Os preferentistas critican que á banca "sáelle a conta cometer delitos"

Un membro da coordinadora de plataformas censura a "estafa" no Congreso e o representante de CIG-Banca comparecerá a partir de febreiro. Juan Juncal, do PP, acusa a En Marea de de "comunismo puro e duro" e "madurismo" encuberto de "buenismo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2018 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O membro da coordinadora de plataformas de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas Xesús Domínguez criticou este martes no Congreso dos Deputados que "a sanción" aos responsables desta "estafa" foi "simplemente de 2 millóns", após vender Caixa Galicia e Caixanova un total de 1.832 millóns nestes produtos "tóxicos".

Xesús Domínguez, da plataforma de preferentes, no Congreso
Xesús Domínguez, da plataforma de preferentes, no Congreso | Fonte: Europa Press

"Sae a conta cometer grandes delitos neste país", concluíu, antes de estimar que Abanca, a nova entidade xurdida após a compra por Banesco do resultado da fusión e bancarización das caixas de aforro galegas, "podería quedar aínda con 100 millóns de euros a día de hoxe entre uns 8.000 afectados, na súa maioría anciáns sen recursos".

Domínguez compareceu na comisión sobre a crise financeira nunha xornada na que estaba previsto que após el o fixese o representante de CIG-Banca Clodomiro Montero. Este non puido chegar a Madrid polas condicións meteorolóxicas, polo que a sesión do próximo 6 de febreiro tratará de "encaixar" unha nova data para a súa participación.

"POR PARTIDA DOBRE"

Na súa intervención, Xesús Domínguez, que fai catro anos compareceu no Parlamento Europeo para denunciar a "estafa" e "abuso" cometido por entidades de crédito ao redor da venda destes produtos financeiros, denunciou que "os estafados" fórono "por partida dobre". "Pagamos dúas veces: como cidadáns e por decreto como aforradores", aseverou.

Neste sentido, lamentou que "a historia das preferentes convértese nunha gran estafa cando as autoridades que primeiro permitiron e logo potenciaron, por último determinaron que os aforradores debían contribuír con quitas". Ao seu xuízo, os gobernantes foron "cómplices necesarios".

Así, tivo palabras de reproche polas multas que se impuxo a este colectivo polas protestas que protagonizaron durante meses, e tamén para os supervisores.De acordo cos seus datos, aínda que "dicían en 2012" que os afectados eran 43.000 en Galicia, esta cifra chegouse a triplicar, até as 116.000 persoas só para as mencionadas caixas de aforro.

A arbitraxe que máis tarde se habilitou para canalizar a devolución dos aforros tamén foi obxectivo das súas críticas, ao asegurar que "non foi controlado nin supervisado por institucións públicas, senón polos propios bancos a través das súas consultoras". "Arbitraxe, ultraxe", resumiu.

Por todo iso, demandou modificacións legais para que operacións como esta, coas que as entidades se capitalizaron "dunha forma máis barata", non se volvan a repetir, e clamou unhas "estafas bancarias e espolios 'nunca máis".

Previamente, ao comezo do seu discurso, lembrou a actuación do exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela, a favor dos afectados, e tamén apelou á comisión das caixas no Parlamento galego, que "segue a día de hoxe secuestrada pola maioría absoluta do PP". "Se isto non é conivencia e complicidade, paréceselle moito", aseverou, antes de reprobar que Feijóo non tivo "nin sequera a educación de contestar as súas peticións" de reunión.

GRUPOS

Por parte dos grupos, Yolanda Díaz, de En Marea, foi a primeira en tomar a palabra, con críticas para "o papel da Xunta e de Feijóo". Ignasi Candea, do grupo mixto, interrogou a Domínguez sobre "que lle diría" ao ministro De Guindos, que comparece na tarde deste martes na comisión, se o tivese diante.

Do grupo vasco, Idoia Sagastizabal, preguntou ao representante das plataformas por que avogan por unha banca pública e se cren que ía funcionar mellor. Ester Capella, de ERC, falou dunha "operación de fraude masiva" e dunha "gran estafa", que supuxo "danos morais" e de saúde entre os afectados --mencionou explicitamente o "tabú dos suicidios"--.

Pola súa banda, Francisco De la Torre, de Ciudadanos, mostrou o compromiso do seu grupo por traballar para que "esta historia de fracaso e estafa non se repita". A socialista Margarita Pérez, de Lugo, opinou que "hai máis responsabilidade que a das entidades", en referencia aos supervisores, e lembrou que "en Galicia se comercializou o triplo do que lle correspondería por poboación" destes produtos.

Por último, o ferrolán popular Juan Juncal tachou de "interese pouco científico" o de "algúns compoñentes da comisión", e sinalou que houbo tempos en que estas participacións "funcionaron".

O deputado do PP tamén instou a Xesús Domínguez a "que retire" o que dixo sobre "altos cargos do PP" que foron recomendados para a arbitraxe. "Se ten nomes, póñaos sobre a mesa. Eu son do PP e facendo esa generalización oféndeme", sentenciou, ademais de revelar que tivo un "familiar afectado" que foi "ao xulgado" e "non en ningunha lista correndo a ningunha oficina".

Juncal atribuíu "pura demagoxia" a Yolanda Díaz, á que acusou de "comunismo puro e duro" e "madurismo" encuberto de "buenismo". Por último, defendeu que "o rescate serviu para poder pagar despois as preferentes" e recomendou "máis sentidiño" ao denominar o ocorrido con estes produtos como unha estafa. "Admítollo como unha opinión, pero como delito de estafa quen o ten que determinar é un xuíz", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Te lo firmo todito

E que pinta Procesiones dun partido como IU beneficiado por condonacións de préstamos bancarios querendo apuntarse á reivindicación. http://www.eldiario.es/politica/Ban...

1 Corrector

"QUE LLE SAE", non "que sáelle". Coidade máis o galego, por favor, que son moitos os erros que cometedes e doen os ollos. Grazas.