"Nós non imos quedar caladas" diante dos cambios na Radio Galega

Xurxo Souto, o polifacético artista de Montealto, subiu á rede un manifesto en defensa de Diario Cultural e ao que convida a asinar. Souto, xunto con outros persoeiros, lembra á direción da Radio Galega o seu carácter público ademais de ter que ser garante para a difusión da lingua e cultura galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/05/2018 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O manifesto “Nós non imos quedar caladas” é un chamamento á defensa do programa Diario Cultural e dos medios públicos en galego. Isto despois de que a CRTVG anunciara o 8 de maio, Diario Cultural deixará de existir no seu formato actual para ser un espazo dividido e integrado noutros programas. Así, Souto comeza o seu manifesto de maneira contundente: “Os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!”.

Xurxo Souto nun acto con xente nova.
Xurxo Souto nun acto con xente nova.

Para Souto, o programa que dirixe e presenta Ana Romaní con Xiana Arias e producido por Concha de la Fuente non ten dono ou propietario. “Ningunha dirección é propietaria do Diario Cultural. Despois de 28 anos de traxectoria, este espazo é un referente, patrimonio de todas, de todos os galegos”. Xurxo Souto salienta tamén o carácter público e divulgador da Radio Galega e da Televisión de Galicia sinalando que “A existencia de medios de comunicación públicos é un gran triunfo colectivo desta sociedade, un instrumento definitivo para o futuro da propia lingua”.

O antigo líder dos Diplomáticos de Montealto considera que a aparición dos medios públicos en galego foi todo un triunfo, porque permitiu desenvolver en galego a carreira de moitos e moitas artistas, “ un modelo propio, que nos permite recoñecérmonos e dialogar, en pé de igualdade, con todas as culturas do mundo”.

No manifesto tamén se lembra a desaparición doutros programas de tipo cultural que como Onda Vital, Libro Aberto, Planeta Furancho, Alalá ou Eirado. Encadeando con isto, o manifesto creado por Souto sinala que “ a Radio Galega non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais. A Radio Galega naceu para ser o referente primeiro de todas as formas de cultura que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural”.

E se aínda non quedaba claro o exposto por Souto, no seu manifesto reproduce o punto número un da lei de creación da Compañía de Radiotelevisión de Galicia. Non obstante, no manifesto ponse sobre a mesa que os medios públicos galegos, a Radio Galega neste caso: “A pesar deste mandato, a Radio Galega é cada vez menos galega, tamén en materia xeográfica” referíndose neste último punto á “ eliminación das desconexións locais cos contidos propios de cada cidade e das súas áreas de influencia”. Punto este para Souto paradoxal pois “o medio que, por definición, debería informar máis de preto, desatende a contorna máis próxima”.

O manifesto, promovido por un grupo de persoeiros entre os que están Margarita Ledo, Suso de Toro, Xiana Lastra ou Manuel Bragado, demanda: “Cómpre lembrarlle aos actuais responsables que non dirixen unha compañía privada, este medio é propiedade de todas e todos, e deben cumprir a lei. E cómpre lembrarlle tamén ao conxunto da sociedade que temos o dereito e deber de demandarllo”. E remata coas frases: “Nin silencio, nin barbarie: Longa vida á creatividade e ao talento. Longa vida ao Diario Cultural!”

Por último, quen desexe asinar este manifesto, o enlace a el é o seguinte: https://nosnonimosficarcaladas.wordpress.com/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xurxo Souto

Con toda humildade, a través do manifesto, estamos canalizando moitísimas sinerxías en defensa do DIARIO CULTURAL. Neste momento, venres á mañá, levamos 2207 sinaturas. Se somos quen de manter un pouco máis este impulso, nacerá o movemento máis importante en defensa dun espazo audiovisual da historia deste país ( así de sinxelo, así de poderoso).

1 Marquiños

Tan grave como a desaparición do Diario Cultural é o peche das delegacións é que hai exdirectivos que pasan bastante dos 70 anos e seguen en activo, máis ben cobrando sen traballar, ao mesmo tempo que perciben outro salario público da SS. Non hai como ter bos amigos na Xunta.