Como se ven as Irmandades da Fala cen anos despois

A RAG xunta 'No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos' 29 achegas de poetas, escritores, académicos, investigadores e xornalistas para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2018 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

As Irmandades da Fala supuxeron “un chimpo cualitativo e cuantitativo que fundamenta os principios da normalización" da lingua e que constituíu un "capítulo fundamental para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea". Así o cre o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes quen, xunto con outros 28 persoeiros do mundo da cultura, o xornalismo, a lingua e a universidade comparten as súas reflexións no volume “No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos”.

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

Foron as reflexións presentadas no ciclo organizado pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento e que a RAG organizou en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia. O libro xunta opinións, lecturas e propostas "para entender o significado das Irmandades non só mirando cara ao pasado, senón tamén para o presente e para o porvir", explican na presentación os editores, Henrique Monteagudo e María Dolores Sánchez Vales. "Temos a certeza de que supoñen unha achega moi significativa para mellorar a nosa comprensión das Irmandades, e con ela, das tarefas que temos por diante para seguir facendo país", conclúen.

LITERATURA, LINGUA E XORNALISMO

O volume distribúe os textos en oito capítulos. Os catro primeiros céntranse en distintos xéneros literarios. O primeiro, "Oratoria e prosa non ficcional", fórmano as achegas de Xesús Alonso Montero, Arturo Casas e Teresa López. Séguenlle "Novos vieiros para a narrativa", coas contribucións de Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Camiño Noia Campos; "Un novo teatro galego", cos escritos de Laura Tato Fontaíña, Euloxio R. Ruibal e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes; e "Unha poética anovadora", cos relatorios de Xosé Ramón Pena, María Xesús Nogueira Pereira, Miro Villar e Xosé Luís Axeitos.

O quinto capítulo, "Reivindicación e modernización da lingua", permite ler as contribucións de Rosario Álvarez, Antón Santamarina e Henrique Monteagudo. As achegas relacionadas coa prensa centran "A conquista do público", que recolle os relatorios de Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xan Carballa e Carme Vidal. Pechan o volume "Intelectuais, xornalistas, escritores", coas achegas de Emilio Xosé Ínsua, Antón Costa Rico, Olivia Rodríguez González, Francisco Fernández Rei, Isabel Seoane e Manuel Roca Cendán; e "Imaxe e identidade", coas de María Victoria Carballo-Calero, Pepe Barro e Siro López.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta