SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2018 | Actualizada ás 20:18 por EUROPA PRESS
A Mariña lusa cancelou este mércores o dispositivo de procura do pescador portugués desaparecido desde o sábado no río Miño tras catro días de procura.
Segundo informou o Ministerio de Defensa, o exercito portugués, en coordinación coa Armada española, decidiu cancelar este dispositivo despois de rastrexar 30 quilómetros do tramo internacional deste río.
Con todo, sinalou que Capitanía de porto de Caminha e a Comandancia Naval do Miño continuarán a procura no marco da súa misión de fiscalización do tramo internacional do Miño, como policías de río.
En concreto, este mércores mobilizouse unha patrulla combinada da Armada e a Mariña Portuguesa que partiu da localidade portuguesa de Melgaço para incidir nas zonas xa batidas en días anteriores. Tamén se procedeu a ampliar a zona de procura até Tui (Pontevedra).
O desaparecido é un pescador portugués de 55 anos de idade que, supostamente, supervisaba unha pesqueira de lamprea. O home, veciño do municipio luso de Monçao, desapareceu nun tramo situado entre o concello pontevedrés de Arbo e a vila portuguesa.
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a través do CIAE 112 Galicia, activou o luns o protocolo de colaboración transfronteiriza en caso de emerxencia (ARIEM 112) para tratar de localizar ao pescador que buscan na parte portuguesa do Río Miño. Tamén a Deputación de Pontevedra achegou medios ao dispositivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.