Webseries galegas, petiscos dixitais para abrir os ollos

O V Carballo Interplay abre as súas portas nesta primeira semana de abril. Cinco anos apostando polas webseries. E coma todo na rede, ao comezo este novo formato parecía unha maneira de perder o tempo, pero de súpeto as portas do mercado parecen estárense abrindo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/04/2018 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

É un día de sol en Carballork, a cidade máis grande dos Concellos Unidos de Galicia. O policía novato achégase ao reseso ou veterano detective de homicidios. A primeira misión no primeiro día para o novato, ir ao bar. Desde esa base resolveranse casos contra a organización  criminal que quere rebentar todas as verbenas do país. Xa temos unha webserie.

Galicia Crime / Interplay Galicia Crime / Interplay
Galicia Crime / Interplay Galicia Crime / Interplay

Unha idea, un equipo miúdo, un orzamento escaso ou nulo e un voluntarismo a proba de bomba. Así é como naceron e seguen nacendo a maioría destes petiscos audiovisuais. Produtos que nestes últimos anos abriron unha nova vía para persoas coa visión posta no posible futuro dentro do audiovisual galego, español e internacional, por que non? De feito as grandes plataformas dixitais do momento como Netflix, apostaron forte por ofrecer formatos para a rede baseándose na idea das webseries.

QUE É UNHA WEBSERIE?

A resposta para esta pregunta sempre comeza cun “esa é a grande pregunta”. Óscar Cruz, da produtora Porco Bravú xermolo da webserie “Peter Brandon” responde: “Calquera ficción por episodios editada para internet é unha webserie realmente”. Victor Grande, director de “Galicia Crime”, di que “podería ser a irmá das teleseries en canto orzamento sobre todo, pero non en creatividade”.  Víctor Grande non queda aí na súa definición porque para el tamén “son proxectos de xente entusiasta do audiovisual que quere buscar un espazo neste mundo”. Óscar Cruz remarca “a definición de webserie é moi libre e aí é onde está a súa esencia, que non son unha cousa tan encaixada como na TV”.

A directora Ángela Andrada coincide coa idea de que este formato non limita a imaxinación das autoras e autores. “A parte boa é que contas con máis liberdade para tratar certos temas no guión” e isto “a nivel público é moi agradecido pois hai temas que ao mellor nunha canle de TV hai que tratalos doutra maneira ou non se tratan directamente”. Nalgúns capítulos de series como a propia de Ángela Andrada, “Hai vida en Ban?”, o guión pode permitirse o luxo de incluir elementos actorais que non se estilan nas grandes series de TV. Ou a mesma de “Peter Brandon”, como por exemplo ter unha banda sonora con temas que serían excluídos dos programas musicais masivos.

Hai vida en Bran
Hai vida en Bran | Fonte: Interplay

É unha webserie o feito por youtubers ou nos novos formatos audiovisuais do xornalismo? Desde logo hai para pensar sobre este punto pero habería puntos por matizar. Os youtubers crean contidos exclusivos para a rede social, tal cal para o que foi concibida. As webseries aproveitarían o que é o feito de plataforma para emitir unha ficción. No caso de xornalismo multimedia, as webseries poderían servir para recreación de feitos, pero non serían o formato que buscan plataformas como Vice.

AS WEB SERIES GALEGAS

Nada máis se abriu a Internet ao consumo masivo, aí foi cando apareceron as primeiras webseries. Obviamente eran americanas. Pero non foi ata case vinte anos despois que este formato estalou na rede de redes para ofrecer unha alternativa primeiro para as persoas amadoras do audiovisual, e tamén para dar saída a ideas que posiblemente quedarían nun caixón para sempre ou por moito tempo.  Non obstante, desde hai cinco anos celébrase o Carballo Interplay, un festival cuxa finalidade é a mostra da creación en webseries. “Certamente en creación en Galicia está ben, porque festivais coma este non hai moitos en España e que un dos máis punteiros estea aquí é algo moi positivo” apunta Andrada.

Sonia Méndez, da dirección do Carballo Interplay, sinala logo de cinco edicións deste festival “Cremos que o ofertado polo festival crece cada ano máis, pois os contidos dixitais tamén o fan debido á natureza do terreo por onde nos movemos, o máis cambiante, interesante e estimulante de novas narrativas, novo xornalismo e novos formatos”. Este festival conta co respaldo do Concello de Carballo, apoio institucional que pode ser considerado como a mellor base para consolidar un certame coma este.  O que máis abunda en Galicia con respecto ás webseries “é o talento pero non hai unha plataforma que recolla toda esa creatividade” di Sonia Méndez. Porque a solución sería “emigrar” para alí onde podas explotar toda a túa creatividade.

COMO SE FAN? CARA ONDE VAN?

O investimento para estas producións é baixo ou moitas veces nulo. A maioría das persoas involucradas na creación destas pezas son xente vinculadas ao mundo audiovisual ou artístico. A idea é facer algo para sacar adiante a súa creatividade. E hoxe por hoxe, os adiantos tecnolóxicos fixeron grande parte do traballo. Un smartphone cunha certa calidade de gravación e que permita baixar unha aplicación para editar un vídeo, xa resolve a maior parte do traballo sen grandes investimentos.

Unha cousa semellante podería ocorrer cos actores e actrices. Hainos que sendo un grupo de amigos, deciden facer un traballo sen que polo medio haxa remuneración económica. Por outra parte, se se inviste diñeiro, normalmente pódense alugar cámaras e outras partes do equipo, pero é moi habitual que quen decida gravar unha webserie, dispoña xa de cámaras e programas de edición. E aquí  podemos dicir que existe un abano “de aplicacións e maneiras de traballar que hoxe están no máis alto e mañá xa están obsoletas” apunta Sonia Méndez.

O feito de non ter detrás unha grande produtora, unha plataforma audiovisual importante ou respaldo dalgunha entidade pública, elimina límites no momento de crear. Pero esa falta de apoio a grande escala, pode traducirse no que xa se dixo, emigrar cara onde se poda tirar rendemento da túa paixón pola imaxe. “Este ano teremos unha Zona Pro, onde creadores e creadoras poderán entrar en contacto mediante entrevistas persoais con representantes de plataformas como as de TVE, TVG, A3media, Mediapro, etc.” sinala a directora do Carballo Interplay. Quizais sexa así, a apertura de festivais e mostras a mellor maneira de ir achegando o formato ás grandes corporacións. Pero...non sería xa limitar o talento a un estrito réxime de produción?

De momento, como sinala Óscar Cruz “as produtoras non buscan algo moi específico, só contido para as súas plataformas en Internet”. Pero é posible que tratando directamente con produtoras, finalmente se poda descubrir cales serían os formatos desexados por cada unha das plataformas que están detrás das grandes cadeas de TV.

Sobre o perfil de persoa ou profesional que buscan as grandes produtoras para crear o seu segmento de webseries, prefiren xente que veña do mundo da Internet, que teña xa unha experiencia demostrable, mesmo profesionais do audiovisual reciclados agora en creadores web. Pero se hai algunha aposta fixa é polas persoas que triunfaron previamente na creación, as persoas precedidas da fama que lles outorgou a súa webserie.

PARA ACLARAR

Unha web serie é unha ficción dividida en capítulos seguindo un formato semellante ao das series de TV. Cada un dos capítulos pode ter unha duración de un minuto aos quince e todos eles serán exhibidos na Internet, ben aproveitando redes sociais e plataformas preexistentes ou creando a súa propia.

Non son necesarios grandes investimentos, moitas veces hai grandes doses de voluntarismo por parte do equipo de rodaxe. Mesmo actores e actrices profesionais que non cobran por experimentar nun novo formato. Os orzamentos baixos ou cero, permiten a produción pero o tempo investido é case o mesmo que para un traballo profesional. Doutra parte, polo de agora o mercado audiovisual aínda se está abrindo a este formato e un dos exemplos está na V Edición do Carballo Interplay, onde asistirán produtoras de peso no mercado nacional e estranxeiro. Chegará  a haber unha industria da webserie? Hai creadores e creadoras que non cren nesa posibilidade como tamén os hai que si. De momento as posibilidades están abertas.

No caso de Galicia, a creación e por tanto o talento que hai detrás está nun bo momento, quizais en paralelo con outros lugares. Pero o necesario sería o nacemento de plataformas propias que permitisen tanto a creación, como a produción e exportación de proxectos. E tal como está evolucionando o modelo de traballo é posible que se poda ver algo así en breve.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta