"Profe, para que serven as mates?"

O profesor e 'youtuber' Sergio Castro falará sobre o apaixonante reto de aprender matemáticas na sede de Afundación en Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/05/2018 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

"Profe, para que serven as mates?". Este é o título —e a resposta que se tentará responder— da conferencia que dará este mércores 23 de maio o profesor Sergio Castro, no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela (Preguntoiro, 23) a partir das 20.00 horas. A asistencia é gratuíta previa inscrición na web Ataquilla. com.

O profesor e 'youtuber' Sergio Castro.
O profesor e 'youtuber' Sergio Castro.

Afundación, a Obra Social de Abanca, continúa desenvolvendo así o seu Programa Educación Século XXI, nesta ocasión coa participación do profesor de matemáticas, física e química e youtuber Sergio Castro, que tentará demostrar que aprender matemáticas supón un reto apaixonante e que é posible facelo dunha forma entretida e á vez didáctica.

Sergio Castro é o creador da canle de YouTube Profesor10 demates, a través da cal tenta transmitir a súa paixón polas matemáticas e a física e química, ensinando de xeito ameno, divertido e próximo aos máis de 208.000 subscritores tanto de España como latinoamericanos que xa son parte da súa comunidade internauta. As titorías que elabora non só tentan servir de apoio a estudantes de todo o mundo, senón que tamén van dirixidas a docentes como material para introducir o flipped classroom.

As propostas da Área Educativa de Afundación abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta