Por Marcos Lema | A Coruña | 14/03/2011
Dous mil anos dando luz a unha cidade e a todo un País nos confíns da Europa atlántica. Xa a lenda conta como Ith, o fillo do rei mítico Breogán, divisara novas terras dende o alto da torre. Neste sentido, a súa maxistral robustez e altura, sempre nos fixo mirar todo dende outra perspectiva.
É xustamente neste comezo do século XXI, o momento en que os habitantes ao pé do Faro divisemos outra vez novos horizontes e novas oportunidades. A nosa cidade leva décadas incrustada nun minúsculo concello de apenas 36 km2, sendo a segunda capital provincial de España con menor extensión territorial.
Pero a forza e a dinámica dunha cidade sempre na vangarda, eixe comercial e financeiro, estendeuse máis aló da súa limitada superficie municipal, no que coñecemos como fenómeno metropolitano. Pero este fenómeno urbanístico, económico e social non tivo na sempre ineficiente administración pública o seu correspondente político e administrativo. Isto provoca que, a efectos prácticos, o municipio coruñés estea separado do resto de zonas urbanas e industriais da periferia metropolitana, con gravísimas carencias en transporte colectivo ou servizos comúns.
O principal repto da nosa cidade para este século é darlle unha dimensión metropolitana que achegue a cidade a competir non con outras cidades galegas, nun estéril debate localista, senón con outras cidades europeas de tamaño medio como Liverpool, Porto, Xénova, Bilbao ou Burdeos. Porque o grande déficit dos tres partidos actuais con representación en María Pita, é que non teñen un proxecto estrutural de cidade, pensada máis aló dos límites municipais e máis do aló do curto e medio prazo (sobre todo do curto). Unha cidade ou un país necesitan dun plan estratéxico a longo prazo que, á vez que sexa realista, tamén sexa ambicioso. E no caso da Coruña é perfectamente realista e ambicioso remar na dirección de converternos nunha cidade europea de tamaño medio, sendo cabeceira dun área urbana que pase do millón de persoas. O sistema urbano europeo organízase en Grandes Megalópolis Mundiais, que en Europa serían Londres, París ou Frankfurt, Megalópolis Rexionais (Roma, Estocolmo, Madrid, Atenas, Lisboa...), Cidades Medias (Liverpool, Lyon, Valencia, Marsella, Nápoles, Colonia...) e Cidades Menores, no que estarían urbes como A Coruña.
Para subires de nivel no sistema europeo de cidades, neste caso o plan estratéxico de Converxencia XXI na Coruña, son esenciais os seguintes eixes (Transporte, Industria, Comercio e Turismo):
Transporte colectivo metropolitano. Fundamental unha tupida rede de metro lixeiro, tren suburbano (?cercanías?) e autobús, polo menos. Do metro lixeiro hai tempo que vimos escoitando noticias, pero de momento ningunha se refire á primeira pedra. E por estudos realizados non será. Pero o que realmente é flagrante é o tema do tren suburbano ou de cercanías, porque as vías xa están feitas, só hai que poñer un tren e frecuencias adecuadas, e empezar a funcionar.
Conformación dun hub portuario no hinterland do golfo Ártabro. É esencial a total coordinación dos novos portos exteriores de Caneliñas e Langosteira, así como dos portos interiores, creando un área portuaria única que coordine todos os portos do golfo Ártabro. No espazo atlántico sur-europeo non hai ningún grande porto de mención. Para o ano 2014 rematará a ampliación da Canle de Panamá, permitindo o paso dos barcos chamados ?Post-Panamax?. Galicia é o punto do continente europeo máis perto de Panamá, por tanto a oportunidade de converternos no ?Rotterdam atlántico? está nas nosas mans. Isto actuaría como unha potentísima locomotora industrial.
Consolidación comercial como ?cidade de compras? de todo o noroeste peninsular. Co proxecto de Marineda City, 3º centro comercial máis grande de Europa, a nosa cidade contará cunha oferta de grandes superficies inigualable. Lonxe de ver as grandes áreas comerciais como unha ameaza para o pequeno comercio, vémolo como unha grande oportunidade. Marineda City espera 15 millóns de visitas ao ano, que nunha porcentaxe altísima virán de fora da comarca. Este fluxo de clientes hai que aproveitalo como turismo fin de semana e de compras, pudendo atraer un grande número de clientes a outras áreas da cidade, revitalizando e especializando o pequeno comercio e o sector turístico.
Creación dunha marca internacional de prestixio para a cidade. A marca estará baseada en ofrecer unha cidade aberta, cultural, dinámica, de carácter atlántico e con exquisita gastronomía. Entre os obxectivos están albergar un grande congreso anual internacional, concertos de grupos punteiros e de prestixio internacional, concentración do gasto para as Festas de María Pita nunha soa semana na contra de todo o mes, para potenciar as festas e o turismo ou a creación dun festival internacional de arte, música e cultura denominado "Festival Internacional Atlántico da Coruña".
E todo isto sen esquecer a grande marca que nos fixo situar no mapa fora das nosas fronteiras: o Deportivo. Volta ao consenso municipal con esta entidade deportiva para que volva á máxima competición. Durante anos foi o noso mellor embaixador.
Para unha maior efectividade de todo o exposto Converxencia XXI, o partido polo cal son candidato á alcaldía da Coruña, avoga pola cooperación e operatividade dos municipios. Neste caso A Coruña xogaría un papel central como cabeceira da área metropolitana. É fundamental que, como cabeceira, as políticas de transporte metropolitano, servizos comúns (bombeiros, policía metropolitana, recollida do lixo etc.) ou turismo, entre outras, sexan decididas dende a propia cidade, aumentando a eficiencia, por ser eixes comúns estratéxicos e fundamentais de toda a área metropolitana. A área metropolitana ten que funcionar como unha soa cidade. A realidade política e administrativa tense que adaptar á realidade económica e social, e un habitante de Oleiros ou Culleredo depende tanto da Coruña como un coruñés de Os Castros. Por tanto é xusto que haxa unhas decisións comúns para toda esa área metropolitana coruñesa, que existe de facto. Eficiencia e cooperación serán conceptos que se recollan no noso programa.
E tamén a pluralidade, centrismo, moderación, modernidade, consenso, democracia ou galeguismo serán conceptos que definan a Converxencia XXI. Neste aspecto é importante volver reivindicar na Coruña o galeguismo co que historicamente sempre conectou, ese galeguismo das Irmandades da Fala ou da Real Academia Galega.
Converxencia XXI é un partido de futuro que non renega do noso legado cultural. Presentamos un proxecto innovador, moderno e baseado no consenso e a cooperación. Estamos preparados para servir os intereses da Coruña e de toda Galicia. E co apoio da cidadanía seremos capaces de colocar A Coruña e Galicia en converxencia co resto de Europa.