As mulleres, divididas na política, sobre o seu papel no futuro de Galicia

As posturas diverxentes entre as formacións políticas fan que a folga deste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, divida, aínda máis, ao partido que goberna e aos que están na oposición. En Marea, PSdeG e BNG, que apoian a folga, chaman a participar, mentres que o PP a ve como unha manifestación afastada da realidade. GC falou con representantes políticas de todos os grupos, menos do Bloque, que remitiu a un comunicado de prensa feito público o pasado domingo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As diferenzas sobre a folga das mulleres convocada para o 8 de marzo supuxo ata o último momento un factor de confrontación. Desde chamadas á folga estilo xaponés de ministras que se senten arroupadas por líderes políticos que logo non se identifican con elas, ata as voces que chaman á participación para rematar dunha vez cun estilo de vida patriarcal, machista, discriminador e mesmo violenbto contra as mulleres. Por iso, GC testeou o punto de vista das formacións políticas e tamén como xustifican as súas posturas diante dun paro laboral que busca a implicación da metade da sociedade e non só dun sector económico concreto.

Manifestación feminista en Galicia
Manifestación feminista en Galicia

Paula Quinteiro, do grupo Parlamentario de En Marea coincide con outras mulleres do Parlamento Galego e cos movementos reivindicativos en que “son moitas as reivindicacións e concordamos con todas elas, sobre todo no que son as desigualdades entre homes e mulleres no terreo produtivo, cpn traballos precarios e cobrando moito máis que os compañeiros de traballo”. Quinteiro ve máis que a fenda salarial como elemento que chame á mobilización “pensamos que esta folga é positiva pois vai axudar a visibilizar ese traballo esquecido que é o dos coidados, pois vemos que con esta convocatoria os coidados no fogar póñense de manifesto”. Anticipándose posiblemente aos posibles resultados que saían do 8 M, Paula Quinteiro ve “un éxito, pois a manifestación en Vigo xa o foi, e aquí será un éxito xa só na convocatoria pois está conseguindo cambiar culturalmente o  propio concepto do feminismo” pois “está colocando no centro da axenda moitos debates que ata hai pouco por desgraza quedaban reducidos a espazos máis minoritarios”. Entre eses debates estarían o traballo no fogar e o consumo.

Desde o PSdeG, María Pierres, voceira de Igualdade, considera que “as razóns para manifestarse son moitas, non só o 8 de marzo, senón todo o ano contra a fenda salarial, a discriminación que vivimos en todos os campos”. Pierres manifestaba isto logo de saír do pleno parlamentario do 6 de marzo e que continuaría o 7 “decidimos abordar este punto para reflectir todas as desigualdades que se dan en todos os ámbitos da nosa vida”. As iniciativas presentadas son as de Muller e Cultura, Muller e Mar e Muller e Fenda Salarial e tamén Educación. “Isto non vai ser o final senón o comezo dunha loita que é moito máis longa, é un golpe na mesa moi consciente pois somos as mulleres máis formadas da Historia as que dicimos basta xa”. Sobre a participación dos homes nesta folga e nas manifestacións convodadas, “pedímoslles que nos acompañen dunha maneira diferente, asumindo o traballo que deixaremos de facer, que non só é laboral senón tamén o do coidado dos menores e maiores” con intención “de deixar ver que son as mulleres as que asumen maioritariamente estas tarefas e que son traballos altamente servilizados e é un tema que debe entrar xa na axenda política” segundo María Pierres.

RESPECTO PARA QUEN NON SECUNDE

Pola súa banda, a parlamentaria do PPdeG Paula Prado remarca a postura que defende o seu partido de non intervir na folga. “Respectamos ás mulleres e homes que a queren secundar pero tamén respectamos a mulleres e homes que non queren secundala”. Xunto a isto, Paula Prado quixo lembrar cuestións de fondo na chamada á folga do 8 M “hai que destacar diferenZas entre as entidades que a convocan, dunha banda temos unha folga internacional promovida por entidades feministas cun paro de 24 horas non só para o posto de traballo, tamén para os coidados e logo en España quen chama á folga son os sindicatos, pero aquí non son eles os que convocan, só chaman a paros de dúas horas en cada quenda”.

mulleres deputadas noutra lexislatura
mulleres deputadas noutra lexislatura | Fonte: mundo.es

Prado considera que se vai máis alá do que é un paro normal “pois falan cos empresarios para que non lles desconten esas dúas horas, iso non é unha folga en si mesma”. A esencia da convocatoria do 8 M para Prado é a visibilización dos retos que aínda quedan, pero lembra os posicionamentos das outras forzas políticas “dentro do PSdeG a alcaldesa de Lugo di que ela vai facer folga traballando, a presidenta da Deputación de Pontevedra di que non vai facer nada durante esas vinte e catro horas”. Paula Prado por tanto remarca a postura do seu partido cando di “non imos ir á folga  pero respectamos os motivos de cada quen para ir e para mostrar o que aínda falta para chegar á igualdade”. A parlamentaria do PPdeG ve ese traballo a prol da igualdade entre homes e mulleres no traballo parlamentario “pois presentamos iniciativas para avanzar e conseguir resultados neste ámbito”.

OUTRAS VISIÓNS

No BNG non quixeron dar directamente a súa opinión sobre esta cuestión e remitiron un comunicado de prensa dado a coñecer na manifestación do pasado domingo en Vigo onde manifestan que a voceira nacional, Ana Pontón, reivindicou unha lei pola igualdade salarial e sancionar ás empresas que paguen menos ás traballadoras que aos traballadores. Nese mesmo acto, Pontón recalcaba que “as mulleres non teñen por que ser o sostén dos recortes do goberno e comprobar que cobramos 4000 euros menos que os homes.

Noutros ámbitos administrativos como o do municipalismo, a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, sente que “aprobouse nun pleno con ampla maioría sumarse, apoiar e secundar todas as reivindicacións das que parte esta convocatoria do movemento feminista e que ten por obxectivo facer unha mobilización moi numerosa”. A folga para Marta Lois ten como valor engadido “que é un movemento mundial para demostrar que se paramos as mulleres para a produción” e por iso mesmo “vai haber un antes e un despois para colocarnos nas axendas políticas cales son as precondicións e coidados que as mulleres aportan a esta sociedade a día de hoxe”.

Sexa como for, a coincidencia en que existe unha fenda salarial, matizada segundo o ángulo político que se manifeste; os coidados dentro da familia tanto de menores como de maiores, a desigualdade na valorización de traballos semellantes feitos por persoas de diferente sexo, buscan marcar dunha maneira clara e definitiva, unha axenda de temas para desenvolveren os gobernos no que toca aos dereitos entre persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 cidadano kane

andades enredando e claro des pois veñen os enfados??? Pero que esta mal deberían atenderos e dar a opinión o do comunicado de prensa esta ben pero tamen ha que dar a cara, non todo poden ser comunicados de prensa...

1 Xana

O Bloque podería ter un pouquiño máis de cabeciña que hoxe é o Día de todas as mulleres. Pódelle máis a xenreira que tentar facer país e política feminista. Se ata falou a Paula Prado. E logo quere dar exemplo