O PPdeG modula o seu discurso e a folga xa non é "o máis machista", senon un "clamor"

"Leccións de feminismo non acepto de ninguén", di Tellado, que acusa ao BNG de querer apropiarse políticamente da mobilización de milleiros de mulleres de todos os partidos. En todo caso suliña que a sociedade cámbiase "desde as institucións".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2018 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, modulou o seu discurso sobre a folga deste 8 de marzo, tendo en conta que os populares recoñecen que a mobilización este xoves foi "un clamor". Así, preguntado varias veces por se mantén que facer o paro era "o máis machista que se pode facer", respondeu que este tipo de protesta pode ser "rechamante", pero defendeu que "a sociedade se transforma desde as institucións".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press

Tellado constatou este venres en varias ocasións que a folga "é un dereito fundamental", e que "por tanto aqueles que o desexen" poden optar por ela. Con todo, afirmou que cre "pouco" nelas e engadiu que lle gustaría que estivesen chamados "homes e mulleres", ao entender que "a batalla é de homes e mulleres contra machistas e actitudes machistas". "Non é unha guerra de mulleres contra homes", incidiu.

Xusto a finais de febreiro, cando aínda non se coñecía o alcance que ía ter a reivindicación social este día internacional da muller, Tellado afirmou que "a folga de mulleres é o máis machista que se pode facer".

En rolda de prensa, o secretario xeral do PPdeG recoñeceu que "non hai dúbida" de que as manifestacións deste 8M "foron un éxito". "Sempre dixemos que respectabamos o dereito á folga, pero que nós aproveitariamos para traballar pola igualdade real", argumentou sobre a postura do seu partido.

Neste sentido, opinou que "non é unha loita dun día", senón dos 365 e proclamou: "Hoxe tamén é 8 de marzo". "Desde o Goberno, desde as institucións, pódese seguir traballando", apostilou.

SINALA A PONTÓN

Ademais, criticou que "determinados partidos de esquerda" traten de "instrumentalizar" a mobilización para "desgastar" ao Executivo, e acusou directamente ao BNG e ao seu portavoz nacional Ana Pontón. "Busca unha lectura política que non é respectar aos manifestantes", censurou. Nesta liña, razoou que as protestas "non eran contra ninguén", polo que lamentou "se alguén quere sacar tallada", aludindo tamén á conta de Twitter do Bloque.

No que ao PP respecta, Tellado sentenciou que "non" se arrepinte "de traballar os 365 días" pola igualdade "real". Un labor que, segundo interpretou, "está a dar os seus froitos", o que exemplificou cunha fenda salarial "menor" en Galicia que en España e en España que en Europa. "Non podemos estar arrepentidos deste traballo", recalcou, aínda admitindo que "queda moito por facer".

Neste extremo, mencionou a lei de igualdade de 2004, aprobada co expresidente da Xunta Manuel Fraga e sobre a que Pontón, recriminou, "votou en contra". Tamén se referiu ao vixente plan de emprego feminino e ao de conciliación que prepara a actual Xunta --recoñecendo que hai que "seguir profundando" no campo da corresponsabilidade--, para concluír que non acepta "leccións de ningún tipo" sobre o seu "compromiso coa igualdade real". "Leccións de feminismo non acepto de ninguén", terminou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

2 Barbienchachiguayprogrelandia

Por certo, parabéns ao PP galego. Aínda que eu nunca vos votaría (e que conste que non me faltan ganas por facer rabear a algún ninista da rama esquerda) teño que recoñecer que sodes moi bos estrategas... A ver, é que tampouco o que tedes en fronte destaca pola súa estremada intelixencia. Promocionando o papel da Pontón cabreades aos mareantes e despois da murga que nos están a dar co femipopulismo ao mellor ata de rebote tedes máis votos... Cando un é listo cómpre recoñecelo. E a verdade é que vos debedes rir moito vendo o que hai enfronte. Con todo, tedes un problema: hai un verdadeiro fartazgo entre a xente cada vez máis precarizada... E o cabreo favorece ao populismo ninista (rama de centro dereita ou rama de centro esquerda). O cabreo fai que se vote o que sexa (mesmo persoas que nunca traballaron en nada alleo a un partido politico ou en nada) e con escasa capacidade de xestión.

1 Barbieenchachiguayprogrelandia

A ver, concretemos, porque eu vou facer a miña aportación (despois volverei a apacentar as miñas ovelliñas con Pablo, digo Pedro coma Heidi e xa non vos incordiareir máis (ben sei que por aquí disentir e pensar por unha mesma está moi mal visto): -Creación dunha Comisión Parlamentaria para estudar a fenda laboral e potenciación do papel da Inspección de Traballo. -Supervisión da inclusión verdadeira nas aulas de referencias a mulleres científicas, políticas, escritoras, etc.. Está no papel... Pero cómpre avaliala. -Creación dunha Comisión Estatal de Control da publicidade para evitar contidos machistas. -Creación de garderías, flexibilización de horarios para conciliar (non só no coidado dos pequerrechos senón tamén dos familiares enfermos e anciáns).