Por Galicia Confidencial | Lugo | 18/12/2017 | Actualizada ás 13:28
A oposición esixe unha vez máis a extensión do servizo de Hemodinámica en Lugo. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou que se amplíe ás 24 horas do día este servizo no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), xa que hoxe en día só funciona en xornada matinal de 8 a 15 horas. Na mesma liña, o voceiro de En Marea, Luís Villares, avisa de que este servizo pode acabar sendo un caso como a subministración do tratamento para a Hepatite C, que acabou nos xulgados e sendo investigados altos cargos do Sergas.
As tres forzas políticas da oposición demandaron xa que Hemodinámica funcione as 24 horas. Villares ten claro que a ausencia do devandito servizo todo o día obedece “a unha decisión arbitraria e de carácter económico”. “Non esquezamos que o PP ten dous altos cargos de Sanidade xa imputados por homicidio imprudente, por deixar morir oito persoas por no dispensarlles os medicamentos da hepatite C, non por razóns médicas senón por razóns económicas”, advertiu.
De feito, o voceiro de En Marea cre que esta situación responde á estratexia do Partido Popular de “un trato discriminatorio” á provincia lucense e resposabilizou diso ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; á presidenta do PP lucense, Elena Candia; ao presidente Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
HORARIO DE OFICINA
Luís Villares salientou que este "horario de oficina" aumenta os tempos máximos de resposta recomendados no caso dun infarto e incidiu en que se trata dunha cuestión "económica, non médica". “Feijóo xoga coa vida da xente", sentenciou.
Na mesma liña, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, na súa visita ao Hospital da Costa en Burela, atribuiu a decisión, como na supresión das áreas sanitarias, a que a Xunta é "unha recortadora da sanidade pública". "Os recortes están gañando ás posibilidades de dereitos e ás posibilidades de ter unha sanidade pública cercana á cidadanía", sinalou Caballero, que de3fendeu o mantemento da área sanitaria na Mariña luguesa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.