Galicia convértese nun país de vellos

Sofre en 2016 o seu peor saldo vexetativo desde que hai rexistros, con 12.521 mortes máis que nacementos. Aumenta a idade das maternidades e só hai 14 concellos con máis nacementos que defuncións

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou en 2016 o seu peor saldo vexetativo desde que hai rexistros --desde 1975 segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE)--, con 12.521 mortes máis que nacementos. En concreto, en 2016 rexistrouse a maior cifra de falecidos en Galicia desde 1975, cun total 31.757, mentres que os nacementos continúan á baixa (desde 2009) e quedan en 19.062. Hai máis de 25 anos que a Comunidade non presenta un saldo vexetativo positivo.

Parella De Anciáns Paseando
Parella De Anciáns Paseando

Na comparativa con 2015, os nacementos de 2016 diminuíron en 305 (-1,9%), mentres que as defuncións aumentaron nun total de 69 (+0,2%), segundo o IGE. O 79,6% dos nacementos de 2016 correspóndese con nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra. Ademais, constátase o atraso na idade no que as mulleres teñen fillos, xa que os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 10,2% do total, fronte ao 4,1% de 2006.

En 2016, o 78,2% dos nacementos foron de nais de máis de 30 anos, mentres que unha década antes representaba tan só o 65,4%. Así mesmo, só o 19,9% das nais de nacionalidade española tiña menos de 30 anos, mentres que as nais de nacionalidades estranxeiras de menos de 30 alcanzan o 47,5%.

DEFUNCIÓNS

No tocante ás defuncións, segundo os datos do IGE, o 46,9% dos 31.757 falecidos tiñan 85 ou máis anos. A maior parte das defuncións prodúcese cada vez en idades máis elevadas. Os datos arroxan que nas mulleres prodúcense en idades máis tardías que os homes. O 52,8% dos homes que morreron en 2016 tiña 80 ou máis anos, mentres que o 76,9% das mulleres estaba nese grupo de idade.

SÓ 14 CONCELLOS PRESENTAN SALDO POSITIVO

Deste xeito, só 14 dos 314 concellos galegos presentaban un saldo positivo en 2016. Entre as sete cidades, todas contan con cifras negativas. Ames é o concello con maior saldo vexetativo positivo, 193 nacementos máis que mortes. Séguelle Arteixo (97), O Porriño (45), Salceda de Caselas (35), Cambre (32), Barbadás (28), Poio (22), Culleredo (19), Ponteareas (18), Oroso (16), Gondomar (11), Soutomaior (10), Carral (1) e San Cibrao das Viñas (0).

MATRIMONIOS EN AUMENTO

En 2016 houbo en Galicia 9.379 matrimonios, 133 deles do mesmo sexo, o que supón un incremento do 1,5% respecto de 2015. Aquí, tamén hai un atraso na idade do casamento, pois o 86% dos homes e o 76,3% das mulleres tiñan 30 ou máis anos, mentres unha década antes esas porcentaxes supuñan o 62,6% para homes e 47,8% para mulleres. Por provincias, A Coruña foi na que houbo máis matrimonios (4.184), mentres que Ourense non se alcanzaron os 1.000 casamentos no ano 2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

marVELLIcia

1 expaña e a morte da Galiza

pepeiros o digo con oito collons: XENOCIDIO, levades 40 anos destruindo a nosa raza galega, o pobo galego esta sendo exterminado, saben o que na practica son istes resultados, si non se pon o país nin onde nin que época esta pasando calisquer demógrafo falaria de peste bubónica, de peste negra, ou dunha guerra de exterminio como as guerras alemanas do 14 o 45, xa levan moitos anos desde expaña destruindo este país, están arransando a Galiza nos están matando!!!