O Consello e o inicio do conflito de 1976 na UPG

Denantes de entrarmos neste novo capítulo recomendamos como unha lectura complementaria ao anterior artigo o Canle nº8 (1974?), dedicado a facer unha historia interna da UPG e onde se fan as consideracións verbo da dirección anterior a 1970.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 31/01/2011

Comparte esta noticia

Non entramos a fondo neste presente traballo nos diversos sucesos que aconteceron na UPG a partir do punto en que o deixaramos anteriormente (centrado aquel na renovación da cúpula nacionalista contra inicios da década dos 70) até chegarmos ao 1976. Polo tanto, deixamos á marxe cuestións como o desenvolvemento da teoría da fronte de liberación e creación da AN-PG, o conflito na organización estudantil en Compostela (que rematou coa desactivación das células nunha decisión capitaneada por Reboiras e Pepiño), a concepción da loita armada e a súa posta en marcha, os contactos con ETA e PSAN, a represión no 75… Citaremos algún destes feitos mais non afondaremos porque o miolo deste artigo é o suceso de santos de 1976.

A represión exercida sobre a UPG en agosto de 1975 tivo a súa orixe nun infiltrado en ETA (Mikel Legarza Egía, “O Lobo”) que participou nas conversas coa UPG. Alertada e decidida a intervención policial, a represión batería na organización que sufriría o asasinato dun dos seus dirixentes, Pepe Reboiras. Comezan as detencións, descóbrense pisos francos, o exilio a Porto de varios dirixentes (Ramón Muñiz ou García Crego), desartéllase a dirección, a policía comeza a fiar o organigrama (até daquelas moi incompleto e basta esta anécdota: coidaban que Ramón Piñeiro era un dos dirixentes na sombra)…

Tras pasar por comisaría, Pepiño é ceibado baixo fianza. Entón aproveita para fuxir e pasar á clandestinidade. Marcha de Vigo. Xunto a Xosé Antón Iglesias, “Fuguillas”, un crego de compromiso militante, percorre Galiza para recompor a organización, moi abatida.
Membros da dirección en Porto deciden que este se exilie. Agochado en Ourense, o mesmo día da súa saída négase e volve a Compostela. Un dato nada irrelevante e, unha das acusacións que farán contra del foi o seu estilo de vida na capital posto que, segundo afirman, non seguían disciplina ningunha.

Os organismos de dirección estaban desartellados. Algúns militantes fuxiran, outros agocháranse e algúns afastáranse. Cumpría unha reorganización inmediata. Ese foi o argumento polo cal Pepiño decide quedar e recompor a directiva, feito que consegue. Algúns dos membros do CC exiliados retornan a Galiza no Nadal de 1975.

Denantes, durante a súa estadía en Compostela, o dirixente Pepiño acude á casa de Xosé Manuel Beiras e realiza xuntanzas da dirección da UPG. Tras diferentes encontros e discusións (adoitaban xuntarse na casa de Alejandro Otero, na capital galega) deciden darlle feitura ao que será o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), que sae á luz en xaneiro de 1976 e ao cal se sumaría o Partido Galego Social Demócrata (PGSD).

Este partido, PGSD, nacera en 1974 baixo o liderado de Xosé Luís Fontenla, Alfonso Zulueta, Quico Domínguez, Pousa Antelo ou Ramón Barral. Era unha pata máis desa estrutura plural, desa arquitectura aberta, que o nacionalismo precisaba segundo a teoría da UPG. Non serían moitos pero conseguían expresar a idea de que diferentes sensibilidades nacionalistas se agrupaban nuns puntos mínimos para chantar unha proposta fronte a queda do feixismo e os plans do PCE, agora centrado na Junta Demócratica.

No mesmo ano do PGSD, aparece o Movemento Socialista de Galiza (MSG) liderado por Alfonso Álvarez Gándara xunto a Panchulo, Basilio García Pérez, Xosé Bar ou Fernando Ramos. Postúlanse para entrar nas xuntanzas do CFPG. A UPG difire posto que xa existía unha opción socialista que era o PSG e propón que a entrada do MSG se produza a través dunha incorporación ao outro. Efectivamente, intégranse no PSG oficiosamente contra o Nadal de 1975 e oficialmente en xuño do seguinte ano.

En abril do 76 publícanse as Bases constitucionais pra a participación da nación galega nun pacto federal e de governo provisorio galego e despois as Medidas económicas pra un programa de governo provisorio galego. Dous documentos dun enorme interese e, coidamos, que descoñecidos e pouco analizados. Na súa redacción participan Xosé Luís Fontenla, Mario Orxales, Xosé Manuel Beiras, Vilas Nogueira, Camilo Nogueira e Pepiño de Teis. Irá asinado por PGSD, PSG e UPG.

De inmediato vanse sumar ao CFPG o Movemento Comunista Galego (sección do MCE, o 7 de abril) e o Partido Carlista (PCa, o 26 de abril). Reparemos nestas adhesións.

Algúns estudosos coidaron que estas integracións non supuxeron nada máis alá de gañar xente e, no caso do PCa, unha anécdota que servía para explicar o xiro á esquerda do carlismo. Pero a concepción naquel intre da UPG era radicalmente distinta. O importante non era que incorporasen unha masa senón estabelecer a rivalidade co PCE, restarlle socios e presentar unha referencia dende Galiza para a oposición.

En Galiza o PCE pretendía xerar unha Xunta Democrática. Pretendía ser a proposta da esquerda e, logo, entraba na cancha da UPG e xurdía a rivalidade. O que se propuxo o nacionalismo foi desactivar esa posibilidade. Para iso, alén dalgunha xuntanza con Carlos Barros ou Anxo Guerreiro en que se lles dá corda sen pretender chegar a nada, a UPG o que fixo foi atraer o MCG e o PCa. Mais que interese tiñan?

Tanto o MCE coma o PCa eran partidos estatais. O primeiro facía parte da Plataforma de Convergencia Democrática; o segundo da Junta do PCE.  En Galiza tiñan a mesma pretensión de incorporarse a esta plataformas as seccións galegas dos devanditos partidos mais o nacionalismo, nomeadamente a UPG, consegue atraelos e incorporalos ao CFPG. Tempo despois, en marzal de 1976 (un mes denantes da integración do MCE e do PCa no CFGP), a Plataforma e a Junta fusiónanse para dar vida á Coordinación Democrática ou Platajunta, onde estarían o PCE, PSOE, PCa e MCE, entre outros. Galiza daquelas xa tiña constituída a súa alternativa liderada pola UPG.

Así quedaba lexitimado o Consello coma unha plataforma plural, de esquerda, con distintas opcións democráticas e cun programa elaborado fronte a un PCE que tivo que reorientar a súa táctica. O nacionalismo coa traída do MCG e do PCa ao Consello collera a dianteira no referente da alternativa da esquerda rupturista en Galiza. Velaí a razón máis poderosa daquel movemento.

O concepto que tiña a UPG do Consello non está suficientemente comprendido nin coidamos poder resolver nós esa trama. Mais anotemos o seguinte: a tese da creación do CFPG non era preparar o terreo para a ruptura dando por suposta que a creba fose inmediata senón que esa creba non se ía producir (ía haber un continuísmo aínda que fose edulcorado). Así, o Consello debía servir para acelerar contradicións noutras organizacións (a relación do PSG coa Federación Socialista ou agudizar a rivalidade do PCG e MCG) e gañar tempo na reordenación da estrutura estatal e da propia oposición.

Anotemos agora un intre tamén relevante para o presente traballo. En xullo de 1976 son detidos varios nacionalistas e, entre eles, dirixentes da UPG coma García Crego, Pepiño ou Xan Carballo, baixo a acusación de pertenza a “la organización separatista de tendencia marxista U.P.G.” así como de posuír “documentos de identidad alterados”. Na primavera chegara de Cádiz Francisco Rodríguez, membro do Cumio Central. Incorpóranse ao CC Bautista Álvarez (que fora expulsado da UPG) e López Suevos. Nese verán prodúcese unha expropiación de dinamita en Redondela e en Tomiño unha multicopista. Algúns coidan que son xente da UPG e outros apuntan ao GRAPO.

Situamos neste intre o inicio do asalto. As diverxencias aumentan: algúns son contrarios á loita armada, procuran a confrontación e non a colaboración co PSG, colle forza a controversia sindical, atácase ao MCG por españolistas etc. Agora ben na elaboración do discurso para enfrontarse a Pepiño non se utilizaron motivos políticos senón o método do desprestixio persoal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)