Temas: XUSTIZA FOLGA

Os funcionarios xa non confían na Xunta e piden ao ministro que medie no conflito da Xustiza galega

Membros do comité desprázanse a Madrid para denunciar a actitude "obstrutiva" da Xunta e reivindicar que as súas demandas son "xustas". A deputada Yolanda Díaz (En Marea) traslada a carta dos folguistas a Rafael Catalá. Os sindicatos acusan aos avogados de "continuas inxerencias" no seu dereito a folga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2018 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Membros do comité de folga dos funcionarios da Xustiza en Galicia desprazáronse este mércores ao Congreso dos Deputados, en Madrid, onde mantiveron encontros con membros de varios grupos políticos, e onde, a través da deputada de En Marea Yolanda Díaz, fixeron chegar ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, unha carta na que piden a súa "mediación".

Yolanda Díaz (En Marea) entrega a Catalá a carta dos funcionarios da Xustiza galega
Yolanda Díaz (En Marea) entrega a Catalá a carta dos funcionarios da Xustiza galega | Fonte: Europa Press

Os funcionarios galegos do sector xudicial, que levan máis de dous meses en paro indefinido —-65 xornadas—, explican que o comité, integrado por SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., pediu unha reunión urxente aos portavoces da Comisión de Xustiza co fin de "polos en antecedentes" da situación.

Na carta, os traballadores do sector xudicial piden "a equiparación no complemento autonómico transitorio" con respecto ao resto de compañeiros do Estado. "Somos funcionarios do ámbito estatal e, a día de hoxe, existen diferenzas significativas entre as distintas comunidades", esgrimen.

Como "dato relevante", destacan que os traballadores do seu colectivo en Euskadi cobran "500 euros máis ao mes" ca eles, dado que o seu CAT está "á cola". "É dicir, existen 12 comunidades con transferencias en materia de xustiza e Galicia é a que menos cobra", sentenciaron os representantes dos traballadores, antes de subliñar que tamén reclaman que se eliminen os descontos nas baixas por incapacidade temporal.

Tamén trasladan ao ministro as demandas do colectivo con respecto ás amortizacións e a petición de "creación de todas as prazas de reforzo" con máis de tres anos de antigüidade, "xa que, a día de hoxe, os xulgados e tribunais galegos contan cun cadro insuficiente".

Membros do comité de folga dos funcionarios da Xustiza galega, ante o Congreso dos Deputados en Madrid, acompañados pola parlamentaria galega de En Marea Yolanda Díaz e o portavoz de Xustiza de Unidos Podemos, Eduardo Santos.
Membros do comité de folga dos funcionarios da Xustiza galega, ante o Congreso dos Deputados en Madrid, acompañados pola parlamentaria galega de En Marea Yolanda Díaz e o portavoz de Xustiza de Unidos Podemos, Eduardo Santos.

"Reclamamos, ademais, o cobro do cento por cento das retribucións do posto de traballo cando se efectúa unha substitución nun corpo superior, cumprindo a máxima de igual traballo, igual salario e, en cumprimento da xurisprudencia respecto diso do Tribunal da Unión Europea", engade o escrito.

DEMANDAS "XUSTAS"

"Entendemos que as nosas demandas son xustas e non só van orientadas á defensa dos nosos lexítimos dereitos laborais, senón que teñen por obxecto, ademais, un mellor funcionamento dun servizo público fundamental como é a Administración de Xustiza", reivindica.

Finalmente, a carta que subscriben membros de todos os sindicatos integrados no comité de folga, conclúe que, debido ao bloqueo actual das negociacións pola actitude "obstructiva" da Xunta, é necesaria a "mediación" do ministro para proceder ao desbloqueo das mesmas e poder "chegar a un acordo".

Deste xeito, os funcionarios mostran que a súa confianza no Goberno galego para buscar unha saída ao conflito é xa nula e a súa petición de que intermedie o ministro Catalá cuestiona o papel do vicepresidente e titular de Xustiza en Galicia, Alfonso Rueda.

QUE "PRESCRIBAN OS CASOS DE CORRUPCIÓN"

A carta foi entregada ao ministro pola parlamentaria de En Marea Yolanda Díaz e o portavoz de Xustiza de Unidos Podemos, Eduardo Santos.

Acompañado polo líder de Podemos, Pablo Iglesias, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) explicou que acoden a Madrid a "denunciar a paralización" da Administración de Xustiza. O sindicalista vinculou, unha vez máis, a duración da folga con "unha loita interna" dentro do PPdeG á espera de que Alberto Núñez Feijóo abandone o liderado do partido para "suceder" a Mariano Rajoy.

"Hai 17.000 xuízos paralizados", sentenciou, antes de advertir que o "silencio" de Catalá faino "tan responsable" da situación como a Feijóo. "Queremos que tome cartas no asunto", advertiu, mentres que Pablo Iglesias advertiu de que esta situación evidencia que os populares "non respectan aos traballadores públicos".

Valeiras suxeriu que ao PP pode interesarlle que siga a folga para que "prescriban os seus casos de corrupción", unha idea na que tamén incidiu o dirixente de Podemos, quen considera "indignante" que os traballadores en Galicia "cobren menos" que noutras autonomías. "Esperemos que a situación se resolva pronto e se atendan as demandas dos traballadores", aseverou.

Os traballadores da Xustiza tamén se reuniron con responsables do PSOE e de Ciudadanos, así como dirixentes doutros partidos na Comisión de Xustiza.

ADVERTENCIA AOS AVOGADOS

Por outro lado, e ante as que consideran "continuas inxerencias" no seu dereito a folga por parte do Consello da Avogacía e de Colexios de Avogados como o de Ourense, o comité lembra aos avogados "certos aspectos xurídicos que deberían ser por eles coñecidos". Entre estes, destacan que "o dereito a folga tal e como recolle a xurisprudencia constitucional é un dereito de titularidade individual pero de exercicio colectivo, o que vén a significar que a decisión de facer ou non folga corresponde estritamente ao traballador individual".

Tamén subliñan que "o preaviso de folga (de carácter colectivo) realizarase no caso dos servizos públicos con 10 días de antelación" e que "é o traballador quen, libremente, cada día decide se realizar folga ou non, o que pode ocasionar que un mesmo traballador un día realice folga e outro día non".

Por isto, consideran que "a pretensión tanto do Consello da Avogacía como do Colexio de Avogados de Ourense, é ilegal", xa que "a presión para conseguir un preaviso individual de folga —que é o que pretenden— está prohibida, e, no caso de ser requirida pola empresa, constituiría a vulneración dun dereito fundamental".

Ademais, defenden que "resulta imposible coñecer os xuízos que se suspenderán con antelación, sen vulnerar o dereito á folga".

Respecto aos servizos mínimos, aseguran que "están a ser escrupulosamente respectados" e recordan que están regulados na Orde do 5 de febreiro de 2018 e que foron impostos pola Xunta, a cal "se negou a negocialos coas organizacións sindicais", polo que manteñen que "calquera responsabilidade derivada da falta de inclusión dun acto ou procedemento como servizo mínimo corresponde unicamente á Xunta de Galicia".

"Por todo o exposto, e pola falta de responsabilidade, competencia e interese do responsable da Consellería de Xustiza , o señor Alfonso Rueda, na solución do conflito, debería ser cesado de maneira fulminante", conclúen.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Con outras verbas. a Xunta non nos quere dar os cartos que pedimos, a ver se así cola.. A noticia da a impresión que a Xunta é una " terceira parte" obstructiva, non a parte que paga aos funcionarios.

2 Eirado

Catalá non pinta nada. E Rajoy tampouco. O que manda é o Rei. Demostrouse con Catalunya

1 Neutra

Cuidado.la foto de los que fueron a Madrid con Pablo Iglesias. ¿Resusolvera podemos el conflicto? Somos funcionarios.problema laboral. Con la Xunta. Que Podemos y EN Marea serán opciones en una votación al Congreso....o lo que sea. Pero ahora NON...ahora O a una o cada cual a lo suyo.