Temas: ABANCA MONTE

O programa 'Unha árbore nova' reforesta zonas afectadas por incendios forestais

A zona de reserva da biosfera de Miño e áreas queimadas en incendios nas Neves repoboáronse con carballos, castiñeiros, pereiras, maceiras e bidueiros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O programa 'Unha árbore nova', promovido por Abanca, chegou este sábado a Miño, A Coruña, e As Neves, Pontevedra. En ambos lugares decenas de voluntarios participaron na plantación de máis dun milleiro de exemplares autóctonos en zonas afectadas polos incendios e de reserva da biosfera. Nas actividades realizadas no mes de marzo en Coruxo, Vigo, A Mezquita, Ourense, Chandebrito, Nigrán, e Santiago, alcanzáronse xa os 4.175 exemplares plantados. A estes exemplares sumáronse preto de 400 árbores autóctonas en Miño e máis de 800 nas Neves na iniciativa deste sábado.

Plantación de árbores en Miño
Plantación de árbores en Miño | Fonte: Europa Press

Jorge Mahía, directro de Marketing e Banca Dixital de Abanca, declarou que "despois das desgrazas que sufrimos nalgunhas zonas de Galicia cos incendios, enfocamos a campaña de Nadal a que as árbores tiñan que estar onde tiñan que estar, no monte".

Para esta campaña creouse unha conta solidaria, pola que Abanca se comprometía a que por cada achega que realizaban clientes e non clientes, plantaríase unha árbore. A isto sumariase a plantación dun exemplar por cada empregado, alcanzando así a cifra prevista de 6.000 árbores. "A campaña resultou tremendamente exitosa e estamos a levar a cabo o que prometemos en Nadal, a mellor época para a plantación é a primavera aínda que haberá outro momento do ano no que fagamos máis plantacións", destacou Jorge Mahía.

Tatiana Suárez, directora de Responsabilidade Social Corporativa de Abanca, destacou que a iniciativa forma parte do "programa de voluntariado corporativo, en concreto, das accións ambientais para levar a cabo unha fase máis do programa de reforestación".

A plantación de Miño iniciouse ao redor das 10,00 horas nunha zona de reserva da biosfera e, de forma paralela, desenvolveuse nas Neves, estando previsto que o programa continúe cara a outubro ou novembro con novas plantacións.

ESPECIES AUTÓCTONAS

As tarefas contaron co asesoramento técnico dos integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, que determinaron as especies idóneas para cada terreo segundo as súas características e explicaron aos participantes o proceso para realizar unha plantación correcta das árbores. Segundo sinalou Laura Piñeiro, colaboradora de Hábitat, na actividade deste sábado en Miño realizouse a plantación de castiñeiros, carballos, maceiras, pereiras e bidueiros, e "dependendo de cada zona adecuáronse as especies máis propicias".

As actividades previstas por Abanca continuarán tamén coa celebración o 22 de abril do Día da Terra. Tatiana Suárez, avanzou que "aproveitando que é tamén a semana do voluntariado", as posibles árbores que non se puideron utilizar manteranse conservados e plantaranse nesa xornada, que se completará ademais cun "taller de biodiversidade e de fauna", co que se concluirán así as actividades programadas para esta temporada, pero que continuarán cara a outubro até alcanzar o obxectivo fixado das 6.000 árbores autóctonas plantadas.

Temas: ABANCA MONTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta