Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2018 | Actualizada ás 14:28
Cando aínda a ferida da deputada de Podemos, Paula Quinteiro está lonxe de fecharse, os inscritos deste partido poden abrir unha nova ferida --e esta máis fonda-- dentro das mareas municipalistas e, iso, a pesar de que Podemos, Esquerda Unida e parte de Anova votaron xuntos no acordo do Grupo Parlamentario de En Marea de pechar filas en torno a esta parlamentaria.
O 86% dos preto de 4.500 inscritos galegos de Podemos que votaron na consulta aberta por esta formación sobre o tipo de coalición para as municipais decantaronse maioritariamente por manter as siglas “PODEMOS” nas papeletas. Unha decisión que choca co manifestado xa por formacións como Anova, a propia EU e outras mareas municipalistas que buscan chegar a acordos sen imposición de siglas.
“Os inscritos avalaron de maneira rotunda a fórmula de coalición coa marca Podemos nas papeletas e o reslpado ás marcas consolidadas nos concellos do cambio”, sinalan desde esta formación. Exclúen desta decisión aos “concellos do cambio”, principalmente, Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña, onde gobernan Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica.
Nas principais cidades galegas o apoio moveuse ao redor da media galega; desde un 89% en Santiago ata un 80% en Ferrol, pasando por un 88% en Vigo, un 86% na Coruña, un 85% en Lugo e un 82% en Pontevedra.
De feito, os inscritos nesta formación tamén apoian que a súa marca vaia nas papeletas das eleccións europeas e autonómicas, alí onde se celebran –non é o caso de Galicia--. No conxunto do Estado o apoio foi do 90,70% . Esta tese foi a que defendeu o secretrio xeral de Podemos, pablo Iglesias, o pasado 10 de marzo ante o Consejo Ciudadano Estatal desta formación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.