Sanidade confía no plan do ano pasado para cubrir vacantes no verán e os sindicatos advirten do peche de máis de 700 camas

CC.OO. asegura que o peche previsto nos hospitais de 700 camas suporá que "2.364 persoas quedarán sen ingresar" entre xuño e setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 24/06/2025 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confía "sen ningunha dúbida" en que o plan do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para cubrir as vacantes que se producen no verán funcione porque é "practicamente o mesmo" que o do ano pasado. Así se pronunciou, en declaracións aos medios durante unha visita á Plataforma Loxística do Sergas, situada no Polígono de Covas, en Negreira, acompañado dunha delegación do Goberno da Rioxa encabezada pola súa conselleira de Saúde, María Martín.

O plan de verán, que recibía o luns o visto e prace do Consello da Xunta, "xa está activado" e permite a incorporación de médicos internos residentes (MIR) de último curso aos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) onde haxa ausencias. Ademais, entre as medidas está a habilitación dunha bolsa de profesionais voluntarios para atender estas vacantes habituais da época estival.

A estratexia estará dotada dun orzamento de 12,1 millóns de euros, fronte aos 12,5 millóns do ano pasado. Preguntado sobre esta diferenza duns 400.000 euros, o conselleiro explicou que se debe á data na que os MIR acaban a residencia, que este verán será antes que en 2024. É dicir, o ano pasado finalizaron máis tarde porque a súa formación comezara con algo de atraso en 2020, debido á pandemia de covid. Así, agárdase que este ano estes médicos pasen antes "a ser adxuntos", polo que este gasto xa non entraría dentro do plan de reforzo.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en declaracións aos medios
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en declaracións aos medios | Fonte: XUNTA

COLECTIVOS E SINDICATOS AMÓSANSE MOI CRÍTICOS

Pola contra, varios colectivos, entre eles sindicatos e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), mostráronse este martes moi críticos coa planificación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de cara ao verán, cando se espera que se acrecente a falta de persoal polo período vacacional. Ademais, segundo datos de CCOO, o peche de camas previsto nos hospitais --máis de 700-- suporá que "2.364 persoas quedarán sen ingresar" entre xuño e setembro. 

A través dun comunicado, a secretaria de Organización de CCOO Sanidade, María José Diéguez, asegura que esta medida "non é unha cuestión técnica nin estacional", senón "unha decisión política que compromete a saúde da poboación". Diéguez cuestiona que, tal e como argumenta a Consellería de Sanidade, durante o verán haxa unha menor demanda, porque "aí están as listas de espera". Para a responsable sindical, a "falta de planificación" da Consellería ten "como consecuencia o incremento" das demoras e "o colapso" dos servizos de urxencias. "Por que insiste a Xunta en manter as consultas baleiras e en ter a súa tecnoloxía inoperativa nese tempo?", pregúntase, para reclamar outro modelo de xestión e planificación para "aproveitar todas a capacidade" do Sergas durante todo o ano.

Pola súa banda, o sindicato maioritario, a CIG-Saúde, centra as súas críticas no plan de verán aprobado o luns no Consello da Xunta, que contará cun orzamento de 12,1 millóns de euros. Entre as súas medidas, está que os MIR de último ano pasen consulta e que haxa unha bolsa de médicos voluntarios para cubrir vacantes. A central nacionalista cuestiona que se repitan as propostas do ano anterior porque esta estratexia "debería ir máis aló da repetición" dunhas que "demostraron non solucionar os problemas de falta de cobertura asistencial" que ocorre, especialmente, en zonas de costa.

Ao seu xuízo, as medidas perpetúan "a estratexia de facer máis con menos" e repetilas supón "normalizar" algo que "inicialmente se presentou como excepcional". Sobre os MIR, lamenta a "falta de claridade" nesa supervisión que necesitan nas consultas e que marca a normativa. Así mesmo, a CIG entende que o plan, do que afea que non foi negociado en mesa sectorial, necesitaría primeiro unha análise "rigorosa" da "situación real" da atención primaria, o cal pasa por un plan de ordenación de recursos humanos "que xa debería ter realizado" o Sergas.

O SERGAS "AFORRA GASTOS"

Tamén a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública se amosou moi crítica coa xestión do Sergas no verán. En primeiro lugar, menciona o peche de, segundo os seus cálculos, 734 camas hospitalarias públicas --sobre o 10 por cento do total-- a pesar da "dramática situación das listas de espera". Ademais, censura que en días pasados o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmase que, igual que todos os anos, pecharían consultorios durante o verán "xa que non substituirá ao persoal de vacacións". Tamén acusa á Consellería de pretender "aforrar gastos" de persoal e funcionamento. Así e todo, a AGDSP alerta dos "riscos" que supoñen "os peches de camas, servizos e consultorios" no período estival, polo que chama á mobilización "social e profesional" para esixir á Xunta que os incremente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta