Por E.P. | Compostela | 07/01/2018 | Actualizada ás 19:06
Este 5 de xaneiro cumpríronse seis anos da morte do intelectual, editor e empresario galeguista Isaac Díaz Pardo. Nun acto celebrado este domingo no cemiterio de Boisaca da capital compostelá, rendéuselle homenaxe cunha ofrenda floral acompañada dunha cesta de mazás e dúas pombas.
"Non se lle fai unha homenaxe a ninguén en Galicia" como se lle fai a Díaz Castro, asegurou o catedrático emérito da USC e expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que resaltou que foron dous nenos, "que aínda non perderon a inocencia", os que realizaron as ofrendas.
Así, o filólogo e escritor explicou que as dúas "pombas da paz" e a cesta de mazás son elementos mencionados no poema do escritor Lorenzo Varela 'Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados', dirixido "á decencia e á memoria viva dos que fixeron algo polo país", que leu a escritora Olivia Rodríguez.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, erixiu a Díaz Pardo nunha persona "con moitísimas facetas" que dedicou "toda a súa vida, a súa creatividade e o seu xenio" a crear un "país con outras estruturas e moitas posibilidades" en momentos "moi difíciles".
"Todos os que tivemos a fortuna de coñecelo soubemos como Isaac foi unha persona constante, íntegra, con moitísima capacidade de comprensión e de análise", valorou o secretario xeral, que tamén asegurou que Galicia "non ten moitas oportunidades de honrar a personaxes como Díaz Pardo", posto que é, nas súas palabras, unha figura "única".
"RECONSTRUTOR DA PATRIA"
Neste sentido, o actual directo da RAG, Víctor Fernández Freixanes, cualificou a Díaz Pardo como "reconstrutor da patria despois do desastre da Guerra Civil e dun momento de tanta depresión e tanta derrota".
E é que, segundo explicou o tamén escritor e editor, durante o franquismo, o empresario conectou con "toda a enerxía" dos exiliados en Bos Aires (Arxentina) e puxo en marcha o proxecto do grupo industrial da cerámica Sargadelos. Para Freixanes, é "un dos proxectos máis brillantes" que, xunto á editorial Galaxia, "mantiveron o alento de esperanza" durante as décadas dos 50, os 60 e os 70.
No acto, presidido por dúas grandes bandeiras, a galega e a española republicana, interviñeron tamén os escritores Afonso Vázquez Monxardín, María do Cebreiro e Claudio Rodríguez Fer, entre outras personalidades da literatura galega.
Pola súa banda, o amigo do intelectual Clodomiro Montero, destacou o seu carácter "republicano", "de esquerdas" e un galego "único" do século XX dos que Galicia "tería que ter 1.000".
O evento clausurouse coa interpretación, por parte do grupo de gaitas Os Catro de Vigo, da Marcha do Antigo Reino de Galicia e da canción Grândola, Vila Morena, un dos himnos da Revolución dos Caraveis de Portugal no ano 1974.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.