O mundo da cultura, en contra do peche do Diario Cultural da RG: "Pecha todo un referente"

Suso de Toro, Diego Ameixeiras, Marica Campo, Samuel Solleiro, Paco Sarria ou Lara Rozados falan deste peche. O formato que funcionou durante case tres décadas desaparecerá a partir de setembro. A CRTVG transformarao un programa “máis transversal” con espazos semanais máis reducidos. Pero isto apunta a unha cuestión máis fonda segundo voces de traballadores e traballadoras.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/05/2018 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

As redes sociais botaban fume o día 8 de maio pola noite. A CRTVG anunciara ao Comité Intercentros, o comité de traballadores e traballadoras que representan as diferentes empresas que compoñen a compañía, que para despois do verán “Diario Cultural” desaparecería como programa independente e pasaría ser un espazo “diluido” dentro doutros programas.

Ana Romaní
Ana Romaní

Non só Diario Cultural sofre as veleidades dos cambios programáticos na Radio Galega. Os informativos locais deixarán de producirse desde as delegacións de Coruña, Vigo, Ourense e Lugo, tamén plataformas para contidos culturais. Estes espazos serán igualmente "seleccionados” para seren seleccionadas as súas informacións desde a sede central de Santiago de Compostela.

VOCES DISCORDANTES

Desaparece o escaparate que tiña a literatura galega, o único espazo de promoción para a creación literaria neste país. Pero ademais, ese traballo de promoción está fixado nos estatutos da CRTVG, e por tanto, esta acción vai en contra dos propios estatutos da compañía ”declara o escritor Suso de Toro, autor de “Fóra de si”.  A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELGA) emitía un comunicado chamando á dirección da Radio Galega para manter na grella da súa programación Diario Cultural. “Sen plataformas culturais públicas como o Diario Cultural, as escritoras e escritores galegos perderíamos a xa minguada visibilidade social que temos nos medios de titularidade pública. Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura” di no seu comunicado AELGA.

Diego Ameixeiras ve  “un paso cara atrás porque vai desaparecer o grande referente cultural na radio deste país, ademais de ser o espello onde se podían reflectir as persoas que estaban envolvidas na cultura en Galicia, véxoo como un luxo o feito de prescindir deste programa dentro da grella da Radio Galega”. Xavier Alcalá, autor entre outros de “A nosa cinza” ou “Fábula” ve tamén como “un referente cultural en Galicia que tiña calidade e acerto no tratamento dos temas que abordaba, tampouco o tiña doado no horario actual, pero aínda así estivo aí todos estes anos” e Alcalá apunta máis “é un erro da Radio Galega que o quiten da grellas, porque ademais era o programa onde mellor se falaba galego na radio autonómica”.

Samuel Solleiro, autor e músico ademais de tradutor e unha das novas voces da creación cultural en Galicia considera que “se está vendo un desmantelamento de programación  que trataba temas, como a cultura, desde un punto de vista horizontal, abranguendo desde a literatura, o cinema e iniciativas que tamén eran do eido máis local” e que o programa conducido por Ana Romaní e Xiana Arias “era como unha illa de resistencia dentro do actual panorama cultural dentro dos medios e que agora un medio público como a Radio Galega tome esta decisión é un acontecemento triste”.

A protagonista do Día das Galegas nas Letras, Marica Campo, denuncia que “isto é un auténtico disparate, porque o que fan é ocultar aínda máis o que existe, porque a cultura galega xa está dabondo oculta para que encima fagan o que fan con Diario Cultural” e aínda sinala que é como se se buscara “facer desaparecer todo canto somos, cun firme propósito de acabar cos poucos lugares onde dar a coñecer a creación na nosa cultura”.

Lara Rozados, autora, escritora, investigadora da USC e activista polos dereitos das mulleres sente como “non só a cultura en xeral senón movementos feministas perden un espazo referencial onde tiñan un altofalante para expresarse” pois Diario Cultural supuña “un espazo libre e feminis dirixido, producido e conducido por mulleres”. Finalmente, Lara Rozados, o mesmo que a maioría de quen deu a súa opinión, “isto responde a un control por parte duns intereses políticos que todos coñecemos, queren controlar todo o diferente ou cortalo”. Pero tamén sinala que “isto afectará tamén á calidade das tarefas que fagan as traballadoras, pois se queren divir o programa en pequenos espazos non haberá unha continuidade no traballo que realicen”.

MOTIVACIÓNS E REACCIÓNS

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Paco Sarria, ademais de “Diario Cultural”, mostra a súa preocupación ante a “posibilidade de reducir os tempos para emisións locais desde un medio público como é a Radio Galega, porque daban voz a acontecementos que doutra maneira non se poderían coñecer no resto de Galicia”. No tocante ao programa cultural, Sarria di que “compete á dirección da RG saber se é ou non acertado o que fan, pero debemos ter en conta que os programas nacen, duran e desaparecen, o mesmo que as direccións dos medios e programas cambian”. Non obstante, Paco Sarria aprecia unha contradicción entre querer manter unha programación cultural e o feito de retirar un programa deste xénero.

Postos en contacto con persoas dentro do ámbito sindical, Raquel Lema da CUT, declarou para Galicia Confidencial “que imos manter unha xuntanza o comité intercentros sobre isto, pero tamén sobre a desaparición de emisións locais desde Vigo, Coruña, Lugo e Ourense” porque “a perda destas desconexións supón a falta de información para o público oínte”. Lema estima que “isto é darlle outra volta á manipulación informativa” e ve como dentro da radio, os responsables de áreas como programas e informativos se axustan ao que digan desde a dirección do medio. Cando se lle preguntou polas motivacións de todos estes cambios dentro da Radio Galega, Raquel Lema apunta á posibilidade de “medo diante das citas electorais de 2019 e a ansia por controlar a información local”. Lembrar que en 2019 celebraranse eleccións locais e autonómicas.

Santiago Alvite, da CIG, considera que “isto é un atentado ao público, non só polo Diario Cultural de 50 min, que cada vez ía minguando máis en medios” senón que “a desaparición das desconexións locais é contestada desde a CRTVG cunha excusa falaz e enganosa como é a adaptación á dixitalización do medio”. Esa dixitalización parecía non comprender algúns programas e por iso “eliminaron un no que non tiñan interese”. Sumando todo isto, desde a CIG consideran que o acontecido responde a unha manobra para silenciar voces que non son do PP. Tamén anuncian desde o sindicato que o luns catorce haberá unha asemblea ás 14:30 para programar as mobilizacións que sexan necesarias.

"CAMBIO DE FORMATO"

Pola súa banda, a Radio Galega anunciou que do que se trata é "dunc ambio de formato" dos programas culturais da emisora e que, a partir do mes de setembro, ampliará a duración dos seus informativos e "duplicará" o tempo dedicado á información cultural, de forma que o espazo 'Diario Cultural' cambiará de formato e realizaranse catro edicións diarias.

Nun comunicado, a Radio Galega anuncia para a próxima temporada 2018-2019 unha renovación na súa grella que supón que os informativos e principais programas incrementarán a súa duración "para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e dos contidos especializados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 Hemérito

Hai un tempo chegoume un video ao móbil dunha muller maior rifando cun veciño por mor dunhas lindes. Non tiña ningunha graza o vídeo. Era unha discusión. Pero a graza non estaba na rifa. A graza estaba en que eran "galegos e actuaban como tales". Enviaronmo xente anti-racista de esquerdas. Sei que sodes xente intelixente. Entendédesme perfectamente. Unha aperta.

5 galegoexiliado

So se trata "dun cambio de formato, e a partires de Setembro duplicará o tempo adicado á cultura" Deste xeito aumentarán as aparicions dos Tonechos, Pucha e Mucha, os Ardebullos, o Lanrover, o Bodegas, o Robertovilar e todolos Xandasbolas que a diario aparecen na telegaita e nos pregons de festas ppoppulares. E como dí o Menistro Montoro, a quén non lle guste pode cambiar de cadena pois este é un país libre, e ademais eso é o que os seus botontos demandan. Xa o dixo aquel gran filósofo popular en Salamanca: "Muera la cultura". Dalles duro Alberto, voltarán a darche maioría. ANA SE FUERTE.

4 IPG

Un programa excelente. Novas, crítica, reseñas, entrevistas, reportaxe... e todo cunha calidade excelente. Agora pretenden facer a parta e repartir os anacos ao longo do día. Nunca máis se volverá falar tan de vagariño da danza contemporánea de aquí, do feminismo, da poesía de antes de de hoxe, do cine EN galego, fotografía, etc. Noraboa a todo o persoal que ten pasado por el ou colaborado: Anxo, Camilo, Mónica... fixéstesnos entender que unha cultura pequena pode ser ben grande.

3 Morgana no Hades

Vaia por diante o meu pesar. So escoitar a voz de Ana Romani facia o dia mellor. Agora ben cantos dos que estan a criticar ou a remeter tuis cunha mensaxe de apoio sintonizaban o programa? Deixemos de ser hipocritas. A RTVG dalle aos seus ointes e televidentes o que queren oir. Moitos de vos contribuides non so non escoitando ou vendoa senon mirando cun certo desden. Pois ben, que saibades que a que moitos chamades telegaita deu a coñecer a Mercedes Peon nun programa que muchos de los cultos mirades por riba do ombreiro. O mais ironico e que ese mesmo desden cara as cantigas populares que a Peon recuperaba sentiano hai douscentos e trescentos anos los cultos de la epoca porque nin sequera as consideraban cultura. Pois ben segue a haber unha cultura popular viva e en galego coma nas versions de temas musicais famosos... E desafortunadamente moitos dos que vos laiades non o vedes.

2 RLF

Era o único programa RG que eu sintonizaba con cerca frecuencia. Un excelente programa, moito mellor que os que coñezo de emisoras privadas ou de RNE. A miña solidariedade e recoñecemento para tan excelentes profesionais que me mantiveron ben informado sobre a cultura do meu país nestes anos. Teréi que buscar ahgira na rede o que a emisora pública que pago cos meus impostos, non me dará.