Escolas de Ponteareas incorporan cans na docencia para mellorar a sociabilización dos nenos

O proxecto Yaracán aterrou neste concello para ensinar aos escolares a importancia da empatía, o respeto ou a cooperación.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 17/01/2018 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Os cans forman parte xa das aulas de centros de Ponteareas. A Concellería de Ensino desta localidade puxo en marcha o ciclo de obradoiros sobre Educación en Valores Asistidos por Cans de Terapia en Entornos Educativos, dirixido a alumnado NEAE e o alumnado das súas aulas en xeral. 

Nenos cun dos cans que lles ensina a importancia da empatía, o respeto ou a cooperación
Nenos cun dos cans que lles ensina a importancia da empatía, o respeto ou a cooperación | Fonte: Concello de Ponteareas

A empresa Yaracán é a encargada de levar este proxecto, “Catro patas de apoio”, ás escolas do concello. Deste xeito, os centros realizarán unha actividade transversal que educa en valores e traslada ao alumnado a responsabilidade da tenencia de mascotas.  Estes obradoiros vanse impartir en aulas con alumnado NEAE, con necesidades especiais de atención educativa, buscando sempre a mellora da calidade educativa e a inclusión.

TRABALLO EN EQUIPO

Precisamente, cooperación versus obediencia e segundas oportunidades frente a castigos, son os sinais de identidade deste proxecto que segundo explicou Julia Correa, de Yaracán, pretende fomentar o traballo en equipo, a autonomía, a comprensión, a empatía e ensina aos escolares a porse no lugar do outro; a acadar un obxectivo común incentivando ao compañeiro.

A Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, destacou a importancia de innovar e actualizar os distintos métodos de ensino, por iso dende a súa concellería facilitan diferentes ferramentas novidosas aos centros educativos. Pola súa banda, Elisabeth Pregal, directora do CEIP Santiago de Oliveira agradeceu á concellería que achegue este tipo de actividades aos centros escolares ao supor oportunidades únicas de fomentar con prácticas valores como o compromiso e o respeto.

Yaracán é unha organización que se define como “socialmente responsable” que tenta que os beneficios que aportan os animais acaden aos seres humanos menos favorecidos. Dende os seus comezos gran parte da súa actividade foi dirixida ao desenvolvemento de programas solidarios e de investigación. Ademais, recibíu o premio de responsabilidade social na categoría de Pymes da Fundación Corresponsables no 2012 e resultou finalista no ano 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta