Por Galicia Confidencial | Ferrol | 27/01/2011 | Actualizada ás 11:54
Finalmente houbo lista de “consenso” en Ferrol pero tras 13 días de duras negociacións e de “portazos” incomprensibles, a estructura do PSOE ferrolán quedou moi tocada. E non só os órganos locais do partido nesta cidade, senón tamén na provincia e na dirección galega porque a decisión “democrática” dos militantes non foi tida en conta.
O órdago que lanzou Irisarri colleu co pé mudado ao lider socialista galego que non agardaba unha reacción tan airada do rexedor, máxime, cando Pachi Vázquez puxo orde no Grupo Parlamentario Socialista apartando, precisamente, ao sector no que se atopa Beatriz Sestayo, coordinadora do PSOE de Ferrol e candidata a suceder a irisarri.
Por iso, tanto Vázquez coma Sestayo tiveron que deixar de lado as súas diferenzas para afrontar a “rebelión” de Irisarri, que pasou por riba da executiva local ferrolá coma se dun trailer se tratara.
Ameazas con ir a Ferraz
Ao rexedor non lle gustou a lista aprobada pola militancia --unha decisión “democrática”, segundo os líderes locais-- e decidiu revelarse, amenazando, mesmo, con ir ao Comité de Garantías do PSOE en Madrid. “Lo que diga la Sestayo o Pachi nos tiene sin cuidado. Como no se tenga en cuenta al alcalde nos vamos a Ferraz”, apuntaba este martes a GC un dirixente próximo a Irisarri.
Ao final, non fixo falla ir a Madrid, nin tan sequera a Compostela, porque as cousas resolveronse na Coruña e coa atenta mirada de Fernández Moreda e a supervisión de Pachi Vázquez. Pero, para iso, houbo que lembrarlle ao alcalde que en Ferraz fan o que lle digan en Galicia e que o que ía a conseguir era “danar aínda máis” a imaxe do partido en Ferrol e poñer en perigo á alcaldía.
Tres fieis
Con todo, o órdago de Irisarri surtiu efecto e conseguiu meter aos seus tres fieis escudeiros nos postos de saída da lista. No lado oposto, Sestayo, que tivo que inmolarse para que houbera acordo. Pero este pacto non lle gusta a ninguén; nin ao rexedor, nin ao sector de Sestayo, nin a dirección galega.
O alcalde teme ter que lidiar cun grupo incómodo se repite como alcalde, especialmente, con Natividad González Laso, a que tampouco quixo como número dous e que ve coma unha ameaza para o control absoluto do grupo municipal. Sestayo perde en Ferrol e en Santiago porque terá que agardar ás seguintes municipais se quere ser a cabeza de lista dos socialistas nesta cidade e porque perdeu a confianza de Vázquez na capital galega.
O “Ventura” de Ferrol
Pero a quen realmente lle sae unha bocha importante é a Pachi Vázquez porque ve coma en Ferrol pode acontecer o mesmo que en Vigo hai uns anos, cando Ventura Pérez Mariño quixo ir por libre, rompeu co BNG e acabou entregandolle a alcaldía á Corina Porrro. Un primeiro paso que Irisarri xa deu en Ferrol coa ruptura do pacto de goberno con EU.
A “rebelión” de Irisarri foi tamén un órdago ao líder socialista galego para demostrarlle que non controla o seu partido. Por iso, decisións coma as do alcalde de Ferrol menoscaban o poder de Vázquez e converteno nun blanco fácil para as críticas populares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.