Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2018 | Actualizada ás 01:20
O 85% dos 928 inscritos de En Marea que participaron na consulta sobre a dimisión de Paula Quinteiro, que se viu envolta nun incidente coa Policía Local de Santiago na madrugada do 18 de marzo, considerou que a deputada debe presentar a súa dimisión á acta de parlamentaria.
Do total do censo de 2.390 persoas que podían votar, exerceu o seu dereito a participar un total de 928 inscritos, o que implica case o 39 por cento dos integrantes de En Marea.
Deles, un total de 790 votaron si á pregunta formulada, mentres que os 138 restantes consideraron que a parlamentaria non tiña que deixar a súa acta parlamentaria. Isto significa que, do total de inscritos que participaron na consulta, o 85,1% votou si e o 14,9 por cento, que non.
Mentres, se se ten en conta o total de inscritos de En Marea, o resultado arroxa que case o 33% do censo da formación pide que deixe a súa acta, fronte a dúas de cada tres que opta por non pronunciarse na consulta ou por facelo en contra de que deixe a súa acta.
As bases de En Marea tiñan que contestar "si" ou "non" á pregunta: "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?".
VINCULARON OS SEUS CARGOS
Nas últimas horas, a Coordinadora de En Marea —que lidera Luís Villares e promoveu a consulta— vinculara a súa continuidade ao resultado da consulta, aludindo a que tiñan que sentirse "concernidos" polo que os inscritos decidan e ser coherentes coa súa postura, en palabras do seu integrante Gonzalo Rodríguez.
Mentres, en días pasados, a afectada, Paula Quinteiro, esgrimiu "indefensión" no proceso previo e asegurou que non acataría a decisión resultante da consulta, pero que si se sometería a un proceso revogatorio interno.
Próximos á deputada impulsaron un manifesto no que chamaban a non participar e que pouco antes da consulta superaba as 600 sinaturas, aínda que neste caso non fai falta ser membro de En Marea para poder sumarse ao documento. Ao peche da votación, superaba os 800 apoios, segundo os datos achegados polos impulsores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.