter unha liña editorial (todos a teñen) senón con non ter no teu accionariado ou no consello editorial ou en órganos de decisión a partidos políticos, bancos, empresas, sindicatos ou calquera grupo de presión que condicione a túa liña editorial. E é obvio que o SERMÓN da UPG-BNG non o cumpre. Non se pode confundir á xente así. o SERMÖN é unha publicación dun partido político, fundado polo BNG, así que falar de xornalismo, e máis de xornalismo independente, é moito falar pra ese medio. Polo demais, eu non observo ningunha liña anti Bloque en Galicia Confidencial; se hai algo neste medio é unha liña moi crítica coa xestión do PP no goberno, principalmente, cando menos polo que leo. Claro que deduzo que a ti o que che amola é o xornalismo independente que non diga nada malo dos teus. A xente coma ti móvese por cuestión de fe, non pola razón. Ou é que o BNG non fai nada malo e non hai que contalo e ocultalo?

6 Anonymous

E por último, amólame moito entrar a ler novas en xornais e que os trolls desvíen a conversa do tema do que se fala. Que si, que tes razón, que os magufos son un perigo, non cha quito, pero repito, eu entrei aquí a ler do problema da minaría en Galicia, diso vai a nova, e ti ves a trollear desviando a atención cara outro tema (e cara outro medio pra o que talvez traballas... ou non). Saúdos.