Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/02/2018 | Actualizada ás 13:00
Nova mobilización no sector dos transportes, desta volta, en Tranportes Souto, unha empresa con sede en Mos que anunciou un cese indefinido de operacións que afecta a máis de 700 empregados e a outros tantos que traballan para subcontratas. En total, son máis de 1.500 os traballadores que se ven afectados por un cese de actividades que non saben como rematará.
Os sindicatos cren que a enorme débeda contraída, 69,3 millóns de euros en 2016, está detrás do seu cese temporal que podería rematar en peche definitivo. Transportes Souto conta con 41 delegacións repartidas en Galicia, o resto do estado e Portugal e ten como principais clientes á factoría de PSA en Vigo e a Gefco.
RESPONSABILIDADES DE PSA
Por iso, os sindicatos critican xa a Gefco e a PSA por ser “cómplices” dunha situación que, din, “tiñan que coñecer”. Neste sentido, o sector de estradas de CCOO de Galicia denuncia a “mala fe empresarial” da empresa que asumía a loxística do grupo PSA Vigo e instan tamén a este grupo a asumir responsabilidades polo cesamento das actividades de Souto. O sindicato critica os “criterios estritamente economicistas” das empresas contratistas, que acaban “provocando estes desastres sociais”.
Así mesmo, en tanto que parte contratante, Comisións defende que a multinacional francesa debe ter algún tipo de responsabilidade en relación co persoal do servizo externalizado, neste caso o loxístico.
Ademais, CCOO repróchalle á Dirección da compañía o “ocultismo” sobre a situación económica e que “non dea a cara” ante o persoal. Proba desa “mala fe” é que nos últimos días Souto parou a actividade en todos os seus centros de traballo, decisión “que implica moita planificación, cando menos un ano para facela efectiva”.
MOBILIZACIÓNS
Desde CCOO coidan que a parada da actividade é o paso previo a que Transportes Souto solicite o proceso concursal. Ante esta situación, o sindicato vai organizar asembleas con todo o persoal da empresa en Galicia. A primeira delas tivo lugar xa o pasado 17 de febreiro en Vigo, e nas próximas datas farase o mesmo en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo.
O grupo galego rexistrara en 2016 unha facturación de 81 millóns de euros. A última instalación que abriu foi o pasado mes de agosto en Huelva, de 1.500 m2, dotada de peiraos de carga e descarga para todo tipo de vehículos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.