Falar sen medo

A maioría vivimos un presente ben fodido, pola nosa situación persoal, pola das nosas familias ou pola da xente coa que convivimos. E, por moito optimismo co que enfrontemos o futuro, este cada vez péchanos máis as súas portas. É verdade que recibimos animo cada dúas por tres e o grande paradoxo que nos ofrece a política actual é un discurso ou relato no que os problemas reais son transformados en oportunidades. Filosofia barata ou prédica, no mellor dos casos.

Por Fermín Paz | Ferrol | 30/05/2018

Comparte esta noticia
No fondo o futuro é como un buraco negro no cal o noso ollo non pode ver nada e nese espazo sumido na obscuridade total o máis que nos atrevemos a prognosticar ou imaxinar é unha serie de acontecementos con escasas posibilidades de acertar. Se difícil é achegarse ao que vai pasar e ao que sucederá coas nosas vidas (o máster consiste en collerlle o tranquillo), só pensar nese espazo xigantesto que é o futuro paréceme unha ousadía. É unha tarefa ou disciplina máis para a cultura anglosaxona porque manexan e traballan con variables evolutivas que na cultura do Estado español son impensables. O noso horizonte de sucesos non pode estar mais falto de luces. Nada novo baixo o sol.
 
Hoxe darei unha volta polo presente e o pasado para tratar de aprender dos nosos propios erros.
 
O de Irene e Pablo nunca mereceu ser tratado como un problema de Podemos. Ambos convertérono nun asunto colectivo da organización que representan. Agora xa non importa o resultado, o fundamental é que calquera forma de chantaxe non deixa de ser unha corrupción politica encuberta. Os erros en política non os corrixen os palmeir@s e  a "nova política" ten demasiados. Quizais se deba á herdanza que recibimos. A crítica e a disidencia son unha necesidade democrática para que as organizacións non caian en personalismos. Eis outra organización que transita lentamente da ilusión á decepción. Esta é a miña perspectiva sobre a ”hipoteca da famosa casa , o novo modelo de vida e os ataques da caverna mediática”. A tendencia na que o liderado poña a organización aos seus pés non é nada novo, máis ben é historia.
 
Como teño algunha experiencia sobre casos de natureza similar, atrevereime a facer algún comentario-recordatorio. “Augusto Assia”, nas súas “Cartas ao Director “, fixo un dos seus maiores esforzos en combater o nacionalismo galego a través dos seus artigos, de páxina enteira, grazas á cobertura dos propietarios de “La Voz” cos que emparentara a través do seu matrimonio. Foi un intento de manipulación que obrigaba a estar dando explicacións continuas sobre aquelas “medias verdades” que o Sr. Armesto nos dedicaba con nocturnidade e aleivosía. O outro empeño foi disfrazarse de liberal na transición española para agachar o seu pasado franquista e presentarse como un defensor da democracia e dos seus valores. Os seus cambios ideolóxicos nunca obedeceron a unha evolución lóxica, mais ben deberíamos consideralo como un integrante do grupo dos “vira-chaquetas”, basándonos no refraneiro popular. Eran tempos carentes de calquera tecnoloxía coa que poder facer fronte aos seus “libelos” e a defensa  daqueles ataques desorbitados dependía case en exclusividade do traballo militante xa que a dirección non dispoñía de medios para facer chegar respostas puntuais á militancia. Así, no noso día a día , a primeira tarefa era facerlle fronte a todo tipo de acusacións, inxurias ou calumnias deste “xornalista” e, cando  chegabas ao traballo ou diante das túas amizades, tratabas de dar resposta a aquela falta de obxectividade e sistematización da manipulación mediática.  A nosa praxe era sempre a mellor aliada e o noso principal argumento.
 
Na época do bipartito, o principal erro do Bloque estivo nunha pretendida “adaptación” á que se quixo someter á Organización, no período de goberno compartido, consistente en transformar o proxecto colectivo nun liderado con delegación permanente para poder resolver a tempo as necesidades que a nova situación demandaba . Nesta fase, todo quedaba supeditado ás prioridades marcadas nese goberno bipartito ou nas Consellerías con titularidade nacionalista. Iso supoñía negar acenos de identidade moi forxados en amplos debates e consensos, tanto no interno da organización como nas diferentes alternativas que o nacionalismo galego fora construíndo con moitísimo esforzo ao longo do súa andadura. Un proxecto colectivo mangoneado por un liderado que a miúdo chantaxeaba a organización, servíndose da súa xerarquía e a colaboración necesaria dos palmeir@s da quenda.
 
Sempre os proxectos colectivos teñen o perigo de ser reconvertidos en proxectos persoais cando os liderados afrouxan o contrapoder da organización  e a vixilancia do que se está a facer.
 
Non é de estrañar que demasiados asuntos políticos están nun punto de non retorno. O dano está feito e difícilmente sairemos pola corredoira que a miúdo trazan os opinadores e decididores. Nin a xustiza fará milagres cando difícilmente fai xustiza en tempo e forma, nin as bases inscritas , militantes ou simpatizantes trazarán dinámicas diferentes para que as organizacións políticas corrixan os seus erros e desviacións. No fondo, podemos observar que a política de hoxe consiste en que os seus dirixentes teñan unha preocupación obsesiva máis pola forma que polo fondo dos problemas. Estamos máis perto de irnos á merda que de achegarnos a Silicon Valley.
 
Non falta tanto para que o lento camiñar a que nos obriga o día a día dos acontecementos, nos achegue de novo “ao medo dos abismos”  e, chegados aí, ¡coidado!, con refuxiarnos no pasado. Falaba nun anterior artigo deste perigo, parafraseando a Gunter Grass. Aínda que o país estea podre e caia a pedazos, malia todo, non cometamos o erro de deixarnos conducir a un pasado mitificado de heroes e tumbas.
Son dos que cren que hai unha vella veta autoritaria na cultura política do estado español tendo saudade da chegada dun “ liderado forte”, e cando as cousas están como están, é un vello recurso que contará con bastantes apoios. Bágoas e sangue esperan os pobos unha vez tomadas esas derivas.
 
Non nos enganemos, a dereita política española bebeu a súa ideoloxía no franquismo e logo foise adaptando ou transformando a remolque das esixencias da realidade. Nada é imposible.
 
Dificilmente os atallos servirán para chegar a onde se dí que se quere chegar, incluída a moción de censura das derradeiras horas que só se alimenta na perspectiva electoral e non ofrece ningunha posibilidade de cambio real. No sei como sairá “o retrato” logo da votación do vindeiro venrres pero seguramente con moita leria. 
 

Pablo Iglesias no debate de investidura no Congreso
Pablo Iglesias no debate de investidura no Congreso
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.