Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2018 | Actualizada ás 20:00
Dirixentes de sindicatos de xustiza avisan á Xunta que, "aínda que dispare con todo", non aceptarán "chantaxes" nin someterán a votación dos traballadores do colectivo, a última proposta que deixou sobre a mesa. A proposta era unha suba de 135 euros ao mes para forenses, 133 para xestores, 108 para tramitadores e 105 para corpos de auxilio.
Varios representantes de sindicatos integrados no comité de folga, censuraron con dureza a instrución da Xunta dirixida á secretaria do Goberno do Tribunal Superior. Esa instrución será para "aclarar" os servizos mínimos, que interpretan como "unha coacción" e "un ataque á independencia xudicial".
"A patronal é a Xunta, non pode tratar de enzoufar aos letrados da Administración de xustiza", declarou un dos sindicalistas. O mesmo sindicalista lembrou que os servizos mínimos "fixounos a propia Xunta" e ironizou con que 50 días despois "se lembre de aclaralos".
Outro representante dos traballadores apuntou que dita instrución "non está formalmente publicada en ningún lado". Así o comité está a estudar que pasos dar, tendo en conta que "non se pode recorrer o que non existe".
Os distintos membros do comité tamén están moi molestos coa lectura que fai a Xunta de que "só tres de cada 10 traballadores" responderon o chamamento dos sindicatos de remitir escritos á Administración. Eses escritos manifestaban expresamente o seu rexeitamento á proposta que deixou o equipo negociador da Xunta sobre a mesa.
Deron o paso 846 funcionarios, o 30% dos 2.700 que conforman o colectivo. Para os sindicatos, son "moitísimos". De feito, consideran que a Xunta "presiona ao máximo" porque ve que, a pesar de que a folga avanza cara aos dous meses, "mantén un seguimento moi alto".
Un dos representantes sindicais foi claro e, despois de remarcar que "o 99,9 por cento" dos traballadores rexeitarían a actual proposta da Xunta, resumiu unha postura que comparten todos os sindicatos: non se someterá a votación "por moito que manipule" a Administración autonómica. "Non é digna, nin coherente, nin razoable, nin decente, nin negociada", sentenciou.
PARTICIPACIÓN
Cando se cumpren 50 xornadas de folga indefinida, os sindicatos manteñen que o seguimento segue sendo "alto", preto dun 80 por cento de media. Por cidades, calculan que este mércores foi do 82 por cento en Pontevedra; do 80 por cento en Santiago; do 83 por cento en Ourense; do 77 por cento en Ferrol; do 60 por cento na Coruña; e do 82 por cento en Lugo. En Vigo foi festivo local.
A Xunta rebaixa a participación ao 33,05 por cento. Segundo os seus cálculos, foron á folga 779 persoas. Por provincias, o seguimento da folga na Coruña foi do 33,72 por cento; en Lugo, do 26,67 por cento; en Ourense, do 31,38 por cento, e en Pontevedra, do 35,87 por cento. No cálculo considérase que 223 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares, ou días de libranza) e 775 participaron nos servizos mínimos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.