SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2018 | Actualizada ás 14:08 por EUROPA PRESS
Juan Carlos Quer, en nome da familia de Diana, presidiu este domingo na Pobra (A Coruña) a "última despedida" á moza madrileña, unha misa e un acto de recordo que quixo facer "nesta terra" onde foron "tan felices".
Centenares de veciños abarrotaron a Igrexa de Santiago do Deán, onde tivo lugar unha misa previa ao acto homenaxe ao que asistiron personalidades como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, así como mandos da Garda Civil e Protección Civil. Tamén estivo presente o pai de Mari Luz, Juan José Cortés.
"A súa última despedida queriamos que se desenvolvese nesta terra, onde tan felices fomos e que tan inxustamente foi tratada por algúns medios de comunicación", dixo Juan Carlos Quer antes de comezar os actos de recordo.
Así, describiu a zona como "unha terra de xente hospitalaria, de xente boa" que "deu unha lección a todo o pobo español de solidariedade, de agarimo e de apoio para soportar 500 días e 500 noites de dor"
O pai de Diana Quer tamén quixo facer un "recoñecemento" aos corpos de Seguridade do Estado. "O día que a nosa sociedade sexa consciente do valor tan enorme que ten ese traballo en silencio, de protección da cidadanía...", dixo Juan Carlos Quer, que pediu que "non se esqueza xamais" esta "vocación de servizo público". "Son as persoas que protexen á sociedade e aos nosos fillos", finalizou.
Ás 13,00 horas deu comezo unha Misa en recordo de Diana Quer, á que seguirá, ás 13,45 horas, un acto de homenaxe e agradecemento polo apoio prestado por esta zona á familia Quer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.