A Xunta e as grandes conserveiras contra o mexillón galego

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia presenta unha querela criminal contra Conservera de Rianxo, S.L. por vender mexillón chileno coma se fora galego. Ata 30 conserveiras máis poderían estar implicadas.

Por Galicia Confidencial | | 01/03/2011 | Actualizada ás 22:28

Comparte esta noticia

Se abres unha lata de mexillón e ves que son máis finos e máis brancos do normal, é probable que non sexa mexillón galego, senón chileno. Non pasaría nada, sempre e cando nesa lata non poña que o produto é galego. Pero, nos últimos anos, esa práctica está sendo moi común entres algunhas conserveiras galegas que  están vendendo o molusco galego coma se fora chileno.

E os mexilloeiros, fartos de que nin a Xunta nin a Asociación de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) fagan nada, decidiron pasar a acción. Este martes anunciaron a presentación dunha querela criminal contra Conservera de Rianxo, S.L., antes Conservas Cortizo, por vender mexillón chileno coma se fora galego.

Esta denuncia basease nunha análise realizada a 34 latas desta conserveira polo laboratorio  do Departamento de I+D+i do Consello Regulador e corroborado polo Grupo de Investigación Xenomar da Área de Xenética do Departamento de bioloxía Celular e Molecular da Universidade da Coruña. En 27 desas 34 latas detectouse que a especie era foránea.

Ata 30 marcas

Pero esta práctica parece que é masiva entre algunhas conserveiras galegas. "Hai máis que están a cometer prácticas fraudulentas e vendendo mexillón chileno coma galego", subliñou o presidente da Consello Regulador, Francisco Alcaide. En total poderían ser ata 30 as marcas galegas que coten fraude, segundo puido saber Galicia Confidencial, algunhas delas, grandes empresas do mercado español.

"Hai unhas poucas empresas, que moven moito volume, que nos 90 emprenderon unha gran expansión con axudas da Xunta e se instalaron en Chile. Supoño que terán os seus intereses, pero o noso é defender o mexillón galego. Actualmente, Pescanova e Jealsa-Rianxeira teñen plantas neste país e outras conserveiras como Frinsa tamén realizaron negocios alí.

E estas empresas son as que teñen o poder en Anfaco, cuxo presidente, Juan M.Vieites, recoñeceu o pasado agosto, nun acto de promoción das conservas galegas en Madrid, que a industria conserveira galega envasa actualmente ata un 60% de mexillón foráneo. Curiosamente, nese acto estaba a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Xunta e Anfaco, da man


Precisamente, Anfaco e a propia Xunta fan oídos xordos ás denuncias do Consello Regulador, a pesar dos numerosos avisos. "A Xunta tampouco fai nada. Non ten feito nada para loitar contra os fraudes a pesar de saber deles", denunciou Alcaide. "A Xunta é a que ten a tutela desta DOP e ten que mirar por esta tutela", apuntou Xoán Pérez Lema, asesor xurídico do Consello Regulador.

E é que, por lei, a Xunta ten a obriga de velar polo cumprimento da legalidade e promover as inspeccións para evitar os fraudes. "Obviamente a Xunta tamén ten parte de responsabilidade en todo isto. Podía coñecer esta conduta pero quen exerceu a acción penal foi o Consello Regulador", insiste Pérez Lema.

Unha loita que ven de lonxe

A loita ven de lonxe xa que o sector acusa á propia Xunta de impulsar a chegada do mexillón foráneo. En 2003, o entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, encabezou unha delegación comercial a Chile, co obxectivo de atopar novos proveedores de mexillón, co argumento de que a produción galega non era capaz de satisfacer a demanda, tal e como se recolle nesta entrevista. O conselleiro incluso lles recomendou aos produtores chilenos que cambiasen o nome de “chorito” polo de "mexillón” para ter éxito no mercado.

Formaban parte daquela delegación, entre outros, o actual director xeral de Competitividade e Innovación da Consellería do Mar, Xoán Maneiro, entón director do Centro de Control do Medio Mariño, e Anfaco, a asociación de conserveiras liderada por Juan Vieites. Esta política foi freada coa chegada do bipartito, pero retomada coa actual Xunta.

E a resposta do actual Goberno galego ás inquedanzas dos mexilloeiros foi someter ao Consello Regulador a unha auditoría sobre a xestión do ex presidente do ente reitor, Ramón Dios, entre 2005 e 2009, curiosamente, case toda a etapa do bipartito. Segundo os resultados destes informes, encargados por Xoán Maneiro, esta entidade podería ter cometido presuntas irregularidades legais e económico-financeiras.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 ChoritoSan

Ou sexa que en Chile chamanse "choritos". Eiquí aos conserveiros, distribuidores e conselleiros do mar deberían chamarlles "chourizos"

3 Xurista

O que non conta Perez Lema é que segundo a normativa comunitaria, unha conserva que teña a maior parte do valor que a compón galega é legal etiquetala como tal. Legalmente non se considerará estafa. Alguén pensa que o q mais custa dunha lata son os mexilóns? A abogacía-espectáculo é aquela que se prodiga mais en presentar as querelas en roldas de prensa que en obter sentencias condenatorias. A Cortizo seguramente non o condeen por esa querela, pero a condena de titular xornalistico xa a ten.

1 ferrolterra

Claro, o que o consumidor merca non son mexillóns, o que come é a lata, o cartón do envoltorio, e molla o pan no escabeche. A min o señor Perez Lema, un mantido ao servizo do BNG que fai o traballo en castelán, non me convence. Pero o teu argumento é de abogado das silveiras.

2 Xurista

Antes de insultar consulta a lexislación comunitaria europea ao respecto. Eu non creo que esa empresa obre ben, para min é un fraude ao consumidor, pero a expresión "producto gallego" non infrinxe ningunha normativa, e senon tempo ao tempo. En canto aos mexilloeiros, teñen o que sementaron durante anos. A soberbia é mala conselleira, vivín no pais de centroeuropa que mais mexilóns consume, participei en encontros para vender alá o noso producto, e poucas veces pasei tanta vergoña (se o queren sen barbas que o limpen eles), agora quen lle dera poder limparllos, pero xa o mercan en China. E non son avogado, ainda que traballe con Leis.

3 Porco Jones

Ferrolterra, lei e xustiza son cousas moi diferentes. Legal pode que sexa, pero concordo que de xusto non ten nada.

2 Porco Jones

Esta visto que en Galicia temos o hábito de matar as galinhas que dan os ovos de ouro....Ata que rematemos con todo non hemos parar....Mágoa de país...

1 Xanciño

Pero quen tiña dúbida? Os mexilloeiros e conserveiras están encantados coas políticas do PP? Subvención para barcos e coches (rancheritas) por un tubo (só hai que ir á Illa ou Cabo Cruz a velos), mexilón máis barato foráneo e Jesús Alonso (dono de Rianxeira e ex-alcalde do PP) ameazando con que se vai ir de Boiro se non gaña o PP. Vaiase vostede e toda a súa camarilla de esquilmadores PPeiros