Por E.P. | VIGO | 28/12/2017 | Actualizada ás 13:48
A familia de Álvaro Cunqueiro doa ao hospital vigués que leva o nome do escritor unha obra en óleo na que sae representado, asinada na década dos 50 polo artista valenciano Néstor Casani; un retrato que até o momento atopábase no domicilio familiar e que agora será exposto na entrada principal do hospital.
O seu fillo César Cunqueiro fixo a entrega este xoves nun acto no que manifestou que con esta doazón a familia quere expresar a súa "gratitude por que o novo hospital público de Vigo leve o nome" do seu pai, "así como agradecer tamén o labor dos profesionais sanitarios que lle atenderon no último proceso da súa enfermidade", até o seu falecemento no Hospital Xeral.
Neste marco, lembrou a "especial vinculación" do seu pai coa profesión sanitaria, ao ser fillo de boticario e amigo de médicos, e ao escribir o libro Faladoiros de boticas prodixiosas e escola de curandeiros.
O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, Félix Rubial, que remarcou que este agasallo é "moi especial", destacou o "gran orgullo de traballar nun centro como este, portador do nome dun dos principais escritores galegos do século XX e un dos personaxes que máis contribuíu a mellorar Vigo como centro de desenvolvemento cultural e social".
"O nome deste hospital é garantía de que perdurará sempre, porque a obra de Álvaro Cunqueiro é atemporal e ligada ao coñecemento, á cultura e á excelencia. Mil primaveras para o novo hospital público de Vigo", proclamou Rubial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.