Feijóo esquece as candidaturas á UNESCO de Ferrol e da Ribeira Sacra pola súa competición con Caballero pola das Cíes

“A da Xunta, é a real, fronte a de Caballero que é a ficticia”, asegura ao tempo que di que “discutir sobre algo que non existe é unha melancolía e unha perda de tempo, ademais dunha falta de respecto para os vigueses”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/03/2018 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A candidatura das Cíes e do Parque Natural das Illas Atlánticas vai camiño de converterse no novo culebrón político entre o rexedor de Vigo, Abel Caballero, e Alberto Núñez Feijóo. E o certo é que o presidente da Xunta aproveitou a inclusión da “súa” candidatura na primeira criba da UNESCO para volver atacar a candidatura das Cíes que propón o Concello de Vigo.

Illas Cíes
Illas Cíes

“A candidatura da Xunta vaille ben a todos os concellos implicados; Bueu, Vilagarcía, Ribeira e Vigo”, dixo Feijóo tentando restarlle importancia á candidatura que só impulsa o concello vigués. “E se lle vai ben a todos os concellos, vainos ben a todos”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Unha xuntanza na que se abordou a inclusión da candidatura da Xunta na lista oficial da UNESCO para ser avaliada. Un logro que, en todo caso, ten que pasar aínda moitas cribas.

Por iso, e na súa obsexiva competencia con Caballero, Feijóo suliñou que, para pasar “o antes posible” esa fase, na que ten que estar un mínimo dun ano, a Xunta impulsará unha serie de actividades para potenciar a súa candidatura. Unhas actividades que anunciará a vindeira semana e que deixa en inferioridade de condicións ás outras dúas candidaturas galegas que xa están nesa fase tamén, e antes que a das Cíes; a de Ferrol, cidade da ilustración, e a da Ribeira Sacra.

FERROL E RIBEIRA SACRA, RELEGADAS

“E que vai facer por estas dúas candidaturas a Xunta porque semella que só está interesada na das Cíes pola competencia que manteñen vostede e Caballero?”, espetoulle GC ao presidente galego ao coñecer que a prioridade da Xunta é, agora, a do Parque Nacional das Illas Atlánticas. “A polémica xorde sempre coa mesma persoa”, dixo Feijóo en alusión ao rexedor vigués. En todo caso, non foi quen de suliñar nin resaltar o que a Xunta fará por impulsar tamén as outras dúas candidaturas; a de Ferrol e a da Ribeira Sacra. 

Fiel ao seu guión cando se trata de Vigo, Feijóo insistiu en descualificar a candidatura impulsada desde este concello e suliñou que a del, a da Xunta, “é a real”, fronte a de Caballero que é a “ficticia”. “Só hai unha candidatura que foi admitida pola UNESCO e os vigueses verán isto pouco a pouco e o resto é facer ruído con algo que non existe porque non son posibles dúas candidaturas sobre o mesmo”, dixo.

“Discutir sobre algo que non existe é unha melancolía e unha perda de tempo, ademais dunha falta de respecto para os vigueses que poderán ter seguro que Cíes terá a súa candidatura”, insistíu para descualificar ao rexedor e a candidatura de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta