Temas: OURENSE TEATRO

Leo Bassi, Yllana, Dado, Cándido Pazó e Quico Cadaval na MITEU

Máis de 30 compañías amateur e profesionais de 7 países diferentes e 3 continentes participarán na Mostra de Teatro Universitario de Ourense.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 20/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

E chegou de novo a MITEU. A Mostra Internacional de Teatro de Ourense, na súa xa 23ª edición. Durante 17 días, pasarán pola “bela Auria” máis de 30 compañías de teatro e danza de 7 países diferentes e tres continentes: 2 de Europa (Italia e Portugal, con 3 espectáculos de Covilhã, Porto e Coímbra), 2 de América (Perú e Canadá) e outras dúas de África (Marrocos e Guinea Ecuatorial), ademais de grupos de Euskadi, Cataluña, Andalucía, Madrid, Navarra, Castela e León e por suposto Galicia, a máis representada, con 13 espectáculos.

Quico Cadaval, contacontos e director teatral
Quico Cadaval, contacontos e director teatral

Teatro universitario entre o vangardista e o clásico, sempre anovador, e profesional de gran nivel, con actores e dramaturgos recoñecidos de aquí e de fóra como Leo Bassi, Yllana, Dado, Quico Cadaval ou Cándido Pazó. Todo a prezos populares, entre os 3 euros para o amateur e 5, 6 e 10 para o profesional. E todo coma sempre para animar ao público galego a gozar das artes escénicas e non ter excusa para encher espazos tan emblemáticos como o Teatro Principal ou o Auditorio Municipal de Ourense. Coma sempre, a MITEU é multidisciplinar e intercalará a danza, o circo, o teatro de rúa e a música, ademais de cursos e faladoiros para contextualizar as obras e poner en contacto aos autores e actores e o público.

Esta edición está especialmente dedicada á liberdade de expresión. Dende a súa benvida no programa, Fernando Dacosta, director do certame, di: “Escribo sen pedir permiso. Porque entendo que vivimos nun país e nunha sociedade onde, entre todas e todos, decidimos que iso é posible”. E mencionando as recentes denuncias, xuízos e condenas a cantantes, escritores, políticos, cidadáns anónimos e ONGs,  repasa os últimos ataques á liberdade de expresión e ás persoas que salvan vidas. 

FALADOIROS, CURSOS, MEMORIA HISTÓRICA, ESCRAVITUDE...

Os faladoiros ao final das obras permitirannos entrar en contacto con outras realidades doutras partes do mundo. Javier Valencia, da Asociación Cultural Anaqueronte (venres 20), peruano, que imparte ademais un curso; o ETM de Tánger (martes 24) e os guineanos Ña Djingö, que en “Ngoan Ntangan. Dos mundos que se tocan” (venres 27), contará a través do baile tradicional Fang a vida de Marcelo Ndong, alias Manoliño Nguema, o pai do teatro moderno de Guinea Ecuatorial, que se formou en La Ciudad de los Muchachos de Bemposta. 

Público na 22ª edición da Miteu de Ourense
Público na 22ª edición da Miteu de Ourense | Fonte: Jorge de la Calle

Outra das obras con coloquio posterior será a da compañía vasca “La Red Teatro”, que levarán á escea “El oxímoron de la abuela” (sábado 21),  unha homenaxe aos derrotados da Guerra Civil. A guerra española, vista dende a óptica galega, tamén constitúe a ambientación de “Os inocentes”, de Quico Cadaval e Producións Teatrais Excéntricas (xoves 12), que abre a MITEU cun dos seus monólogos caústicos e emotivos. “Teatro Art’Imagem” de Porto representará “Um punhado de terra” (domingo 22), a historia dun home negro traído de África para Portugal como escravo. Linguaxe poética e imaxes poderosas para chamar a atención sobre un dos máis graves problemas da humanidade, a escravitude, que a pesar de que se abolise legalmente e nos pareza cousa doutros tempos, segue afectando a máis de 40 millóns de persoas. 

Leo Bassi, o cómico e bufón italiano, co seu estilo satírico, provocador e transgresor, fará unha homenaxe á estirpe de artistas de circo á que pertence en “O último bufón” (mércores 18), tirando os seus dardos afiados contra os banqueros, multinacionais, políticos corruptos; en definitiva, os poderosos, coa arma máis eficaz e á vez a máis noble: o humor. Non será o único clown, pois o  canadiano Dado (Daniel Warr) representará “Waiting for Dado” (xoves 26), e Yllana (venres 27), o mítico trío madrileño, levará ás táboas da MITEU o seu último espectáculo, “666”, sobre o “lado máis sinistro do ser humano”, onde a súa comicidade visual máis hilarante xúntanse con elevadas doses de “humor negro, absurdo e mordaz”,  onde “non haberá salvación ningunha”.

TEATRO GALEGO, IBÉRICO E PORTUGUÉS

Despois de abrir Quico Cadaval, outros dez espectáculos de compañías galegas, entre teatro universitario e profesional, trazarán un retrato do estado actual do teatro galego. Contraproducións, con “O tolleito de Inishmann” (mércores 18), e Palimoco Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña, con “Medea, salvaxe?” (mércores 25) , “unha ollada diferente e actual” sobre o mito grego, completarán a tanda profesional galaica, á que sumar as catro compañías de teatro universitario de Ourense, Maricastaña, Cordelia, Geppetto e Rosaura,; as de Lugo, Santiago e Vigo;  ademais das Aulas de Danza de toda Galicia. 

En canto ao teatro da Península Ibérica, ademais de País Vasco, Cataluña estará representada por Compañía Manolo Alcántara (luns 23); Andalucía por La Líquida, de Málaga  (luns 23), e a Aula de Teatro de la Universidad de Huelva (sábado 14); Castela e León pola Aula da Universidade de Burgos e “Teatro El Mayal-Ule”, de León, levaranos con “Aquí en la Tierra” (domingo 22)”.  Navarra estará presente tamén co  xa familiar na MITEU Grupo de Teatro de la UPNA de Pamplona, que levará “Superhéroes de barrio” (martes 17). 

Finalmente, Portugal terá ata tres espectáculos distintos. Aos xa habituais Teatr’Ubi e Asta Teatro de Covilhã, coa dirección de Rui Pires, que levarán o seu teatro físico e do corpo poético e musical, con “A-norma-is” (luns 16), se suman o CITAC de Coímbra, na mesma liña, con “Os Sapatos” (venres 13), e os xa mencionados Teatro Art’Imagen de Porto, que completan a representación lusa, con especiais elos sentimentais coa MITEU.

PREMIO TAREIXA CAMPO

A organización outorgará o seu premio honorífico a Tareixa Campo, “pioneira do teatro en Lugo”, nun acto de clausura que contará ademais coa actuación de Daniel Minimalia. O guitarrista e compositor ourensán, referente musical do país e alén das nosas fronteiras, estivo nominado ao Grammy Latino e foi galardoado nos premios Hollywood Music Award. A continuación, Maricastaña porá o peche a case tres semanas de teatro, con “As ondas das pedras no río” (sábado 28), adaptación de “O deus das pequenas cousas”,  da india Arundhati Roy, a cargo de Fernando Dacosta. Unha vez máis, a MITEU reivindícase como un dos poucos espazos de liberdade que nos quedan: o da arte.  

Leo Bassi exercendo de Papa nun dos seus espectáculos
Leo Bassi exercendo de Papa nun dos seus espectáculos
Temas: OURENSE TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jorge M. de la Calle

Toda a información sobre datas, horas e contidos en www.miteu.es