Temas: MONDOñEDO

Mondoñedo, epicentro poético

O encontro poético “Mondoñedo é poesía”, que mañá chega á súa quinta edición, presenta como novidades a participación dun poeta de fóra de Galicia, o berciano, Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema dende a cidade galesa de Bangor.

Por X.M. Fernández | Mondoñedo | 30/04/2018 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A Asociación As San Lucas e o Colectivo Mondoñedo É convocan un ano máis aos amantes da poesía nas súas diferentes manifestacións posibles: poesía dita, recitada, cantada, musicada e incluso visual.

Cartel Mondoñedo é poesía 2018. Obra de Xosé Vizoso
Cartel Mondoñedo é poesía 2018. Obra de Xosé Vizoso

Mondoñedo é poesía é unha actividade autónoma pero integrada no programa das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran dende o ano 1.541 na cidade mindoniense caracterizada polo seu potencial creativo e intelectual. Ademais dos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, este ano haberá unha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e a edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

Como novidades máis salientables desta edición están a participación por primeira vez dun poeta de fóra de Galicia, o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema con conexión en vivo dende a cidade galesa de Bangor a cargo de Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).

O cartel oficial deste ano é obra do artista Xosé Vizoso, que conta co mérito de ser Fillo Predilecto de Mondoñedo.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Recital de rúa

Recital poético onde a estatua de Cunqueiro. Foto: Biblio Merlín
Recital poético onde a estatua de Cunqueiro. Foto: Biblio Merlín

17:00h.-Praza do Seminario

Homenaxe á Escola Poética do Seminario

Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.

Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.

17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)

Recitan: Moncho BouzasJaime Fernández, e Iria RivasCarmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.

18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)

Recitan: Mª Belén SenínIris CarroX. Ramón Sánchez VarelaCarme Cociña e Javier F. Rouco.

Recital Auditorio Pascual Veiga

Dende as 18.30 h. no Auditorio Pascual Veiga escoitaranse os versos de Juan Carlos MestreChus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga NovoAntón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estéve. A música correrá a cargo de Rebeca Maseda e Miguel Lustres e a presentación virá da man de Marina Oral Villapol_MOV

Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.

Actividades complementarias

Tendal de poesía: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]

Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.

Edición libro conmemorativo: Mondoñedo é poesía 2014-2018

Edita: Asociación As San Lucas

Patrocina: Deputación de Lugo

Esta escolma reúne en 200 páxinas as biografías e poemas dos 91 poetas e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións. A ilustración de portada é de Xosé Vizoso, contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e X. Vizoso. 

A poesía das pequenas cousas      

Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos.

Temas: MONDOñEDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta