Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2025 | Actualizada ás 18:09
A edición en Galicia sumou en 2024 un total de 1.948 novos títulos, dos que o 65 % foron publicados en galego. Así se desprende do informe sobre o sector editorial en Galicia, avaliado este luns polo Consello da Xunta para "coñecer con dealle" cal é a situación actual neste ámbito. Coa edición dos novos volumes, a oferta de títulos vivos en Galicia supera xa os 22.000, dos que a metade están dispoñibles en galego, mentres que a metade restante distribúese en linguas como o castelán, o inglés ou o portugués.
Tamén destacan que o 71 % destes novos títulos foron editados en formato impreso, cunha tirada total de 1.377.085 exemplares. Esta produción distribúese principalmente nas categorías de ficción para adultos, infantil e xuvenil e non ficción que, no seu conxunto, representan case o 80 % dos títulos. Doutra banda, destácase que do total de libros editados en 2024, 564 publicáronse en formato electrónico, o que representa o 2 % do mercado electrónico en España. Isto xera unha facturación anual de 1,4 millóns de euros e as materias con maior peso son ficción para adultos, seguida por infantil e xuvenil, non ficción e texto non universitario.
O informe inclúe tamén os datos proporcionados polas editoras sobre comercialización, facturación e vendas que achegan información "crave" sobre o actual estado da industria do libro. Neste sentido, cómpre destacar que o pasado ano, o sector editorial en Galicia rexistrou unha facturación de 27,72 millóns de euros, dos que máis da metade correspóndense a libros editados en galego. Ademais desta facturación, preto de 25 millóns de euros corresponden á venda de exemplares en formato impreso, o que supón a comercialización de 1,58 millóns de exemplares cun prezo medio de 15,79 euros por unidade.
No conxunto de libros editados ao longo de todo o ano, dúas categorías concentran o 69,8 % da facturación: infantil e xuvenil e texto non universitario, seguidas de non ficción e ficción para adultos. Ademais, no mercado en lingua galega, as principais canles de comercialización son as librarías, con máis da metade das vendas, as empresas e institucións e as cadeas de librarías.
IMPULSO AO SECTOR
Explican que, a través deste documento, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude "pon de manifesto a necesidade de contar cun diagnóstico amplo e completo sobre a situación actual da edición privada co obxectivo de axudar a formular e deseñar futuras políticas e plans para o fomento da lectura".
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE MÚSICA DE RAÍZ
Noutra orde de cousas, na reunión do Consello deste luns deuse luz verde á integración do Centro de Interpretación da Música de raíz, localizado no Courel, concretamente no concello de Quiroga, no Sistema Galego de Centros Museísticos. Apróbase así o seu recoñecemento como espazo interpretativo do patrimonio cultural e a súa consecuente incorporación a esta rede.
O centro, xestionado pola Fundación Legar, incorpórase así a un sistema que na actualidade conta cun total de 93 entidades, das que 69 son museos, 22 coleccións museográficas e dous centros de interpretación. Destacan que a importancia deste espazo reside na súa contribución á conservación dun legado que ata agora se transmitía oralmente, de maneira que documenta e difunde un patrimonio que se atopa nas raíces da cultura galega, sendo o primeiro desta natureza que accede ao sistema.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.