O Concello de Santiago únese á loita contra a mina de Touro

Compostela Aberta, BNG e PSdeG votan a favor dunha moción presentada polo Bloque para rexeitar este proxecto mineiro. O PP, pola súa parte, opta pola "neutralidade".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/12/2017 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela tamén se opón á megamina a ceo aberto de cobre de Touro. Compostela Aberta e PSOE votaron a favor da moción presentada polo BNG para rexeitar o proxecto mineiro que pretende instalarse nos concellos de Touro e O Pino.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Deste xeito, tres dos catro grupos que conforman a corporación do Concello de Santiago de Compostela apoiaron a moción do Bloque Nacionalista Galego nun pleno no que a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino Non defendeu a importancia de potenciar e protexer o Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade e motor económico da comarca.

O Camiño Francés, o máis transitado, está apenas a 900 metros da corta de Bama. Son numerosos os albergues nos que os visitantes durmirían con vistas á mina, sufrindo a actividade mineira 365 días ao ano, 24 horas ao día, denuncian.

Faríano, ademais, enfrontándose a seis explosións diarias de ata 16.300 quilogramos de explosivo e tamén ao consecuente polvo en suspensión, cargado de metais pesados e contaminantes cunha gran probabilidade de afección á saude de persoas e animais, alertan os contrarios a este plan mineiro.

Logo da intervención da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino Non, foi o turno de Goretti Sanmartín Rei (BNG) de defender a moción que presentaba. Na súa exposición, incidiu no demoledor informe da Sociedade Galega de Historia Natural, nas ameazas aos núcleos de poboación, e nos postos de traballo temporais e de baixa calidade.

Tamén remarcou que a actividade constituía un “expolio do cobre para unha puxa internacional” e solicitou a “aprobación unánime como xa se fixo noutos concellos de xeito plural”.

Pola parte do PSOE, Francisco Reyes Santiás fixo referencia á emenda presentada polo grupo e que consideraban “máis detallada” sinalando que faltarían cuestións para valorar o proxecto, de aí a proposición de vintecatro puntos.

María Ángeles Antón Vilasánchez (PP) apelou á corporación a que a decisión estaría tomada “con todas as garantías” e manifestou a posición do partido de “neutralidade absoluta en respecto da legalidade” recoñecendo que o proxecto “pode ser mellorado”.

Pola banda de Compostela Aberta, Xan Duro Fernández manifestou o apoio do grupo á moción do BNG sen condicións.

Finalmente, na votación, Compostela Aberta e PSOE apoiaron a moción do BNG que se aprobou coa abstención do Partido Popular na que se recollen tres puntos para pecharlle as portas ao proxecto mineiro de explotación de cobre: trasladar á Xunta de Galicia o rexeitamento da corporación a este proxecto, solicitar ao Goberno galego a denegación da reapertura deste proxecto mineiro e demandar á Xunta de Galicia que obrigue ao titular da concesión á restauración dos solos e das augas, subterráneas e superficiais, contaminadas pola anterior actividade mineira.

COMPOSTELA, TAMÉN AFECTADA POLA MINA

O aeroporto de Santiago de Compostela atópase a apenas a 6 quilómetros da corta de Bama. Os contrarios a esta mina temen que os 2,5 millóns de pasaxeiros que pasan ao ano por este aeroporto teñan como primeira e última imaxe da capital de Galicia unhas cortas mineiras a ceo aberto.

Ademais, lembran que Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago son Patrimonio da Humanidade e que o Camiño non o é só polo seu contido cultural, tamén pola paisaxe da súa contorna.

No ano 2016 o Turismo superou en Santiago ao Xacobeo de 2010 (máis de 1.350.000 pernotacións e 275.000 peregrinos). O turismo é, polo tanto, un sector estratéxico, único, non só para Santiago, tamén para Touro e O Pino.

Por isto, a Plataforma alegou que a explotación, a 15 quilómetros da cidade de Santiago de Compostela, non sería beneficiosa para a súa imaxe turística nin para os sectores que dependen da mesma (motor das comarcas de Arzúa e Santiago), tampouco para a catalogación do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade no seu derradeiro tramo e moito menos para a saúde das veciñas e veciños que se expoñen á contaminación da auga e ao polvo en suspensión.

A Plataforma Veciñal denunciou tamén durante o transcurso do pleno a fragmentación de proxectos. Así, mentres o Proxecto Touro, que se presenta no DOG, fai referencia á concesión Nº2946 da que se explotarían menos de 700 hectáreas, o que a empresa Atalaya Mining recoñece como Proxecto Touro (tal e como consta no  “Touro Progress Annoucement”  do pasado mes de xuño —incluso antes da publicación no DOG—) fala dun conxunto de 10 dereitos mineiros que chegan ata o Concello de Santiago, bordeando o aeroporto e que converterían a mina de 700 hectáreas nunha auténtica megamina de 122 quilómetros cadrados.

Unha "bomba de reloxería", din os contrarios ao proxecto, que "atentaría contra a saúde, a auga, o patrimonio cultural e natural e a economía e emprego da zona".

A Plataforma afirmou estar" orgullosa do Camiño, da súa proxección internacional que medra cada ano, e ollar con ansias un Xacobeo 2021 que xa se prevé antolóxico" e convidou aos membros da corporación a gozalo, promovelo e, sobre todo, protexelo.

Amparándose nas carencias e nunhas consecuencias potencialmente devastadoras, animouse ao pleno a defender de xeito unánime a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego e unirse así á Plataforma en Defensa da Ría e ás corporacións de Vilagarcía de Arousa, Lalín, Santiso, Vedra, Rianxo, A Estrada, Teo, Vila de Cruces, Touro e O Pino que xa se manifestaron contra o proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta