Unha nova especie de bolboreta no Parque Nacional das Illas Atlánticas

A Sociedade Galega de Historia Natural aporta a primeira referenza sobre a presenza da Apatura ilia na illa de Cortegada, o que eleva a 50 o número de especies de bolboretas diúrnas censadas actualmente no Parque Nacional.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/04/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

Unha nova especie de bolboreta habita na illa de Cortegada: a Apatura ilia. Cando menos, até agora non se tiña noticia algunha da súa existencia nesta localización. Agora, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) dá conta da constatación da presenza, antes descoñecida, da Apatura ilia neste enclave do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Exemplar de bolboreta Apatura ilia identificado na illa de Cortegada
Exemplar de bolboreta Apatura ilia identificado na illa de Cortegada | Fonte: SGHN.

A presenza da Apatura ilia en Cortegada eleva a 50 o número de especies de bolboretas diúrnas censadas actualmente no Parque Nacional.

Dende hai dous anos, a Illa de Cortegada conta cunha sondaxe de seguimento de bolboretas dentro do programa BMS España. No transcurso do segundo percorrido da campaña 2017 rexistrouse a presenza de varios exemplares de Apatura ilia no acceso ó sendeiro principal da Illa de Cortegada, na pradeira que hai detrás das casetas de servizo do Parque Nacional, o 4 de xuño de 2017, explican os científicos da SGHN.

En concreto, foron observados catro exemplares distintos, non capturándose ningún deles, dos cales se puido identificar con claridade un macho. 

Deste xeito, e froito dunha revisión por parte dos científicos, cítase por primeira vez Apatura ilia no Parque das Illas Atlánticas parque, en concreto na Illa de Cortegada, incorporando esta especie ó catálogo de especies rexistradas no Parque Nacional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta