Galicia en venda: castelos, pazos, casas señoriais, aldeas...

O Castelo do Cardeal por 3 millóns de euros, pazos históricos dende 225.000 euros até máis de 2 millóns, ou aldeas a prezo de saldo fan de Galicia un dos mercados máis atractivos para investidores foráneos que buscan aquí grandes oportunidades lonxe do habitual e saturado mercado inmobiliario do Mediterráneo, xa sexa de luxo ou para bulsos menos podentes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un castelo do século XVIII á beira do mar por tres millóns de euros; pazos históricos entre 225.000 e 2.750.000 euros; casas señoriais entre 86.000 e 1.500.000 euros; ou aldeas abandonadas, a prezo de saldo, entre 160.000 e 312.000 euros... Unha importante parte do patrimonio galego está en venda en Internet, na procura de propietarios que se fagan cargo de auténticas xoais que se están a converter nun reclamo para investidores estranxeiros.

Castelo do Cardeal, en Concurbión
Castelo do Cardeal, en Concurbión | Fonte: www.pilgrim.es.

O propio The Times, talvez o xornal que mellor simboliza a chamada quality press do Reino Unido (a prensa de calidade), publicou o pasado domingo unha reportaxe sobre como os compradores británicos están "devolvendo á vida aldeas europeas abandonadas".

Calcúlase que só no sur de Europa hai arredor de 100.000 asentamentos desertos e listos para a súa restauración. Destes, preto de 1.700 atópanse en Galicia, isto é, máis da metade dos núcleos despoboados no Estado español.

É por isto que Galicia se converteu nunha verdadeira oportunidade para os que buscan sacar partido desas aldeas abandonada, nas que agora poñen os seus ollos moitos potenciais investidores.

Un bo exemplo deses novos moradores que viron en Galicia unha oportunidade para investir son Jeff King, de 59 anos, de Devon (Inglaterra), e a súa parella alemá, Claudia Weber, de 48. A parella, que traballou el como capitán e ela como cociñeira de iates no Caribe, namorouse de Galicia cando percorreu España en 2012 cunha "vaga idea" de vender a súa casa en Exmouth, en Devon, e comprar outra na España rural.

Pazo de Trasariz, no concello de Vimianzo
Pazo de Trasariz, no concello de Vimianzo | Fonte: José Luis Cernadas Iglesia en Flickr.

"Estabamos a mirar os lugares habituais: Andalucía, a Costa do Sol e a Costa Branca, e non necesariamente aldeas enteiras", di Jeff a Sally Howard, xornalista de The Times.

"Só queriamos espazo, e non ter veciños que se queixasen polas ruidosas obras de restauración", prosegue este británico.

Na súa ruta de regreso a Inglaterra, explica Sally Howard, pasaron por Asturias e Galicia. E Jeff e Claudia quedaron fascinados. "Sentimos que podiamos respirar, e a costa era marabillosa, como Cornualles con esteroides", enxalzan no xornal británico.

O verdor de Galicia presentaba outra vantaxe para eles. A parella fora golpeada no seu percorrido polo sur de España polos sinais dunha crecente sequía. "Nalgúns dos lugares que miramos en Andalucía falaban de que había que chamar por un camión de auga nos meses de verán ou de ter un desvío que pasa pola propiedade que se acende dous de cada sete días", lembra Jeff. "Todo soaba un pouco impredicible", di.

En 2016, a parella mercou Vilachá, unha aldea a 30 minutos de Viveiro, por un prezo que consideran "asequible" para un británico medio. Compraron uns 50.000 metros cadrados de terreo boscoso, "cheo de cogomelos comestibles", dúas fontes de auga, unha casa habitable, tres casas medio anovadas e outras tres en ruínas sen teito. Desde entón, restauraron por completo unha segunda casa, que se aluga como aloxamento de vacacións, e están a completar unhas renovacións na casa principal que lles custaron uns 17.000 euros ata a data.

Jeff recoñece que os ingresos polo aluguer para turistas cubrirá o custo das obras futuras, aínda que insiste en que o seu traslado a Vilachá non foi motivado por facer negocio, senón por un estilo de vida novo. "Aquí pagamos 200 euros por ano en impostos municipais e 15 euros por trimestre pola recollida semanal do lixo", compara co nivel de vida en Reino Unido, "onde nunca me podería retirar aos 59 anos", di no diario británico.

Jeff e Claudi non son un caso execepcional. Centos de británicos e cidadáns doutros países do centro e norte de Europa están a ocupar aldeas despoboadas por todo o sur do continente practicamente a prezo de saldo.

ALDEAS ABANDONADAS Á VENDA

En Galicia hai varias aldeas á venda a prezo de saldo. Unha delas, da que dá conta The Times, é O Penso, un lugar despoboado da parroquia das Neves do concello de Ortigueira. A venda inclúe catro casas —unha das cales é habitable—, tres palleiras e un cortello. En total, uns 400.000 metros cadrados, gran parte arborados, por tan só 220.000 euros.

Este núcleo está a venda no sitio web galicianrustic.com, onde se pode mercar desde simples casas até un castelo, pazos, casas señoriais e aldeas abandonadas ou semiabandonadas.

Coa súa sede en Rábade (Lugo), esta empresa foi creada polo británico Mark Adkinson e a galega Rosa M. Costoya. O seu principal argumento de venda é: "Investir en Galicia hoxe é investir nun futuro máis san, calidade de vida, tranquilidade e benestar". Pero tamén venden un país idílico, cun "estilo de vida que é asequible a case todo o mundo, onde no hai masas, onde no hai batifondos de tráfico, onde no hai violencia superflua, un baixo nivel de criminalidade e, especialmente, dúas cosas: paz e natureza". Ademais do conxunto do Penso, teñen á venda outras tres aldeas ou núcleos abandonados:

Un atópase preto do Cebreiro. Trátase dun terreo amurallado no corazón da Reserva Natural do Courel de 12.380 metros cadrados.

A estrutura principal, din, aseméllase a un pequeno asentamento celta, arrodeado de muros de pedra. Dentro dos muros áchase a casa principal de tres plantas de 531 metros cadrados que se remonta a 1885 e foi construída en pedra. Tamén conta cun forno e unha forxa de 72 metros cadrados, un hórreo, un alpendre de 68 metros cadrados e tres casas de pedra de 280, 148 e 194 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas en cada unha, onde vivir e gardar o gando. Na parte traseira da leira hai 9.000 metros cadrados de terra cultivable, castiñeiros, hortos…

A poucos metros atópase unha segunda parcela, de 2.638 metros cadrados de terreo cultivable e un muíño de 33 metros cadrados onde o gran foi moído ata hai pouco.

Inclúese ademais un proxecto orixinal (que o comprados pode recibir baixo demanda) para a recuperación da antiga forma de vida rural.

O proxecto conta cun subsidio aprobado pola CEE (LEADER) do 40% para a rehabilitación e o inicio do proxecto (opcional).

O seu prezo: 265.000 euros.

Preto de Viveiro atópase tamén, sobre unha pequena península, e con vistas ao mar, outro núcleo situado nunha leira pechada de 8 hectáreas, aproximadamente, con praderías e árbores. Trátase dun conxunto abandonado, con diversos edificios, algúns construído hai catro séculos anos. 

A superficie total edificada é de arredor dos 600 metros cadrados dividida en cinco edificios en diferentes estados de conservación. Algunha das casas é perfectamente habitable e está amoblada de forma sinxela, podendo utilizarse como vivenda mentres se realiza a rehabilitación do resto de edificios.

A propiedade conta con acceso directo e pechado á praia, aproximadamente, a través dun camiño interior que percorre a leira.

Tamén hai dentro do terreo dous mananciais de auga potable e unha casa con forno, duns 45 metros cadrados. 

O seu prezo: 312.000 euros.

A máis barata das aldeas que se venden neste portal de Internet atópase na Costa da Morte, en Corme. Alí atópase unha propiedade con catro casas, varios alpendres, hórreos... E conta con electricidade e auga. Na mesma aldea hai outras dúas casas en ruínas que posiblemente se poderían comprar e outra casa que se esta usando como horta. Está situada a 100 metros de altitude. 

O seu prezo é de 160.00 euros.

ALDEAS SEMIABANDONADAS Á VENDA

O mesmo portal ten á venda dúas aldeas semiabandonadas.

A primeira atópase en Pantón, na Ribeira Sacra. Trátase dun conxunto de tres casas e un muíño que tamén foi casa, ademais de 20,000 metros cadrados de leiras e 48,000 en montes próximos.

As leiras chegan ata o rio e inclúen o muíño, que aínda está en bo estado con toda a súa maquinaria. As casas tiveron electricidade e teñen auga.

O seu prezo: 130.000 euros.

A outra propiedade é unha casa nunha aldea abandonada preto de Pol (Lugo), con case 3 hectáreas de leira e un río que a atravesa, cun antigo muíño. Tamén ten unha nave grande para o vacún, dous palleiras de pedra e un xardín grande amurallado. Ten o seu propio pozo, electricidade...

O seu prezo: 120.000 euros.

UN CASTELO POR TRES MILLÓNS DE EUROS

Pero as aldeas non son o seu único obxectivo. Castelos, pazos, casas señoriais e mansións de todo tipo e prezo están sendo adquiridas por todo tipo de compradores. E Galicia é tamén nestes casos un dos mellores caramelos que existen no mercado actual.

O Castelo do Cardeal, na parroquia de Redonda en Concurbión, é a maior xoia á venda. Trátase dunha fortificación militar de mediados do século XVIII que se levatou para defender a ría, na mesma liña que o Castelo do Príncipe na Ameixenda (Cee), o Castelo de San Carlos en Fisterra e o Castelo do Soberano, xa desaparecido, en Camariñas. Está dotado de doce pezas de artillaría, con capacidade para noventa e seis homes. Reformouse tal e como era nun principio, respectando a estrutura orixinal.

Este castelo costeiro é unha península fortificada cunha superficie total dun 50.000 metros cadrados bordeando a construción, con bosques nativos e do outro lado o mar.

Ten 2.700 metros cadrados construídos e aproximadamente uns de 700 útiles, todo nunha planta, sen barreiras arquitectónicas, teitos abovedados, saídas independentes e vistas ao mar desde toda a propiedade e desde todas as habitacións.

A construción está distribuída en nive estancias, as cales se atopan actualmente da seguinte maneira: dúas suites, un dormitorio dobre, dous sinxelos, dous salóns —un con cheminea monumental, cociña con cheminea, adega e cuarto de lavado, prancha—, tenda e ximnasio.

A propiedade está completamente amoblada con mobles de época e electrodomésticos. Conta ademais con catro xardíns interiores, pozos e mananciais de alto fluxo, auga de traída, calefacción central e luz de liña privada. Hai tamén acceso por escalinatas ao mar ata dúas baías e unha cova natural. Conta ademais con garaxe e soportal cuberto.

Malia ser unha propiedade privada e estar á venda, é un dos atractivos que publicita a oficina de Turismo da Xunta en Internet.

O seu prezo: 3 millóns de euros.

PAZOS DE LUXO

No mesmo portal web tamén hai agora até once pazos galegos á venda, cuxos prezos oscilan os 225.000 e os 2.750.000 euros.

O máis caro é o Pazo de Trasariz, no concello de Vimianzo (A Coruña), unha construción do século XVII que pertenceu inicialmente ao conde de Altamira e que posúe unha fachada única que o diferenza dos demais pazos galegos. 

Conta cunha superficie habitable de 1.500 metros cadrados que inclúe unhas vivendas para reformar, e un terreo de 10.000 metros cadrados. A vivenda principal distribúese en dúas plantas, con obradoiro, despacho e adega, na planta baixa, e vestíbulo, solaina, salón-comedor, seis dormitorios, dous baños, cociña, estancia con lareira e antigo cortello, na primeira planta.

Fronte á súa fachada dianteira, orientada ao Sur, hai unha horta para árbores froiteiras e un xardín con camelias, e na súa fachada Norte, unha leira. Na parte leste atópase unha centenaria carballeira, e toda a propiedade está delimitada por un alto muro de pedra. 

Conta ademais cun cruceiro, capela, escudo, dous garaxes, tres hórreos, un muíño e un manancial de auga potable. 

O seu prezo: 2.750.000 euros.

Entre os pazos á venda tamén destaca, polo seu valor económico, un convertido en hotel rural e edificado orixinalmente no século XV, sendo restaurado en varias ocasións ao longo da súa historia. Trátase do Pazo de Neira, no concello do Páramo (Lugo), rodeado de ríos e bosques. O pazo consta dun edificio principal, con dúas plantas de 700 metros cadrados cada unha, máis unha serie de edificios adicionais que orixinalmente eran cortellos e hoxe poden utilizarse para calquera uso, incluído o residencial. 

Conta ademais cun xardín amurallado de 1.600 metros cadrados e case dúas hectáreas de terreo onde existe un viñedo, con 400 cepas de uva Mencía e outras 100 parras de albariño. 

Actualmente atópase totalmente preparado para o seu uso habitual, como hotel rural con todas as licenzas e permisos en orde. A oferta de aloxamento consiste actualmente en seis apartamentos completos e totalmente individuais, con capacidade para 2/4 persoas. Independentemente, tamén hai unha casa para residencia dos propietarios. 

O seu prezo: 2.250.000 euros.

O terceiro pazo máis caro atópase no concello de Cambre (A Coruña). Trátase dunha propiedade nobre de 700 metros cadrados nun terreo de aproximadamente 6.000 metros.

A casa, sen perder o seu vello carácter, foi restaurada a principios da década de 1970. Neste momento é a vivenda permanente dos seus propietarios. Conta con xardín, seis habitacións, cinco baños, amplo salón comedor, despacho con biblioteca, comedor de almorzos, sala de estar con lareira, galería, casiña para servizo con dúas habitacións e un baño, piscina cuberta, pista de pádel e vestiario con ducha e baño.

O seu prezo: 2 millóns de euros.

CASAS SEÑORIAIS

Entre os atractivos que se venden do patrimonio galego hai varias casas señoriais. En total, once con prezos entre 86.000 e 1.500.000 euros.

A máis cara atópase en Viveiro. Trátase dunha das mellores casas coloniais de Galicia, construída en 1927 por un emigrante retornado de Cuba, onde fixo fortuna coas sedas, chegando a pagar a Salvador Dali 30.000 pesetas para deseñar as súas gravatas de homes.

A propiedade ten mais de 10.000 metros cadrados de xardíns, co seu propio embarcadoiro no río. A construción ten sete habitacións e a posibilidade de facer cinco máis. Componse de tres plantas de 300 metros cadrados e un ático. 

O seu prezo: 1,5 millóns de euros.

Núcleo no concello de Viveiro á venda por 312.000 euros
Núcleo no concello de Viveiro á venda por 312.000 euros | Fonte: www.galicianrustic.com.
Casa colonial en Viveiro, á venda por 1,5 milllóns de euros
Casa colonial en Viveiro, á venda por 1,5 milllóns de euros | Fonte: www.galicianrustic.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Arturo

Insistimos: a casa " colonial" de Viveiro ( con eses frontóns triangulares , e ese lenguaxe arquitectónico torpe e recargado, tipo Exin castillos ) é fea con ganas. Quere impresionar, e so amosa mal gusto. Mira que non habrá en Galicia cousas feitas con moito mais gusto.

4 Fartodalingua

Pues a ver si venden al idioma para que no moleste más.

3 Britania

Galicia; el nuevo Benidrom para los ingleses

2 Arturo

Home os prezos non son precisamente de saldo... Poucos queren ir vivir nun lugar lonxe e aillado, e unha casa " colonial" dun estilo bastante recargado e non demasiado atractivo en Viveiro por 1,5 millóns tampouco é uhna bicoca.

1 paletismo ilustrado¡¡¡¡

E a cidade da incultura non? eso si as diputacións a tirar cartos en asfaltados.... viva galixia