Un innovador sistema galego para cuantificar automaticamente as capturas de peixes nos pesqueiros

Desenvolvido polo Centro Tecnolóxico do Mar, o iObserver forma parte do proxecto europeo LIFE iSEAS.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/04/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) vén de presentar un sistema avanzado de identificación que cuantifica de forma automática o peixe capturado nos barcos pesqueiros. Este sistema avanzado de identificación, chamado iObserver, forma parte do proxecto europeo LIFE iSEAS para mellorar o control dos recursos pesqueiros e a toma de decisións respecto ás estratexias de pesca. 

Demostración do sistema iObserver, desenvolvido polo  Centro Tecnolóxico do Mar
Demostración do sistema iObserver, desenvolvido polo Centro Tecnolóxico do Mar | Fonte: CETMAR.

Instalada a bordo do buque e situada enriba da cinta de triado, esta innovadora tecnoloxía dispón dun software de recoñecemento baseado na cor, na textura e na forma de cada exemplar, que é identificado de forma automática en virtude deses parámetros e a través dunha pantalla sinxela e dunha interfaz amigable. O resultado é un arquivo de texto co nome, tamaño e peso de cada especie capturada, así como o grao de confianza do resultado obtido.

O iObserver foi testado en terra primeiro no Instituto Español de Oceanografía en Vigo e no Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, ambos socios do proxecto LIFE iSEAS. Tamén en dez campañas oceanográficas con máis de 270 días de mar e 778 pescas, que deron como resultado máis de 170.000 fotografías de diferentes especies. Actualmente, o sistema está sendo probado en barcos da Organización de Produtores de Pesca Fresca do porto e ría de Marín (OPROMAR), que faenan no caladoiro nacional e en augas de Portugal.

Ademais da cuantificación automática das capturas, o consorcio LIFE iSEAS persegue reducir ou evitar as capturas non desexadas e valorizar esa biomasa, así como avaliar o impacto socioeconómico e medioambiental da implantación da actual regulamentación europea sobre descartes.

Neste senso xa foi presentada no seu día a ferramenta RED-BOX para a obtención a bordo de datos espazo-temporais sobre descartes nas áreas pesqueiras de interese e o xeoportal de xestión de datos de descartes aloxado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Ademais no marco de LIFE iSEAS construíuse unha planta piloto para a xestión e valorización de descartes, instalada no Porto de Marín para o aproveitamento da biomasa antes descartada.

O obxectivo de todas estas innovadoras tecnoloxías é contribuír á optimización da actividade pesqueira e a unha mellor xestión dos descartes e recursos mariños, procurando así un modelo de sustentabilidade pesqueira.

Coordinado polo Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC de Vigo, no proxecto LIFE iSEAS participan, xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR) e Talleres Josmar SL.

O proxecto, que se prolongará ata o vindeiro mes de xuño, pretende demostrar que é factible un escenario sustentable nos caladoiros da UE, en termos de indicadores biolóxicos e socioeconómicos. Este fin será factible mellorando a posta en práctica dos coñecementos existentes e as solucións innovadoras para a redución e a xestión dos descartes pesqueiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta